Historia de Changchun

En 1791 comezou a colonización chinesa do que eran terras de pasto manchús. A un dos asentamentos, chamado Kuancheng na beira do río Yitong, foi trasladada en 1825 a administración da subprefectura de Changchun (creada en 1800; prefectura en 1889).

O ferrocarril na disputa das potencias imperialistas editar

En 1898 os rusos, que comezaran a súa expansión polo nordeste chinés dende a metade do século XIX, estenden ata Changchun o ferrocarril de Manchuria (que acurtaba o traxecto do Transiberiano co Pacífico en Vladivostok). A estación disponse en Kuancheng e supón o arranque de feito da cidade moderna. Os rusos delimitaron unha área de dous quilómetros cadrados arredor da estación coma zona especial con gornición, oficinas administrativas e correos.

Outra potencia expansionista do momento, o Xapón, sentiu lesionados os seus intereses e, en 1904, declarou a guerra a Rusia. A derrota rusa trouxo coma consecuencia o dominio xaponés do sur de Manchuria coa fronteira entre ámbalas dúas partes na cidade de Changchun. De feito a estación de Kuancheng era o termo da liña rusa.

Os xaponeses construíron unha nova estación (1907) ao sur de Kuancheng que supuña o comezo do Ferrocarril do Sur de Manchuria ata Port Arthur (Dairen) cunha área de seu duns 5 km² (Toudaogou). A cidade creceu axiña coma nó ferroviario crucial da rexión [1].

Capital de Manchukuo editar

 

En 1931 Xapón ocupou Manchuria e ao ano seguinte estableceu alí un estado monicreque chamado Manchukuo. A capital escollida (por ser nó de comunicacións e a súa posición central na rexión ademais de pouco desenvolvida ata entón) foi Changchun, rebautizada coma Hsinking. De seguido os xaponeses planificaron unha gran cidade que debía acoller a corte do emperador Pu-yi ("o último emperador") [2]. De anchas avenidas partindo de prazas circulares con edificios oficiais ampulosos e modernas infraestruturas, pretendeu ser un modelo para o novo estado tutelado inda que o plan non foi completado [3]. De feito o Xapón, antes da súa derrota na segunda guerra mundial e retirada do continente, investiu grandes capitais no desenvolvemento e industrialización de Manchuria, que permanece con ese carácter ata o de hoxe. En concreto Chanchung é un centro da industria do automóbil, ferroviaria e cinematográfica (a base foron as películas xaponesas de propaganda realizadas na cidade) [4].

Notas editar

  1. Plano coas dúas estacións e plan de Hsinking en 1918 en documento pdf (páx. 5 e 10 respect., en xaponés) [1]
  2. "Plano de Hsinking, capital de Manchukuo (o norte a dereita)". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2014. Consultado o 20 de xullo de 2010. 
  3. "Páxina con postais de época de Hsinking". Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2010. 
  4. "Mapa da Chanchung contemporánea". Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2012. Consultado o 20 de xullo de 2010.