Abrir o menú principal

José Ferrer de Couto

militar, historiador e xornalista galego

José Ferrer de Couto, nado en Ferrol o 14 de xullo de 1820 e finado en Nova York en 1877, foi un militar, historiador e xornalista galego.

José Ferrer de Couto
Nacemento14 de xullo de 1820
 Ferrol
Falecemento1877
 Nova York
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista, militar e historiador
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Fillo de Manuel Vicente Ferrer, subtenente de infantería de Mariña, e Manuela de Couto. Estudou na Academia Militar de Guardias Marinas y Pilotos de Ferrol. En 1837 foi nomeado subtenente dun dos batallóns que se enfrontaron aos carlistas.

Publicou o tratado Moral del ejército, no que defendía a escrupulosa separación entre a carreira militar e a política, o que lle trouxo problemas e marxinación dentro do corpo, polo que deixou o exército en 1844. Tamén escribiu un tomo de poesías, Horas de mal humor. Logo de licenciarse compuxo os tres volumes do Album del ejército español. Encargáronlle unha Historia de la Marina Real Española, e mentres se documentaba escribiu unha Historia del combate naval de Trafalgar que lle valeu a Cruz de Carlos III. Tamén obtivo a encomenda da Orden de Isabel la Católica.

Con motivo da expedición contra Cuba do insurxente Narciso López e a súa captura, viaxou á illa e publicou Vindicación de los hechos y administración de los españoles en América e América y España, dirixido contra os Estados Unidos e a doutrina Monroe. Tamén son da súa autoría Cuestiones de México, Venezuela y América en general, Reincorporación de Santo Domingo a España e México y España. Da súa obra Crisol histórico español y restauración de glorias nacionales chegaron a facerse dúas edicións, e o autor regalou os fondos que obtivo para os gastos da guerra de Santo Domingo, Cuba e Porto Rico.

Marchou a Nova York en 1860, onde fixo fortuna. Ao falecer o propietario e director de La Crónica de Nova York, que defendía os intereses españois nos Estados Unidos, encargáronlle dirixila en 1863. Preferiu fundar e editar un novo periódico, El Cronista de Nueva York, que tamén dirixiu e desde onde denunciou as piraterías contra as repúblicas hispanoamericanas e contra as illas españolas, apoiando ao embaixador e escritor Gabriel García Tassara. Dedicouse a esmiuzar e desentrañar as mentiras da prensa estadounidense, e loitou contra os independentistas cubanos emigrados. Tamén escribiu Cuba puede ser independiente.

Encabezou nos estados do norte a oposición aos plans abolicionistas de Abraham Lincoln co seu libro de 1864 Los negros en sus diversos estados y condiciones, tales como son, como se supone que son y como deben ser, publicado simultaneamente en inglés e español, e que lle atraiu a inquina dos medios abolicionistas. É un estudo para xustificar económica, histórica e moralmente a práctica da escravitude -que Ferrer de Couto non recoñece como tal, senón como "traballo organizado dos negros"- e ten como propósito ser unha base de acordo para que os dous bandos da Guerra de Secesión, o norte de Lincoln e o sur de Jefferson, a preserven sexa cal fora o resultado final da guerra:

Tratando de facilitar un acomodamento honroso entre o Norte e o Sur dos Estados Unidos pensáronse e escribíronse todos os argumentos deste libro.

Ferrer de Couto entende que a escravitude dos negros é en realidade "o rescate de aqueles infelices" das súas "atroces" condicións orixinais en África e que a "aplicación das súas forzas á agricultura e á industria é un feito civilizador e humanitario". Non dubida en atribuir historicamente a España e Portugal a responsabilidade do tráfico de escravos a gran escala. Estima que este fluxo permitiu "arrincalos dos altares do Demo e trasplantalos a terras cultas onde por fin alcanzaban o coñecemento de Deus e da vida social, polos camiños da relixión e o traballo". Para reforzar este argumento fai unhas detalladas descricións da brutalidade que impera nas nacións de África occidental dende que a influencia española e portuguesa foi desprazada polos "filántropos" ingleses e franceses.

José Ferrer de Couto está enterrado en Nova York, como era o seu desexo. Cando morreu, o New York Times dedicoulle unha extensa e eloxiosa necrolóxica.

RecoñecementosEditar

Foi membro da Sociedad Económica de Madrid e da Sociedad Geográfica de México, cabaleiro da orden do mérito militar, cabaleiro do hábito de Santiago, cabaleiro da orden militar de San Fernando, oficial da orden militar imperial de Guadalupe.