O leaky scanning (que se pode traducir non literalmente como 'escaneo con fugas' ou 'escape do escaneo') é un mecanismo usado ás veces durante a fase de iniciación da tradución de proteínas eucariota que permite a regulación da expresión xénica. Durante a iniciación da tradución, a subunidade ribosómica pequena de 40S eucariota (en forma dun complexo de preiniciación de 43S ou 43S PIC) "escanea", "rastrexa" ou móvese en dirección 5' → 3' ao longo da rexión non traducida 5' (5'UTR) para localizar o codón de iniciación (AUG) para comezar a fase de elongación da tradución. Non obstante, ás veces o ribosoma que está escaneando salta o codón de iniciación AUG normal pasando de longo e empeza a tradución máis adiante, augas abaixo noutro codón AUG que encontra, que debía codificar unha metionina do interior da proteína, pero que é usado como novo codón de iniciación, polo que a proteína vai quedar máis pequena do habitual, sen a parte inicial normal.[1] Coa maioría dos mecanismos de escaneo que usa o ribosoma, a tradución en células eucariotas ocorre no codón de iniciación AUG máis próximo ao extremo 5' do ARNm; porén, se o ribosoma que está escaneando encontra un “contexto nucleotídico desfavorable” arredor do codón de iniciación, continúa escaneando sen iniciar a tradución alí.[2]

Non sempre a iniciación da tradución por este mecanismo ocorre en codóns AUG situados máis adiante do normal. Hai certos casos nos que se atopou que a iniciación ocorría augas arriba nun codón que non era AUG. En xenes eucariotas que conteñen secuencias líder ricas en G-C obsérvase con frecuencia este mecanismo. Hipotetízase que o escaneo faise máis lento debido a unha estrutura secundaria que permite a unión do ARNt-Met cun codón incorrecto.[3]

Varios virus usan o mecanismo do leaky scanning para producir proteínas fundamentais, o que implica que este procedemento non é unha consecuencia dunha deficiencia ou erro, senón, ao contrario, permite aos virus superar as altas presións selectivas de ter que competir cos seus hóspedes.[4] Os biólogos moleculares están buscando cal é o ambiente nucleotídico ideal para a iniciación da tradución e o mecanismo polo cal os virus se replican.[1]

Descubrimento editar

Por medio de varios estudos Marilyn Kozak foi a primeira en recoñecer o papel esencial que ten o escaneado durante a iniciación da tradución en células de mamíferos. O codón AUG en mamíferos é recoñecido optimamente se está no contexto GCCRCCAUGG, tamén coñecido como secuencia consenso de Kozak.[5] A purina (R) e cada un dos nucleótidos dentro desta secuencia están altamente conservados e teñen unha importante función no recoñecemento e iniciación da tradución en moitas subunidades ribosómicas de 40S. Co contexto óptimo arredor do codón de iniciación AUG, os ribosomas empezan a iniciación nese punto. Un contexto débil dáse cando as secuencias adxacentes ao codón de iniciación AUG se desvían da secuencia consenso. Uns poucos ribosomas iniciarán a tradución nunha destas localizacións débiles, mais a maioría realizará aquí un leaky scanning, pasando de longo o codón, e iniciarana augas abaixo. Como consecuencia, é probable que se produzan proteínas diferentes.[3]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Kozak, Marilyn. “Initiation of Translation in prokaryotes and eukaryotes.” Gene 234 (1999): 187-208. Academic Search Complete. Web. 10 de xuño de 2014.
  2. Herzog, Etienne., et al. “Translation of the Second Gene of Peanut Clump Virus RNA 2 Occurs by Leaky Scanning In Vitro.” Virology 208. (1995): 215-225. Academic Search Complete. Web. 10 de xuño de 2014.
  3. 3,0 3,1 Kozak, Marilyn. “Pushing the limits of the scanning mechanism of initiation of translation.” Gene 299 (2002): 1-34. Academic Search Complete. Web. 11 June 2014.
  4. Ryaboba, Lyubov., et al. “Translation reinitiation and leaky scanning in plant viruses.” Virus Research 119 (2006): 52-62 Academic Search Complete. Web. 23 de xuño de 2014.
  5. Hinnebusch, Alan., “Molecular Mechanism of Scanning and Start Codon Selection in Eukaryotes.” American Society for Microbiology Vol. 75 no. 3. (2011): 434-467. Web. 11 de xuño de 2014.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar