Hoichi o desorellado

personaxe mitolóxica xaponesa

Hoichi o desorellado (耳なし芳一 Mimi-nashi Hōichi?) é un personaxe da mitoloxía xaponesa. A súa historia é ben coñecida no Xapón, e é coñecida tamén en occidente grazas ó libro Kwaidan de Lafcadio Hearn.

O santuario Akama.
Representación teatral da historia, onde o samurai pantasma axexa a Hoichi.

Hoichi adoita ser asociado co santuario Akama en Shimonoseki, xa que a súa historia ten lugar no templo budista Amidaji, que precedeu ó santuario antes de que o xintoísmo se convertese na relixión estatal do Xapón.

Lenda editar

De acordo coa lenda, Hoichi era un músico e bardo cego (biwa hōshi), o cal posuía unha maxistral habilidade coa biwa. Era particularmente bo tocando a historia de Heike, un poema épico describindo a caída do emperador Antoku, quen está soterrado no templo Amidaji. As súas melodías eran tan marabillosas que nin kijin nin yokai podían conter as bágoas ó escoitalas. Malia o seu talento, Hoichi era moi pobre e non tiña outro fogar que a hospedaxe en Amidaji que un sacerdote lle dispensaba.

Unha noite, mentres tocaba a biwa no pórtico do templo, Hoichi foi visitado por un escuro samurai, que explicou que o seu señor, un rico e poderoso nobre hospedado nas proximidades, ouvira falar da súa destreza musical e enviouno a buscalo para que tocase para el. O guerreiro levou ó cego Hoichi até o que parecía ser unha luxosa casa, o cal estrañou ó músico, que non sabía que houbese tal mansión na rexión. Xa dentro, Hoichi foi recibido con entusiasmo, e pedíuselle que tocase a historia de Heike. A actuación de Hoichi foi encomiada por tódolos presentes, quen se desfixeron en loanzas sobre el e a súa música, e convidárono a volver a seguinte tarde para continuar tocando. Antes de ser guiado de volta ó seu templo, os habitantes da casa advertíronlle que o señor para quen tocara estaba a viaxar de incógnito, e non debía falarlle a ninguén do sucedido alí.

Durante os días seguintes, o samurai visitou a Hoichi cada noite e levouno até a casa do nobre para tocar. Porén, nunha ocasión a ausencia de Hoichi foi descuberta polo seu amigo, o sacerdote de Amidaji, quen comezou a sospeitar sobre o asunto, polo que ordenou a dous dos seus serventes seguir ó músico a seguinte noite. Cando os improvisados espías o viron deixar o templo, aparentemente só, fixeron como se lles mandou e seguiron con sixilo a Hoichi. Pero cando este chegou ó seu destino e comezou a tocar, o dúo viu abraiado que Hoichi estaba a interpretar a súa música no medio do cemiterio de Amidaji, perante a tumba do emperador Antoku, e ó seu arredor, unha infinidade de lumes espectrais rebulían como pálidas candeas na noite escura. Cheos de espanto, os serventes tomárono e levárono de volta ó templo sen tempo que perder. Alí, aínda estrañado pola interrupción do seu recital, Hoichi explicou a historia da noite anterior ó sacerdote. Este decatouse de que as personaxes para as que o cego tocaba non foran senón as pantasmas dos Heike, que enmeigaran a Hoichi e que levarían a súa alma tanto se acudía ás citas coma se as interrompía. Sabendo iso, o sacerdote urdiu un plan para salvar ó seu amigo. Pintou todo o corpo de Hoichi con sutras en kanji (shakyo) para protexelo, e instruíuno para permanecer silencioso e inmóbil cando o samurai pantasma volvese buscalo, sen facerlle caso.

Tal e como se agardaba, o espírito chegou para buscar a Hoichi. Estrañado por non obter resposta ó chamar, entrou na sala, pero atopouna baleira. O corpo de Hoichi éralle invisible grazas ás escrituras sacras pintadas na súa pel, que o protexían da fantasmal mirada do samurai. Porén, o sacerdote esquecera pintar tamén as orellas de Hoichi, e estas foron a única parte da súa fisionomía que a pantasma podía ver. Indeciso ó ver as orellas suspendidas no ar, e desexando cumprir coas súas ordes de traer a Hoichi a presenza do seu señor, o samurai cortounas coa súa catana e levoullas ó nobre, como proba de que foran a única porción do bardo que estaba dispoñible.

Cando a pantasma marchou, Hoichi seguía paralizado polo terror, malia o sangue que pingaba polos seus ombreiros dende o lugar onde estiveran as súas orellas. Cando o sacerdote volveu, deuse conta consternado do erro que cometera, e curou as feridas do bardo. Malia a experiencia, Hoichi fora liberado do enmeigo das pantasmas, e co tempo converteuse nun dos músicos máis famosos do Xapón.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar