José Luis Ponce Alcázar

futbolista español

José Luis Ponce Alcázar, coñecido simplemente como Ponce, nado en Murcia o 27 de agosto de 1942 e finado o 15 de decembro de 2021, foi un futbolista español, que xogaba como dianteiro e lateral dereito.

Ponce
Información persoal
Nome José Luis Ponce Alcázar
Nacemento 27 de agosto de 1942
Lugar de nacemento Murcia
Falecemento 15 de decembro de 2021
Posición Dianteiro, lateral dereito
Carreira xuvenil
Murcia
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1960–1961 Águilas
1961–1963 Ourense 10 (1)
1963–1964 Albacete
1964–1966 Constància 57 (1)
1966–1968 Elche 33 (0)
1968 Toronto Falcons 30 (0)
1968–1970 Córdoba 52 (1)
1970–1971 Calvo Sotelo 18 (0)
1971–1974 Murcia 59+ (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Como futbolista editar

Nacido no barrio murciano de Zeneta, formouse como futbolista no Murcia. Descartado polo club trala súa etapa xuvenil, xogou co Águilas na Terceira División.[1] En 1961 fichou polo Ourense, da Segunda División, por petición do adestrador Molinuevo, que vía nel un prometedor dianteiro centro.[1] Con todo, pouco despois da súa chegada sufriu unha lesión nun xeonllo, polo que o club contratou como o seu substituto a Abel, cuxo gran rendemento fixo que fose titular en cae tódolos partidos da tempada, na que o Ourense acabou terceiro.[2] Ponce disputou só 2 partidos esa tempada e 9 na seguinte, marcando un gol ante o Atlético Baleares.

Na tempada 1963/64 xogou no Albacete,[1] antes de fichar polo Constància de Inca para a tempada 1964/65 da Segunda División. No club balear foi reconvertido a lateral dereito e fíxose coa titularidade dende o primeiro momento, disputou un total de 61 partidos oficiais en dous anos e logrou nos dous casos a salvación en senllas fases de permanencia, ante Béjar Industrial e Eibar respectivamente. O seu bo rendemento na illa fixo que se fixase nel o Elche, que pagou 800.000 pesetas pola súa fichaxe.[1]

Na tempada 1966/67 debutou na Primeira División, disputando 25 partidos e obtendo o noveno posto final, con Otto Bumbel como adestrador. Ese mesmo ano o equipo ilicitano chegou ás semifinais da Copa do Xeneralísimo. Na tempada seguinte, na que pasaron polo banco Alfredo Di Stéfano e Ferdinand Daučík, a súa participación reduciuse a só 8 encontros, acabando o equipo 11º.

En 1968 trasladouse ao Canadá para xogar nos Toronto Falcons, cos que participou na primeira edición da NASL, obtendo o terceiro posto na División dos Lagos. No equipo canadense tivo como adestrador a László Kubala e como compañeiros a Branko Kubala e Yanko Daučík entre outros.[3] De regreso a España, na tempada 1968/69 xogou no Córdoba, co que descendeu a Segunda División, tendo de novo como técnico a Kubala. Xogou no club andaluz ata 1970, cando fichou polo Calvo Sotelo, da Segunda División, onde viviu un novo descenso.

En 1971 regresou ao Murcia, club no que se formara pero co que nunca chegara a xogar no primeiro equipo. Militou nel durante tres tempadas, logrando dous ascensos consecutivos dende a Terceira ata a Primeira División.[1]

Atracos a bancos editar

Na súa etapa no Murcia caeu no mundo das drogas, e a pesar dos seus bos números, o club decidiu non renovar o seu contrato.[1] O seu representante conseguiulle entón a oportunidade de fichar polo Olympique de Marseille, pero as noticias do seu estilo de vida chegaron ao club francés e a oferta foi retirada.[4] Despediu en Marsella ao seu representante e volveu a España en coche xunto á súa parella Purita. Pararon en Andorra, onde mercaron un revólver e unha escopeta, cos que levaron a cabo un atraco ao Banco Ibérico de Murcia o 7 de outubro de 1974, roubando máis dun millón de pesetas.[1] Dous meses e medio despois realizou un novo atraco, desta vez na Caixa Rural de Orihuela.[4]

Con todo, o segundo atraco non lle saíu tan ben como o primeiro. A resistencia dos empregados causoulle feridas na cara e cando foi queimar o coche foi identificado por varios nenos. Uns días despois foi detido en Murcia e ingresou en prisión.[5] Cumpriu seis anos de condena no cárcere de Carabanchel e tras recuperar a súa liberdade traballou como representante de futbolistas.[1][4]

Faleceu o 15 de decembro de 2021, aos 79 anos de idade.[6]

Palmarés editar

Murcia

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Yustas, Frinchu. "Ponce, el futbolista que atracó dos bancos" (en castelán). Consultado o 27 de xuño de 2022. 
  2. "Capítulo de lesiones en el encuentro inaugural Orense - Plus Ultra". El Pueblo Gallego (en castelán) (12425). 3 de setembro de 1961. p. 14. Consultado o 27 de xuño de 2022. 
  3. "Toronto Falcons 1968". nasljerseys.com (en inglés). Consultado o 27 de xuño de 2022. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Bonnie & Clyde en el fútbol español" (en castelán). 4 de outubro de 2021. Consultado o 27 de xuño de 2022. 
  5. "Ponce, ex-jugador del Murcia, detenido por atracador". El Pueblo Gallego (en castelán) (18607). 31 de decembro de 1974. p. 20. Consultado o 27 de xuño de 2022. 
  6. Tallón, M. G. (15 de decembro de 2021). "Fallece Ponce, histórico jugador del Murcia de los años 70 y que fue a la cárcel por atracar dos bancos" (en castelán). Consultado o 27 de xuño de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar