Johannes Vermeer

pintor neerlandés
(Redirección desde «Jan Vermeer»)

Johannes Vermeer, coñecido baixo os nomes Jan Vermeer, Vermeer de Delft ou Johannes van der Meer, nado en Delft en 1632 e finado na mesma cidade o 15 de decembro de 1675, foi un pintor neerlandés, membro da Escola de Delft, considerado un dos máis importantes da idade de ouro da pintura holandesa.

Johannes Vermeer
Nacementooutubro de 1632
 Delft
Falecemento15 de decembro de 1675
 Delft
Nacionalidadeneerlandés
Cónxuxe(s)Catharina Bolnes
Fillos11
Eidopintura
MovementoPintura do século de ouro dos Países Baixos
Influenciado porCarel Fabritius
Gabriël Metsu
Dirck van Baburen
>Leonard Bramer
Na rede
Musicbrainz: 3a0fcc05-3037-4d26-8358-69138b8f00de Discogs: 2234860 WikiTree: Reijniersz-3 Find a Grave: 3757 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Alegoría da pintura (1666-1667). Kunsthistorisches Museum (Viena)

Especializouse en escenas interiores cotiás da vida doméstica burguesa. Pasou toda a súa vida na cidade de Delft. En vida foi un moderadamente exitoso pintor de provincias. Non foi nunca especialmente rico, quizais debido ó escaso número de pinturas que producía, e á súa morte deixou débedas á súa esposa e once fillos. Practicamente esquecido durante dous séculos, en 1866 o crítico de arte Thoré Bürger publicou un ensaio atribuíndolle 66 pinturas (se ben só 34 delas sonlle actualmente atribuídas con seguridade). Desde entón a reputación de Vermeer creceu enormemente e actualmente está considerado como un dos maiores pintores da idade de ouro holandesa. É particularmente recoñecido pola súa mestría no uso e tratamento da luz.

Traxectoria editar

Sábese relativamente pouco acerca da vida de Vermeer, a excepción dalgúns feitos básicos anotados en rexistros e documentos legais. Vermeer naceu en Delft (Países Baixos) e permaneceu alí toda a súa vida. Foi soterrado na Igrexa Vella (Oude Kerk) en Delft.[1] É, despois de Rembrandt, o pintor holandés máis famoso do século XVII, un período coñecido como a idade de ouro de Holanda polas súas asombrosas realizacións artísticas e culturais.

A súa obra é escasa: trinta e catro cadros de escenas de interior (como A Leiteira) ou retratos (Rapaza con turbante) e dúas paisaxes urbanas (A ruela e Vista de Delft). Incluso o número de pinturas atribuídas a Vermeer varía, debido ás circunstancias nas que morreu e ó seu posterior esquecemento.

Vermeer salientaba na restitución da luz, da textura, da perspectiva (quizais empregaba a cámara escura) e das cores transparentes. Coidaba a harmonía das cores. Nas súas obras pódese sentir o silencio dos personaxes nalgúns momentos íntimos das súas vidas. Interesouse por tódalas capas da sociedade con igual esmero, desde o retrato dunha simple leiteira traballando, ás obras nas que amosa o luxo e esplendor dos ricos burgueses da época nas súas espazosas casas. A súa pintura revela moitos aspectos da vida desta época. Na súa obra pódense atopar connotacións relixiosas e científicas.

Acadou certa fama na súa cidade de Delft como pintor innovador e como experto en cadros. En 1672 foi convocado á Haia para facer unha peritación sobre unha colección de teas vendidas a Federico Guillerme, grande elector de Brandeburgo.

Casou en 1653 con Catharina Bolnes, filla de Maria Thins, que dispuña de bos ingresos. Porén, as Provincias Unidas foron invadidas por Francia e logo Inglaterra declaroulles a guerra, o que repercutiu negativamente no mercado da arte en xeral, e nas finanzas dos Vermeer en particular, xa que tiñan once fillos.

Suponse que se perderon algunhas das súas obras porque en máis dunha ocasión tivo que entregalas para pagar as súas débedas ós tendeiros. Jan Vermeer morreu pobre, e a súa muller tivo que vender os seus cadros ó Concello para sobrevivir e manter os seus oito fillos aínda menores. Logo disemináronse as súas obras (algunhas chegaron a saír do país) ás veces coa firma doutros pintores para darlle máis valor. Das 35 obras recoñecidas actualmente como auténticas, só 16 levan a súa firma e unicamente dúas a data.

Houbo que esperar case dous séculos para que o historiador e crítico Joseph Théophile Thoré (pseudónimo de W. Bürger) o rescatase do esquecemento en 1842, coa axuda do marchante de arte John Smith. Thoré fixo unha declaración atribuíndo 76 pinturas a Vermeer, un número que axiña foi rebaixado. A principios do século XX corrían rumores de que aínda existían pinturas de Vermeer por descubrir.

Non foi ata 1935 que o museo de Rotterdam lle dedicou a súa primeira exposición individual.

Película editar

 
A rapaza da perla, coñecida como a "Mona Lisa do Norte".

Scarlett Johansson é a protagonista do filme Girl with a Pearl Earring, do director Peter Webber, do ano 2003. A historia da película está baseada na novela homónima de Tracy Chevalier, inspirada no cadro A rapaza da perla, e inventa unha trama romántica a partir da vida do pintor, do que existe moi pouca información biográfica. A duración da película é de 95 minutos, e ademais de Johansson conta no elenco con Colin Firth, Tom Wilkinson, Judy Parfitt, Cillian Murphy e Essie Davis.

A película, seguindo a novela, conta con moitos detalles irreais e inventados sobre a biografía de Vermeer, e incorre na contradición de presentalo como un pintor pobre, pero con criados. Se algo se sabe con certeza é que non viviu de pintar. E o certo é que a mellor atribución posible da identidade da retratada como A rapaza da perla é que sería unha das súas fillas.

Falsificacións editar

Han van Meegeren (1898-1947) foi un pintor holandés que cultivaba o estilo de pintura dos clásicos holandeses. Orixinalmente para probar que os críticos estaban equivocados acerca das súas habilidades como pintor, decidiu pintar un Vermeer falso. Máis tarde falsificou máis vermeers e obras doutros pintores, simplemente como medio de vida. Van Meegeren enganou a todo o ambiente artístico en Holanda, de forma que incluso unha das súas obras formou parte da colección que Hermann Göring creou mediante o espolio nos países ocupados de Europa durante a segunda guerra mundial. A falsificación era tan boa que as autoridades holandesas o acusaron de traizón por vender bens artísticos holandeses ós nazis. Para demostrar que el mesmo era o autor do cadro en cuestión, Van Meegeren compuxo un novo cadro atribuíble a Vermeer ante o atento exame da policía holandesa. As súas habilidades para a falsificación sacudiron o mundo da arte e fixeron máis difícil poder asegurar a autenticidade de obras atribuídas a Vermeer (as autoridades holandesas cambiaron os cargos de traizón a falsificación, polos que Van Meegeren foi condenado a dous anos de prisión).

Obras editar

Notas editar

  1. Listaxe de personaxes soterrados na Igrexa Vella de Delft Arquivado 11 de outubro de 2017 en Wayback Machine., no sitio web oficial da igrexa (en inglés e castelán)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar