John Gower
John Gower, nado cara ao 1330 e finado en outubro de 1408, foi un poeta inglés, contemporáneo e amigo persoal de Geoffrey Chaucer.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 1330 (Gregoriano) Kent, Reino Unido |
Morte | outubro de 1408 (Gregoriano) (77/78 anos) Londres, Reino Unido |
Lugar de sepultura | Catedral de Southwark (pt) |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Dictionary of National Biography Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
John Gower é coñecido fundamentalmente por tres obras principais, o Mirour de l'Omme, a Vox Clamantis e a Confessio Amantis, tres longos poemas escritos respectivamente en anglonormando, latín e inglés, que tratan de temas políticos e morais comúns. Está considerado como o primeiro poeta inglés por ser o primeiro en escribir nesa lingua.
Biografía
editarSábese pouco acerca da primeira parte da vida de Gower. Pertencía probablemente a unha familia de Kent e é posible que se tratara dun terratenente. Crese que exercía o Dereito en Londres ou nas súas inmediacións.
En Londres, relaciónase moito coa nobreza da época. Parece ser que coñecía persoalmente a Ricardo II xa que no prólogo da primeira edición da Confessio Amantis, conta como ao encontrarse casualmente co rei onda o Támese (probablemente polo 1385), este invitouno a subir bordo da nave real e que a súa conversación tivo como consecuencia o encargo dunha obra, que é a que máis adiante se convertería na Confessio Amantis. Logo aliouse co futuro Henrique IV ao que lle dedica as posteriores edicións da Confessio Amantis.
Tamén está documentada a súa amizade con Chaucer. Cando este último foi destinado en misión diplomática a Italia en 1378, Gower é unha das persoas ás que Chaucer lle asinou unha procuración para os seus negocios en Inglaterra. Os dous poetas tamén se loaron mutuamente nos seus versos: Chaucer dedicou en parte a súa Troilus and Criseyde a "Gower o moral", quen á súa vez lle devolveu o favor situando un eloxio de Chaucer en boca de Venus ao final da súa Confessio Amantis.
Ao final da súa vida retirouse á residencia que lle proporcionou o priorado de Saint Mary Overeys (hoxe catedral de Southwark) onde casou en 1398, probablemente en segundas nupcias: a súa esposa, Agnes Groundolf, sobrevivíuno. Nos seus derradeiros anos, quizais desde 1400, estivo cego. Ao morrer, en 1408, foi enterrado nunha suntuosa tumba que segue podéndose ver na igrexa do priorado no que residía.
Obra
editarA pesar de que Gower foi definido como poeta "moral" desde que Chaucer lle atribuíra ese epíteto, os seus versos son tanto relixiosos, como políticos, históricos e morais. O seu modo de expresión maior é a alegoría, a pesar de que prefire o estilo prosaico marcado pola forza e a claridade do narrador nas abstraccións complexas.
As súas primeiras obras eran probablemente baladas en anglonormando das que non queda rastro. A primeira das súas obras que chegou aos nosos días estaba escrita tamén nesa lingua: é o Mirour de l'Omme, tamén coñecido polo seu título latino de Speculum Meditantis ("Espello do pensador"), poema de case 30.000 versos cunha explicación compacta acerca da relixión e da moral.
A segunda obra maior de Gower, Vox Clamantis ("Voz do Profeta"), está redactada en latín e o seu tema é a situación de Inglaterra. Inclúe un comentario sobre a gran revolta labrega de 1381 que se produciu no momento no que se redactaba o poema. Gower apoia á aristocracia e ao parecer quedou impresionado polo modo no que Ricardo II reprimiu a rebelión.
A súa terceira obra é a Confessio Amantis ("Confesión dos namorados"), un poema de 30.000 versos en inglés medio, que utiliza a estrutura dunha confesión cristiá (presentada alegoricamente como unha confesión dos pecados contra o amor) dentro dunha historia sobre a que se intercalan moitos contos distintos. Ao igual que nas súas obras anteriores, o obxecto desta confesión é a moralidade, incluso cando as historias parecen describir comportamentos máis ben inmorais.
Nos seus últimos anos, Gower escribiu algunhas obras menores nas tres linguas: as Cinkante Ballades, unha serie de baladas en anglonormando para un público de nobres e ricos sobre temas románticos e varios poemas dirixidos ao novo rei Henrique IV que lle servirían para obter unha pensión en forma dunha doazón anual de viño.
A recepción da crítica cara á poesía de Gower foi diminuíndo. Durante a Idade Media considerábase en xeral, xunto a Chaucer, o pai da poesía inglesa: o seu epitafio leva por iso a inscrición "Anglorum Poeta celeberrimus". Non obstante, a súa fama foi decaendo ao longo do tempo, en gran parte porque a súa obra se cualificaba de demasiado didáctica ou aburrida. Obtivo maior recoñecemento durante o século XX aínda que no foi tan lido nin tan aceptado pola crítica como outros poetas principais dese período.
Obras
editar- Le règne d'Édouard Ier, Ed. crítica e comentada de Jean-Claude Thiolier, Créteil, CELIMA, 1989.
- Mirour de l'Omme, East Lansing, Colleagues press, 1992.
- Œuvres complètes (français ancien-anglais moyen-latin), Ed. G. C. Macaulay, Grosse pointe, Scholarly press, 1968.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- R.-Elfreda Fowler, Une source française des poèmes de Gower, Mâcon, Protat Frères, 1905