John Locke (Lost)

Este artigo trata sobre o personaxe de ficción da serie Lost, para o filósofo véxase John Locke.

John Locke é un personaxe ficticio da serie de televisión norteamericana Lost, interpretado polo actor Terry O'Quinn. O seu nome fai referencia ao filósofo empirista británico John Locke. En 2007, O'Quinn gañou un premio Emmy pola súa interpretación de Locke.[1]

Biografía editar

Naceu o 30 de maio de 1956 en Tustin, California. Foi abandonado pola súa nai, Emily Locke, pouco despois de nacer porque ela, que aínda era unha adolescente, non se sentía preparada para educalo. Por esta razón, John criouse en numerosas familias de adopción. Varias décadas máis tarde, sendo adulto, foi visitado pola súa nai, que lle dixo que non tiña pai e que fora concibido inmaculadamente. Intrigado, decidiu poñerse en busca do seu pai, xa que non creu as palabras da súa nai. Descubriu que era Anthony Cooper e John estableceu unha gran relación con el.

A saúde do seu pai empeorou e os médicos diagnosticaron que precisaba un ril. Locke decidiu doar un dos seus riles a Anthony, pero despois de facelo decatouse de que o seu pai o enganara para facerse a operación e agora xa non o necesitaba máis. Axiña desapareceu da súa vida. Esa experiencia traumatizou a John e fixo que sufrise depresión polo que tivo que asistir a terapias, onde coñeceu a Helen, unha muller coa que iniciou unha relación sentimental. Non obstante, cando o seu pai volveu aparecer na súa vida para pedirlle axuda, Locke decepcionou a súa parella aceptando prestarlle a axuda que necesitaba. Helen abandonou a Locke e este comezou unha vida solitaria.

Ao pouco topouse cun rapaz chamado Peter Talbot preguntando por Anthony Cooper, do que sospeitaba que puidese estafar á súa nai. Aínda que John o negou, foi falar co seu pai para evitar que fixese tal cousa. Porén, o rapaz apareceu morto días despois e Locke empezou a sospeitar do seu pai. Por iso acudiu a visitalo e, en plena discusión, o seu pai empurrouno pola ventá dun oitavo piso. Locke sobreviviu á caída, pero rompeu a columna e quedou parapléxico.

Máis tarde, empezou a traballar nunha compañía de caixas de cartón que posteriormente sería propiedade de Hurley e coñeceu a unha rapaza á que chamou Helen. Invitouna a acompañarlle a unha expedición a Australia, pero ela negouse, feito que non modificou os seus plans. Unha vez en terras australianas, Locke, debido á súa discapacidade, non puido realizar dita expedición. Logo diso, tomou o voo 815 de Oceanic de volta aos Ánxeles que acabou por estrelarse nunha illa no océano Pacífico.

Morte e vida despois dela editar

Foi un dos personaxes que conseguiu saír da illa. Unha vez fóra, intentou convencer aos "seis de Oceanic" para que regresasen á illa. Despois de fracasar intentou suicidarse pero Ben impediuno e unha vez que conseguiu a información que precisaba asasinouno. Despois de que o seu cadáver retornase á illa, "o monstro" tomou a forma do seu corpo.

Habilidades editar

Aínda que os empregos que tivo non se distinguen por requirir habilidades especiais, na illa demostra ser alguén experto en caza, rastrexo e diversas habilidades relacionadas coa supervivencia na natureza. Esas habilidades aprendeunas cando coñeceu ao seu pai biolóxico, que lle ensinou a cazar. Isto causa que dende o principio o resto dos superviventes o traten con respecto por ser o que mellor se desenvolve, pero á vez tamén con certo aire de desconfianza e incluso de temor.

Carácter editar

Enigmático, reservado, sensato, culto, introvertido, con crenzas espirituais e, sobre todo, misterioso, John Locke sempre pensou que estaba destinado a algo importante e que debía atopar o camiño que o levase ao seu destino. A súa forma de ser e de pensar enfrontárono a Jack, o seu polo oposto, xa que Locke baséase no instinto para sobrevivir, mentres que Jack quere intentalo sempre todo dende a razón.

Algo que o distingue da maioría é que el non desexaba abandonar a illa, algo que lle ocasionou certos problemas. A pesar diso, axudou aos seus compañeiros aludindo que calquera solución se atopa mediante a tranquilidade e a paciencia. Algúns exemplos son:

  • Axudou a Michael a atopar o can do seu fillo cun asubío de madeira.
  • Axudou a Walt a desenvolver o seu potencial.
  • Axudou a Charlie a abandonar a súa dependencia da heroína.
  • Axudou a Boone a liberarse da influencia da súa irmá.

Despois da súa morte editar

No máis alá, conseguiu recordar a súa vida despois de que Jack o operase. Despois xuntouse nunha igrexa con algunhas das persoas que viviron na illa con el e, xuntos, avanzaron cara a outro plano de existencia máis elevado.

Notas editar

  1. King, Susan, (16 de setembro de 2007) "Emmys Live", The Los Angeles Times Envelope. Consultado o 16 de setembro de 2007.