Historia de Toronto

A historia de Toronto ten os seus precedentes nos indíxenas que hai miles de anos percorrían as terras ao norte do lago Ontario usaban unha ruta que acurtaba a distancia cara ao lago Hurón. Era a que seguía o leito do río Humber dende a súa foz no Ontario e que sempre foi coñecida como a Pasaxe de Toronto[1].

Historia e características editar

Foi entre o 600 e o 900 que pobos procedentes do sur arriban á rexión traendo de seu a agricultura. Eran os iroqueses que entre 1300 e 1400 se asentaban xa en aldeas semipermanentes (de dez a vinte anos de estancia nelas)[2].

Ata 1660-80, en que dúas vilas dos iroqueses sénecas, Teiaiagon (a beira do Humber no arranque da pasaxe[3] e Ganatsekwyagon, son coñecidas e visitadas polos primeiros exploradores europeos[4]. Ambas as dúas son abandonadas antes de 1687 e os iroqueses substituídos na rexión por algonquinos mississaugas, cazadores nómades, ata o final do século XVIII.

En 1720 un inicial e pequeno posto comercial francés de peles aséntase na foz do Humber pero fracasa antes dunha década pola competencia dos ingleses. En 1750 voltan a intentalo, desta vez con tanto éxito que deben buscar un sitio máis defendible. Será cinco quilómetros ao oeste, xunto a ribeira do lago e co nome de Fort Rouillé (tamén Fort Toronto, 1751)[5]. Foi abandonado e incendiado en 1759 ante o avance dos ingleses que finalmente conquistan a rexión.

Despois do recoñecemento da independencia dos Estados Unidos (1783), o territorio dos mississaugas, que combateran coa coroa fronte aos independentistas, así como en xeral o do norte dos Grandes Lagos, converteuse en refuxio de colonos lealistas. Para eles en 1787 os británicos compran aos indios máis de 1000 km² de terras na área da Pasaxe de Toronto.

York editar

O gobernador do Alto Canadá, J. Simcoe, por medo a un ataque estadounidense decidiu mover a capital da provincia a un lugar máis seguro. A resgardada baía que un grupo de illas (de feito unha península) conformaban no territorio da Pasaxe de Toronto pareceulle o lugar adecuado[6].

 
Fort York.
 
Front Street en 1804 con York ao fondo.

Así, en 1793 mandou levantar un forte que protexera a entrada (situado a apenas un quilómetro ao leste do que fora o Fort Rouillé). Chamoulle Fort York e coa poboación que deseguido creceu aínda máis ao leste, na foz do río Don, nomeada York, conformaron o nacemento urbano da actual Toronto[7]. En 1796 foi confirmada oficialmente coma capital provincial.

Dispúñase na típica grella con dous eixos principais: oeste-leste que levaba dende o forte a poboación en paralelo á ribeira do lago (Front Street; polo interior Dundas ou Queen Street)[8]; e perpendicular a este, Yonge Street, que levaba ao norte, nunha ruta cara ao lago Hurón que tentaba mellorar a ancestral da Pasaxe de Toronto[9]. Constrúense tamén un parlamento provincial, unha igrexa e un mercado[10].

Tralo ataque de 1812 dos estadounidenses no que forte e parlamento son incendiados, novos e máis sólidos edificios os substitúen[11]. Axiña tamén se levan adiante as obras dos primeiros peiraos do porto.

Toronto editar

 
Vista de Toronto (1854) xusto antes da chegada do ferrocarril.

En 1834 recibe o estatuto de cidade e o seu nome definitivo, Toronto[12] (para distinguila doutras vilas, por exemplo Nova York). A partir da metade do século, e malia a perda da capitalidade (1841, por unha revolta autonomista) a cidade experimenta un crecemento acelerado, cun gran continxente de inmigración irlandesa en primeiro lugar. Dende un punto de vista urbano, faise estendendo a cuadrícula de York segundo os eixos anteditos[13].

Tamén é a época da chegada do ferrocarril[14], e con el todo un estímulo para o incremento da actividade mercantil, financeira, comercial, e finalmente dunha forte industrialización. Esta aséntase xunto ás vías, sobre de todo na ribeira do lago, precisando de novos terreos, que son obtidos con recheos (entre 1850 e 1930 a liña costeira afastouse case un quilómetro do antigo forte e Front Street[15][16]).

En 1867 convértese en capital da provincia de Ontario na recentemente conformada Confederación do Canadá o que deu pulo á súa crecente importancia. Iso tivo reflexo na progresiva expansión dos seus límites municipais con anexiones a partir de 1883[17][18][19]. En 1919 o viaduto Bloor sobor do río Don axuda a estender e unificar a área urbana cara ao leste.

A cidade converteuse no século XX na principal metrópole canadense e unha das máis cosmopolitas e integradas do mundo con inmigrantes de todas as etnias e continentes.

Entre 1970 e 1990 levouse a cabo unha renovación da ribeira para usos terciarios:[20] así, ademais de grandes instalacións deportivas, levantouse a máis alta estrutura do planeta ata estes anos, a Torre CN (553 metros).

Notas editar

  1. "Ancient Toronto" (en inglés).
  2. "Iroquian village excavation" (en inglés).
  3. [1] Arquivado 24 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. Imaxe)
  4. "Lac Taronto" (en inglés).
  5. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2006. Consultado o 30 de abril de 2006. 
  6. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2007. Consultado o 03 de novembro de 2008. 
  7. Imaxe
  8. Mapa
  9. Toronto en 1812[Ligazón morta]
  10. "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2013. Consultado o 30 de xuño de 2013. 
  11. "Imaxe do ataque estadounidense". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2011. Consultado o 03 de novembro de 2008. 
  12. Mapa de 1842
  13. "Mapa". Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2013. Consultado o 01 de xaneiro de 2013. 
  14. Imaxe
  15. Imaxe do viaduto
  16. Imaxe do viaduto
  17. Anexión de Oldhall
  18. Metro de Toronto
  19. Construción en Toronto
  20. www.cityplace.ca

Véxase tamén editar