José Boedo
José Boedo López, nado en 1887 no concello de Oza (integrado posteriormente no concello da Coruña) e finado o 19 de agosto de 1936, foi un sindicalista galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1887 Oza, España |
Morte | 19 de agosto de 1936 (48/49 anos) A Coruña, España |
Causa da morte | paseo, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | sindicalista |
Membro de | |
Familia | |
Fillos | José Antonio Boedo Núñez, Pucho Boedo |
Traxectoria
editarViviu no barrio coruñés da Silva. Estivo vinculado ao Sindicato de Canteiros da Coruña, no que ocupou xa un cargo directivo á altura de 1918. Comezou a destacar publicamente e a intervir en actos públicos, como o multitudinario mitin que tivo lugar en agosto de 1923 na praza de touros da Coruña pedindo o indulto para o cabo Sánchez Barros, un coruñés que fora condenado a morte pola súa intervención nunha revolta popular en Málaga contra as levas para a guerra de África.
Durante os anos da II República foi un dos máis destacados militantes do seu sindicato, ao que representou en diversos comicios de ámbito galego, e mesmo ocupou cargos de responsabilidade na Federación Local Obreira da Coruña e no Comité Rexional da Confederación Nacional do Traballo (CNT). Foi tamén un dos fundadores do Ateneo Resplandor en el Abismo de A Silva.
Despois do triunfo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi detido e fusilado o 19 de agosto de 1936. A súa familia sufriu unha brutal represión; o seu fillo José Antonio Boedo Núñez foi fusilado o 11 de setembro de 1937. Outro dos fillos, Pucho Boedo, foi un cantante de sona.