Josué País

revolucionario cubano de orixe galega

Josué País García, nado en Santiago de Cuba o 28 de decembro de 1937 e morto no mesmo lugar o 30 de xuño de 1957, foi un revolucionario cubano, de orixe galega. Era irmán menor de Frank País.

Josué País
Nacemento28 de decembro de 1937
 Santiago de Cuba
Falecemento30 de xuño de 1957
 Santiago de Cuba
NacionalidadeCuba
OcupaciónRevolucionario
IrmánsFrank País
editar datos en Wikidata ]

Nacemento e familiaEditar

Josué País García naceu o 28 de decembro de 1937 en Santiago de Cuba. O seu pai era o galego Francisco País Pesqueira, un pastor protestante casado con Rosario García Calviño, ambos de Marín, provincia de Pontevedra, que emigraran a Cuba. Do mesmo xeito que o seu irmán Frank, estaba moi influído pola educación da nai, dona Rosario, xa que o seu pai morreu cando Josué tiña dous anos.

RevolucionarioEditar

Participou nunha manifestación o 7 de decembro de 1953 en homenaxe a Antonio Maceo xunto con outros estudantes santiagueiros.

Aos 16 anos tiña coñecemento das ideas de Martí, nese momento decatouse da significación do Asalto ao Moncada, e integrou as primeiras organizacións de loita contra o goberno de Batista fundadas por aqueles días.

O seu irmán Frank tivo parte de responsabilidade na súa inclinación á loita contra o goberno existente naquel momento cando polo seu tesón logrou obter a carreira de Enxeñaría Mecánica. Foi fundador xunto co seu irmán Frank da Acción Revolucionaria Oriental (ARO), unha organización para a loita contra o goberno de Fulgencio Batista.

A mediados de 1954 sorprendérono pintando un muro con consignas de "Abaixo Batista!" Foi conducido a unha comisaría onde foi interrogado pero só se inculpou a si mesmo.

Durante os acontecementos do 30 de novembro de 1956 Frank deulle a responsabilidade a Josué dos preparativos da fuga dos presos "políticos" confinados no cárcere de Boniato. Logo dentro do plan xeral da acción encomendoulle a delicada tarefa de disparar cun morteiro, desde o Instituto de Segundo Ensino, cara ao Cuartel Moncada. A misión foi frustrada ao ser detido xunto a Léster Rodríguez, cando tentaban cruzar os muros do centro estudantil.

Foi incluído co resto dos apresados polo levantamento e o desembarco do Granma na coñecida Causa 67 de 1956. Até o día do xuízo, Josué gardou prisión no propio penal de Boniato. Tras a saída de prisión foi ascendido pola Dirección do Movemento do 26 de Xullo a tenente de milicias, e do mesmo xeito que outros loitadores contra Batista pasou á total clandestinidade. Nesta situación serviulle como refuxio a casa de Ángeles Montes de Oca.

AsasinatoEditar

O domingo 30 de xuño de 1957 o goberno de Batista auspiciou un mitin no Parque Céspedes de Santiago de Cuba. O seu principal organizador foi Rolando Masferrer. O Movemento 26 de Xullo planeou entón unha serie de accións, entre elas, segundo Agustín Navarrete (Tin): "a colocación de petardos en lugares próximos ao parque e a saída de comandos que dispararían ao aire para disolver aos reunidos. Un dos grupos armados que sairía a actuar ese día, iría comandado por Josué País".[1]

Por unha errónea interpretación, o grupo designado para colocar os outros artefactos non cumpriu a súa misión. Josué, desesperado, tratou de contactar telefonicamente con Tin, pero non puido e entón decidiu actuar. Nun auto incautado, Salvador Pascual púxose ao temón con Josué á beira e no asento de atrás, Floro Bistel xunto con Belkis, Gloria e Elsa Casañas. Na esquina de San Antonio e Carnicería obrigaron ás mulleres a abandonar o vehículo. "Tedes que baixar –díxolles Josué–, non temos parque suficiente e imos facer un percorrido por Martí soamente".[1]

Minutos despois, detectounos unha patrulla que comezou a perseguilos. En Martí y Crombet, outra patrulla pechoulles o paso. Collidos entre dous lumes, un disparo fixo diana nun dos pneumáticos do automóbil; Salvador decidiu dar un xiro e estrelarse contra un almacén. Apenas puido saír do vehículo, unha serie de disparos detívoo para sempre. Floro, sen deixar de disparar a súa escopeta recortada, tentou parapetarse detrás do coche, pero un disparo deulle nas costas e outro, mortal, atravesoulle a garganta. A Josué, pistola en man, ferírono no brazo dereito e en varias partes do corpo. Perdeu o coñecemento.

Testemuñas presenciais afirman que Josué estaba aínda con vida cando foi capturado. A súa tía Angelita, quen vestiu o seu cadáver, relataría anos despois: "Tiña feridas en ambos os ombreiros. O seu brazo presentaba moitos impactos de bala. Pero o que máis me impresionou foi un tiro que lle deron na tempa. Sen dúbidas, rematárano".[1]

Os féretros de Josué, Salvador e Floro ían cubertos con bandeiras do 26 de xullo e os santiagueiros coreaban o Himno Nacional. Antes de partir para o cemiterio, dona Rosario ordenou: "Deixen o sarcófago aberto, para que Josué poida ver ao seu pobo que o segue".[1]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Todo coraje" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2007. Consultado o 4 de xaneiro de 2018.