Johnny colleu o seu fusil
Johnny colleu o seu fusil (en inglés: Johnny Got His Gun) é un filme estadounidense antibélico escrito e dirixido por Dalton Trumbo e protagonizado por Timothy Bottoms, Kathy Fields, Marsha Hunt, Jason Robards, Donald Sutherland e Diane Varsi. Está baseado na novela homónima de Trumbo.
Johnny colleu o seu fusil | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Johnny Got His Gun |
Director | Dalton Trumbo |
Produtor | Bruce Campbell |
Guión | Dalton Trumbo |
Baseado en | Johnny Got His Gun, de Dalton Trumbo |
Intérpretes | Timothy Bottoms Jason Robards Donald Sutherland Diane Varsi Kathy Fields |
Música | Jerry Fielding |
Fotografía | Jules Brenner |
Montaxe | Millie Moore |
Estudio | World Entertainment |
Distribuidora | Cinemation Industries |
Estrea | 14 de maio de 1971 |
Duración | 111 minutos |
Orixe | ![]() |
Orzamento | máis dun millón de dólares[1] |
Na rede | |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
Aínda que tivo certo éxito no tempo da súa estrea, foi esquecido pouco despois polo gran público. A pesar de que se coñece que Jimmy Carter esixiu aos membros do seu goberno que visen o filme pouco despois da súa elección como gobernador de Xeorxia en 1971, o filme fíxose máis popular cando foi incluído no vídeo da canción "One", de Metallica, que acabou por converter Johnny colleu o seu fusil nun filme de culto. Os membros de Metallica compraron os dereitos do filme para poder seguir mostrando o videoclip sen pagar royalties adicionais.[2]
ArgumentoEditar
Joe Bonham (Timothy Bottoms), un soldado estadounidense novo ferido por un proxectil durante a primeira guerra mundial, xace na cama dun hospital. É un amputado cuádruplo que tamén perdeu os seus ollos, orellas, boca e nariz. Permanece consciente e capaz de razoar, mais as súas feridas fano prisioneiro no seu propio corpo. Mentres deriva entre a realidade e a fantasía, lembra a súa vida pasada coa súa familia e a súa moza (Kathy Fields). Tamén establece un vínculo cunha enfermeira nova (Diane Varsi) que nota a súa situación.
Joe intenta comunicarse cos méditos mediante o código Morse movendo a súa cabeza dicindo "help" ("axuda"). Desexa que o exército dos Estados Unidos o coloque nun cadaleito de cristal nun espectáculo de monstros (freak show) para mostrar os horrores da guerra. Cando se lle di que o seu desexo é imposible, responde pedindo a eutanasia, repetindo "kill me" ("mátenme").
Finalmente dáse de conta de que o exército non pode levar a cabo o seu desexo e que o deixará no estado de morte vivente. A súa enfermeira intenta practicarlle a eutanasia atoando o seu tubo respiratorio, pero o supervisor páraa antes de que Joe faleza. Joe entende que nunca sairá da súa trampa e déixano só repetindo "SOS Help me" ("SOS, axúdenme").
ElencoEditar
- Timothy Bottoms como Joe Bonham
- Kathy Fields como Kareen
- Marsha Hunt como a nai de Joe
- Jason Robards como o pai de Joe
- Donald Sutherland como Cristo
- David Soul como soldado
- Anthony Geary como soldado
- Charles McGraw como Mike Burkeman
- Sandy Brown Wyeth como Lucky
- Don 'Red' Barry como Jody Simmons (acreditado como Donald Barry)
- Diane Varsi como enfermeira #4
ProduciónEditar
O filme distingue entre a realidade de Joe e a fantasía con branco e negro para o hospital e cor para os seus soños e lembranzas. Os seus soños están inducidos polas drogas, como cando fala co seu pai morto e Xesús Cristo, coa cor saturada. Os seus recordos son nunha cor máis clara, como na viaxe de pesca e a súa última noite con Kareen. As feridas de Joe nunca se ven nas escenas do hospital: a súa cara está cuberta cunha máscara e o seu corpo por sabas.
NotasEditar
- ↑ American Cindmatographer 1971
- ↑ Ryan, James (3-2-2016). "FANTASIA OBSCURA: How the Real-Life 'Trumbo' Influenced... Metallica?". RebeatMag.com. Consultado o 26-9-2016.
- ↑ Programación, consultado o 24-3-2018