Jeruzalem (Amsterdam)

Coordenadas: 52°20′49″N 4°56′00″L / 52.3469, 4.9334

O asentamento de Jeruzalem é unha urbanización construída entre 1950 e 1954 na cidade xardín (en holandés Tuindorp) Frankendael, no distrito de Watergraafsmeer. Foi unha das primeiras expansións urbanas de Ámsterdam após a Segunda guerra mundial. En 2007, a urbanización, que popularmente se chamaba Xerusalén polos seus tellados planos e fachadas brancas, foi incluída no Top 100 Dutch Monuments 1940–1958 do Rijksmonument.

Asentamento de Xerusalém (Jeruzalem, Amsterdam), 2011

Historia editar

O desenvolvemento do distrito de Watergraafsmeer xa estaba incluído nos planos de 1935. Debido á Segunda guerra mundial, o municipio de Ámsterdam non tivo fondos suficientes para comezar a planificar a cidade xardín de Frankendael, ao sueste dun palacio do mesmo nome do século XVIII. Os primeiros bloques de acaroados construíronse entre 1950 e 1954. Nos anos seguintes fixéronse nas inmediacións edificios similares.[1]

Desde 1992, as asociacións Rochdale e De Key proxectaron a demolición do asentamento, pero os veciños impedírono e acordaron un compromiso de conservación, cunha renovación parcial da construción, que non foi realizada por motivos económicos.[2]

Arquitectura editar

 
Asentamento de Xerusalém, 2011
 
Asentamento de Xerusalém, 2011

O desenvolvemento racional e orgánico nun medio verde xogou un papel central na expansión urbana prevista en 1935. A planificación da cidade-xardín de Frankendael, que se levou a cabo entre 1947 e 1949, foi asumida polos arquitectos e urbanistas Cornelis van Eesteren, Jakoba Mulder, Ben Merkelbach, Ch. JF Karsten, PJ Elling e M. Stam. O xardín e a planificación paisaxista foi deseñada por Mien Ruys e os parques infantís por Aldo van Eyck.

Arredor dos xardíns rectangulares dispoñíanse casas acaroadas en forma de L. O método de construción, co que se facía un uso óptimo dos raios solares, utilizouse en moitas novas urbanizacións nas décadas seguintes. Jeruzalem foi un dos primeiros asentamentos feitos de pezas prefabricadas industriais feitas de formigón celular (sistema de montaxe Dotremont-Ten Bosch).

Debido á escaseza de vivendas despois da guerra, os acaroados constaban de pisos dúplex que se dividían en dous pequenos pisos. Na planta superior había un apartamento de tres cuartos de só 40 m², destinado a unha familia con nenos. Na planta baixa o apartamento era de dúas habitacións con 30 m² para parellas sen fillos.[3]

Segundo o plano orixinal, os pisos debían volver a unirse logo duns dez anos, pero só lle ocorreu a unha pequena parte das vivendas. O revestimento de madeira e clinker nos extremos das ringleiras das vivendas procede dunha reforma na década dos 80, na que se tratou de forma moi descoidada o tecido orixinal da construción. Entre outras cousas, cambiáronse os bordos do tellado e empregáronse marcos de fiestras de plástico. A reforma prevista dos bloques de vivendas catalogados ten como obxectivo recuperar a arquitectura orixinal do edificio e do xardín.

Notas editar

  1. Gemeente Amsterdam: Frankendaal/Jeruzalem[Ligazón morta]. Stand 28. Abril 2011.
  2. Het Parool: Renovatie wijk Jeruzalem voorlopig van de baan. Stand 28. Abril 2011.
  3. KEI kenniscentrum stedelijke vernieuwing: Amsterdam, Jeruzalem in tuindorp Frankendael. Stand 29. Abril 2011.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar