Isidro Rodríguez Gómez
Isidro Rodríguez Gómez, coñecido deportivamente como Isidro, nado en Ourense o 7 de decembro de 1898 e finado na Coruña o 2 de xaneiro de 1988, foi un futbolista galego que xogaba na demarcación de gardameta. Foi o porteiro galego máis destacado da súa época e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Deportivo da Coruña, ao que chegou procedente do Celta de Vigo, protagonizando unha polémica fichaxe. Foi o primeiro gardameta do Celta e no momento da súa retirada era o futbolista con máis partidos oficiais na historia do Deportivo (147).
![]() ![]() | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 7 de decembro de 1898 ![]() Ourense, España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 2 de xaneiro de 1988 ![]() A Coruña, España ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Gardameta ![]() | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Traxectoria
editarReal Vigo
editarNaceu en Ourense o 7 de decembro de 1898, sendo o quinto dos seis fillos do industrial Manuel Rodríguez Fernández e de Remedios Gómez Blanco.[1] Instalado en Vigo, comezou a xogar ao fútbol no Comercial, de onde pasou ao Real Vigo en 1919.[2][3] No club branco e vermello coincidiu con algúns dos futbolistas galegos máis destacados da súa época e na tempada 1919/20, secundado polos defensas Otero e Encinas, conquistou o primeiro Campionato de Galicia da súa carreira. Esa mesma tempada debutou na Copa do Rei, nos cuartos de final ante o Sporting de Gijón no Molinón.[4]
En 1920 foi mobilizado polo exército xunto a varios dos seus compañeiros para participar na guerra do Rif, encadrado no Rexemento de Murcia de Vigo, e non regresou á vida civil ata setembro de 1922.[5][6] Co equipo de fútbol deste rexemento, no que coincidiu con xogadores como Ramón González, Moncho Gil, Chiarroni ou Redondela, conquistou o Campionato de España Militar de 1920, tras derrotar na final de Madrid ao Rexemento Sicilia de Donostia, ante o rei Afonso XIII.[7][8]
Na tempada 1922/23 sumou o seu segundo título galego, despois de encaixar só tres goles durante o campionato, e formou parte da selección galega, coa que foi finalista do Campionato Interrexional. Ao remate da campaña o Real Vigo fusionouse co Fortuna de Vigo, dando lugar ao Celta de Vigo.
Celta de Vigo
editarFoi o porteiro titular do Celta dende o primeiro partido da súa historia e durante a tempada 1923/24, na que sumou o seu terceiro título galego e o primeiro do novo club.[9] Nas vésperas do Campionato de Galicia 1924/25 abandonou o club e puxo rumbo a Bilbao, onde conseguira un emprego, afirmando que a súa profesión de condutor en Vigo non cubría as súas necesidades económicas.[10] A prensa especulou entón sobre a súa posible fichaxe polo Deportivo da Coruña, o que causou indignación entre a afección viguesa e provocou un enfrontamento entre xornalistas vigueses e coruñeses.[11][12][13]
Deportivo da Coruña (1ª etapa)
editarFinalmente trasladouse á Coruña e acabou uníndose ao Deportivo, co que debutou o 12 de marzo de 1925, nun partido amigable contra o Boca Juniors en Riazor, tras obter permiso do Celta.[14][2] Con todo, non puido fichar oficialmente aínda polo club coruñés, ao non obter a autorización do club vigués.[15] Declarado en rebeldía pola entidade céltica, a Federación Galega de Fútbol denegou a fichaxe,[16][17] e ante as alegacións do Deportivo acordouse que a Federación Española de Fútbol tomase a decisión final nunha próxima asemblea.[18] A celebración desta asemblea demorouse durante meses, nos que o chamado "caso Isidro" contribuíu a acrecentar a rivalidade entre Celta e Deportivo, nacida tralas fichaxes polo club coruñés de tres antigos compañeiros de Isidro no Real Vigo: Otero, Chiarroni e Ramón González.[19][20] En decembro de 1925 a Federación Española acordou que a ficha de Isidro fose traspasada ao Deportivo.[21]
O seu debut oficial co Deportivo produciuse finalmente o 20 de decembro de 1925, nun partido do Campionato de Galicia ante o Eiriña no campo de Riazor.[22] Axiña lle quitou a titularidade a Mulero e na tempada 1926/27 contribuíu coas súas paradas ao primeiro campionato galego da historia do club, título que revalidou na campaña seguinte, sendo o porteiro titular en tódolos partidos en ambas conquistas.
Na tempada 1928/29 defendeu a portería do Deportivo no histórico primeiro encontro do club na Segunda División, trala creación ese ano das ligas españolas, e foi titular en todos os restantes partidos da tempada agás un, no que foi substituído por Rodrigo. O equipo coruñés, adestrado ese ano polo boxeador Andrés Balsa rematou na oitava posición, evitando por pouco os postos de descenso. Continuou sendo a primeira elección para a portería nas seguintes dúas campañas, con Paco González e Félix Gila como adestradores respectivamente.
O 24 de agosto de 1931 recibiu unha homenaxe no campo de Riazor, cun partido amigable no que se enfrontou o Deportivo da Coruña contra unha selección galega, formada por Lilo, Cabezo, Pasarín, Silvosa, Feliciano, Pareditas, Otero, José Ramón Paredes, Edelmiro, Polo e Piñeiro.[23] Pouco despois deixou o club, tras non chegar a un acordo coa directiva para a renovación da súa ficha.[24]
Atlético de Madrid
editarDespois duns meses sen equipo, o primeiro día de 1932 saíu para Madrid para asinar como novo porteiro do Atlético de Madrid, da Segunda División. Debutou o 3 de xaneiro, na quinta xornada da tempada 1931/32, substituíndo nos minutos finais contra o Sporting de Gijón ao ata entón gardameta titular, o tamén galego Bermúdez, que deixou o campo lesionado. Ademais de Bermúdez, no equipo madrileño coincidiu con outros galegos, como Losada, Corral, Liz ou Antoñito.[25] Disputou as seguintes sete xornadas de liga, que acabou co Atlético no cuarto posto da táboa.
Deportivo da Coruña (2ª etapa)
editarDespois de máis de dous anos sen actividade competitiva, para a tempada 1934/35 regresou ao Deportivo da Coruña, asinando ficha aos seus 35 anos.[26] Reapareceu coa camiseta do Deportivo o 16 de setembro de 1934, nun encontro do Campionato Mancomunado Galaico-Ástur ante o Sporting de Gijón no Molinón,[27] e xogou tamén o seguinte partido contra o Oviedo, pero ambos resultados foron anulados trala folga xeral revolucionaria de outubro, cando se reiniciou a competición e se dividiu nun grupo asturiano e un galego.
Ao longo da tempada alternou titularidade co carralés Francisco Trigo, e disputou oito partidos de Segunda División, competición que o equipo adestrado por Félix Gila pechou na sétima posición da táboa. O 20 de outubro de 1935, con 36 anos e 10 meses, xogou o seu derradeiro partido oficial co Deportivo, nun derbi contra o Celta de Vigo en Riazor que rematou con vitoria coruñesa por 2-1.[28] En novembro, o club decidiu dar de baixa a súa ficha, xunto ás doutros tres xogadores (Novo, Barrera e Esparza II), alegando motivos económicos.[29] Pechou o seu paso polo Deportivo da Coruña cun total de 147 partidos oficiais, sendo no momento da súa retirada o futbolista con máis encontros na historia do club.
Trala súa retirada traballou no concello da Coruña ata a súa xubilación. Faleceu o 2 de xaneiro de 1988, aos 89 anos de idade.[30]
Vida persoal
editarEra irmán do tamén futbolista e gardameta Guillermo Rodríguez, que xogou entre outros clubs no Celta de Vigo e no Atlético de Madrid, igual que Isidro.[31] Casou con Elvira Varela Rodríguez.[30]
Estatísticas
editarClubs
editarClub | Tempada | Segunda División | Copa | C. Galicia | C. Gal-Ast | Total | |||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | Partidos | Goles | ||
Real Vigo | 1919/20 | - | - | 4 | 0 | 2 | 0 | - | - | 6 | 0 |
1920/21 | - | - | - | - | 3 | 0 | - | - | 3 | 0 | |
1922/23 | - | - | 2 | 0 | 6 | 0 | - | - | 8 | 0 | |
Total club | - | - | 6 | 0 | 11 | 0 | - | - | 17 | 0 | |
Celta de Vigo | 1923/24 | - | - | 1 | 0 | 4 | 0 | - | - | 5 | 0 |
Deportivo | 1925/26 | - | - | 6 | 0 | 4 | 0 | - | - | 10 | 0 |
1926/27 | - | - | 6 | 0 | 16 | 0 | - | - | 22 | 0 | |
1927/28 | - | - | 10 | 0 | 10 | 0 | - | - | 20 | 0 | |
1928/29 | 17 | 0 | - | - | 10 | 0 | - | - | 27 | 0 | |
1929/30 | 15 | 0 | 2 | 0 | 10 | 0 | - | - | 27 | 0 | |
1930/31 | 15 | 0 | 2 | 0 | 8 | 0 | - | - | 25 | 0 | |
Atlético de Madrid | 1931/32 | 8 | 0 | - | - | - | - | - | - | 8 | 0 |
Deportivo | 1934/35 | 8 | 0 | - | - | - | - | 1 | 0 | 9 | 0 |
1935/36 | - | - | - | - | - | - | 7 | 0 | 7 | 0 | |
Total club | 55 | 0 | 26 | 0 | 58 | 0 | 8 | 0 | 147 | 0 | |
Total carreira | 63 | 0 | 33 | 0 | 73 | 0 | 8 | 0 | 177 | 0 |
Notas
editar- ↑ "Obituario de Remedios Gómez Blanco". El Pueblo Gallego (1772). 1 de decembro de 1929. p. 14. Consultado o 5 de maio de 2025.
- ↑ 2,0 2,1 "Isidro, el "as" de los guardametas". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (31). 23 de marzo de 1925. p. 19. Consultado o 2 de maio de 2025.
- ↑ "El partido de hoy". Galicia Nueva (en castelán). 19 de xuño de 1919. p. 1. Consultado o 2 de maio de 2025.
- ↑ "El Sporting de Vigo en Asturias". Galicia Nueva (en castelán) (5119). 30 de marzo de 1920. p. 1. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ Rolland, Eduardo (29 de maio de 2021). "Vigo en la guerra del Rif" (en castelán). Consultado o 2 de maio de 2025.
- ↑ "Isidro Rodríguez". Galicia. Diario de Vigo (en castelán) (56). 23 de setembro de 1922. p. 6. Consultado o 2 de maio de 2025.
- ↑ Buceta, Jacobo (12 de setembro de 1923). "Cabanelas: "El primer título del fútbol vigués y gallego se ganó en 1920"" (en castelán). Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "El campeonato militar". El Progreso (en castelán) (2500). 2 de xuño de 1920. p. 2. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "Notas de sport". Diario de Pontevedra (en castelán) (11703). 17 de decembro de 1923. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Una carta del equipier Isidro". El Ideal Gallego (en castelán) (2406). 24 de setembro de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Deportes". El Ideal Gallego (en castelán) (2115). 16 de outubro de 1924. p. 1. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Deportes". El Ideal Gallego (en castelán) (2116). 17 de outubro de 1924. p. 4. Consultado o 2120.
- ↑ Thedy (22 de outubro de 1924). "Deportes". El Ideal Gallego (en castelán) (2120). p. 8. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "De Sport". El Progreso (en castelán) (5681). 13 de marzo de 1925. p. 3. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "El Deportivo en Lisboa". El Pueblo Gallego (en castelán) (376). 12 de abril de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "El pleito del fútbol gallego". El Pueblo Gallego nº 548 (en castelán). 1 de novembro de 1925. p. 3.
- ↑ "El caso Isidro. Dicen los clubs Celta y Deportivo". El Ideal Gallego nº 2.408 (en castelán). 26 de setembro de 1925. p. 2.
- ↑ "Información deportiva". El Correo Gallego (en castelán) (16890). 12 de agosto de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Como viene". El Pueblo Gallego (511). 19 de setembro de 1925. p. 8. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Dicen los clubs "Celta" y "Deportivo"". El Ideal Gallego (en castelán) (2408). 26 de setembro de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "Se resuelve el pleito gallego". El Ideal Gallego nº 2.471 (en castelán). 9 de decembro de 1925. p. 8.
- ↑ "R. C. Deportivo, 2 - Eiriña F. C. 0". Galicia (en castelán) (70). 21 de decembro de 1925. p. 2. Consultado o 3 de maio de 2025.
- ↑ "El homenaje a Isidro en Riazor". El Ideal Gallego (en castelán) (3634). 25 de agosto de 1931. p. 5. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "La meta del "Deportivo"". El Ideal Gallego (en castelán) (3646). 8 de setembro de 1931. p. 5. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "El gran match de hoy en Balaídos". El Pueblo Gallego (en castelán) (2428). 17 de xaneiro de 1932. p. 7. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "El club Deportivo ante la nueva temporada". El Ideal Gallego (en castelán) (4359). 9 de setembro de 1934. p. 5. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "Sporting de Gijón, 5 - Deportivo de La Coruña, 0". El País (en castelán) (556). 17 de setembro de 1934. p. 3. Consultado o 4 de maio de 2025.
- ↑ "Campeonato Superregional.- Grupo Gallego". Alborada (en castelán) (52). 22 de outubro de 1935. p. 14. Consultado o 5 de maio de 2025.
- ↑ "Nuevo entrenador y cuatro licenciados en el Deportivo". El Pueblo Gallego (en castelán) (3800). 13 de novembro de 1935. p. 9. Consultado o 5 de maio de 2025.
- ↑ 30,0 30,1 "Obituario". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 3 de xaneiro de 1988. p. 57.
- ↑ "Guillermo, al Castilla". El Ideal Gallego (en castelán). 15 de setembro de 1932. p. 5. Consultado o 4 de maio de 2025.