Histéridos

(Redirección desde «Histeridae»)

Os histéridos (Histeridae) son unha familia de escaravellos. Este diverso grupo comprende unhas 3 900 especies que se encontran por case todo o mundo. Poden identificarse doadamente polos seus élitros acurtados que deixan dous dos sete terxitos abdominais expostos, e as súas antenas acobadadas con extremos con forma de maza. Son predadores e a maioría son activos pola noite e finxen estar mortos cando se senten ameazados. Esta familia de escaravellos ocupa case todos os nichos ecolóxicos de case todo o mundo. Son útiles en investigacións forenses porque axudan a estimar o tempo en que se produciu unha morte. Ademais, certas especies utilízanse no control de pragas no gando que infestan as feces e para controlar as moscas domésticas. Como son predadores e mesmo poden comer outros histéridos, deben manterse illados se son capturados.

Etimoloxía editar

Os Histeridae foron nomeados así por Leonard Gyllenhaal. Hai varias teorías sobre a orixe do nome, pero en latín “hister” significa actor, e o nome podería estar relacionado co finximento da morte que fan estes insectos cando están ameazados.[1]

Características editar

 
Hister unicolor

Teñen un corpo típico de insecto dividido en cabeza, tórax e abdome e con tres pares de patas articuladas. As dúas principais formas do corpo que se presentan nesta familia son a oval e a aplanada. O tórax divídese en protórax, mesotórax e metatórax; a parte dorsal do protórax é un escudo esclerotizado chamado pronoto. Teñen un exoesqueleto feito de quitina, que lles dá protección aos órganos internos. Teñen dous pares de ás. Os élitros son as ás anteriores modificadas, máis curtas que noutros coleópteros e rectangulares e deixan expostos os dous últimos terxitos abdominais. Os histéridos son doadamente identificables polos seus brillantes élitros normalmente negros ou verde metálico.[2] Teñen cabezas especializadas que poden retraer no protórax. A cabeza ten ollos compostos, pero hai especies cegas que viven en covas. As pezas bucais agarran e trituran a comida con dous "dentes".[3] Presentan dúas antenas que funcionan como órganos sensoriais e forman un ángulo ou cóbado e teñen extremos con forma de maza formdos por tres antenómeros. Son xeralmente predadores e comen ovos, larvas e adultos doutros insectos. Certas especies tamén se utilizan para o control de pragas do gando que infestan as feces ou para controlar as moscas. Son máis activos de noite e fanse os mortos se se senten en perigo.

Hábitat editar

Encóntranse en América, Europa, África, Asia e Australia nos máis diversos hábitats; cada especie ocupa un nicho; algúns viven nos excrementos, outros na prea, vexetación morta, zonas areosas, baixo a codia de árbores, en toqueiras de mamíferos ou en formigueiros e termeitiros. As características de cada especie dependen do seu hábitat. Por exemplo, as especies aplanadas encóntranse nas codias, mentres que as cilíndricas non. Varias especies viven en estreita proximidade coas formigas (mirmecófilos) e térmites (termitófilos). Viven nas áreas onde se alimentan as súas presas; por exemplo aos tobos de mamíferos van outros artrópodos a alimentarse e adoita haber larvas, das que os histéridos poden alimentarse.[4]

Hábitos de alimentación editar

 
Haeterius ferrugineus

As larvas e adultos dos histéridos poden encontrarse asociados a excrementos, prea, vexetación en descomposición, e a maioría son predadores e comen outros insectos adultos, larvas e pupas.[5] Poden localizar os excrementos e a prea polo olfacto. Os que se encontran en excrementos, prea e vexetación en descomposición aliméntanse de larvas de moscas que se encontran alí, non da propia prea en descomposición.[6] Algunhas especies mesmo se alimentan doutros histéridos.

Algunhas especies viven en formigueiros e termiteiros. Algunahs especies aliméntanse das propias formigas, como os adultos de Psilocelis, mentres que outros comen as larvas desbotadas que as formigas abandonan.

Como os histéridos son predadores poden utilizarse como axentes de control das moscas en granxas avícolas e pastos, e contra outros escaravellos que son pragas de produtos almacenados.[2]

Subtipos segundo a forma de vida e alimentación editar

Poden distinguirse catro tipos de histéridos predadores:

1. Dendrobitas

Poden ter un corpo aplanado ou cilíndrico. Os aplanados viven xeralmente en codias de árbores, onde comen ovos de mosca. Os cilíndricos tamén se alimentan de insectos, aos que cazan, e prefiren as áreas moi forestadas.

2. Xeobitas

Este grupoo é o tipo máis grande e diverso de histéridos predadores. Teñen corpos xeralmente circulares e tendencias escavadoras. Poden subdividirse en cinco divisións. Viven nos solos, desertos, costas, covas, tobos de mamíferos e na vexetación, segundo onde vivan as súas presas. Unha das divisións aliméntase de larvas e ovos que encontra na vexetación ou na prea, e encóntranse en bosques. A segunda e terceira divisións caza artrópodos que se alimentan de materia vexetal, e viven na area ou enterrados no solo. A cuarta división aliméntase de ovos de mosca que se están desenvolvendo nas feces frescas, e encóntranse preto dos lugares de habitación dos animais como niños e toqueiras. O último tipo de xeobitas vive en covas alimentándose de ácaros e outros artrópodos; algunhas destas especies son cegas.

3. Microhistéridos

É o grupo con especies de menor tamaño. Viven entre follas caídas e restos de plantas e aliméntanse cazando pequenos artrópodos que atopan alí. Algúns son cegos.[4]

4. Inquilinos

Este grupo comprende os histéridos que viven en estreita proximidade con colonias de insectos sociais, como formigas ou térmites. Os histéridos que viven asociados a formigas poden convivir en paz con elas ou ser os seus depredadores.[7] Estes escaravellos teñen un órgano secretor que emite un cheiro que indica ás formigas que non hai perigo.[8]

Reprodución e desenvolvemento editar

Os órganos reprodutores do macho e a femia están ocultos baixo os últimos esternitos do lado mesoesternal (mesoesterno). As estruturas reprodutoras femininas están modificadas para funcionar como un ovipositor, e os machos teñen unha estrutura copulatoria, que está oculta ata o apareamento. Os ovidutos da femia transportan os ovos desde o ovario ao ovipositor. A femia ten unha estrutura chamada espermateca, que almacena esperma.[2]

Os histéridos presentan un desenvolvemento holometábolo. Neste tipo de desenvolvemento a forma larvaria non lembra o adulto e a pupa ten xemas a partir das que se desenvolven as ás internamente. Pasan por un estado pupal inmóbil no que non comen e do que emerxen como adultos. O ciclo de vida dos histéridos consta das fases de ovo, larva, pupa e adulto.

Ovo editar

O tempo medio de desenvolvemento desde ovo a adulto a 30 °C é de 20,5 días. Os ovos da maioría das especies son ovais e abrancazados. Os ovos tardan como media 3,8 días +/- 0,02 en desenvolverse ata o primeiro ínstar ou estadio. O corion é brillante e liso. En certas especies, como as dos xéneros Epierus ou Platylomalus, poden ser marróns claros e ter unha textura coriácea.[2]

Larva editar

O estado larvario pasa por tres estadios, dos cales o segundo é o máis longo, e comprende o 39% do tempo total de desenvolvemento. O primeiro estadio ou ínstar dura como media 5,1 días +/- 0,1. A larva pode ter unha lonxitude desde 3 mm a varios centímetros. Teñen un corpo membranoso con pouca esclerotización na cabeza. Teñen algo de pigmentación arredor do corpo e están segmentadas. As patas son curtas e non se moven moi axilmente.[2]

Pupa editar

A pupa é similar en aparencia ao adulto. Os tecidos exteriores formados no estado larvario están agora reforzados por cemento proteináceo, o que fai que a súa cuberta exterior sexa máis dura e os protexa durante este estadio vulnerable. A pupa non se alimenta e permanece inmóbil, mentres que o seu corpo se transforma no do adulto. En boas condicións de temperatura o estadio pupal dura unha semana.[2]

Importancia forense editar

Como algúns histéridos poden encontrarse na prea, son útiles en investigacións forenses. Os que son depredadores aliméntanse dos insectos que hai nos cadáveres, especialmente larvas de moscas. Para estimar o momento da morte dunha persoa, os investigadores forenses deben observar os insectos que se encontran sobre o corpo e determinar o tempo de colonización. Os insectos que comen carne (xeralmente as súas larvas) chegan a un corpo morto en poucas horas e poñen alí ovos. Certas especies de histéridos chegan pouco despois ao cadáver, poñen ovos e as súas larvas e adultos comen as larvas doutros insectos que se están desenvolvendo alí.[9] Se os histéridos están presentes, o investigador pode asumir que algúns dos outros insectos estiveron tamén presentes e foron comidos polos histéridos. A familia Histeridae é moi diversa, polo que as diferentes especies poden encontrarse nos corpos en diferentes momentos dependendo dos seus hábitos. Os histéridos son máis comúns en primavera e verán.[10] Os histéridos agóchanse baixo o cadáver durante o día e saen pola noite a comer, polo que o cadáver debe ser examinado en diferentes momentos do día. Por exemplo, Hister quadrinotatus e Hister sedakovi chegan cando o cadáver está inchado ou seco. Ao contrario, Saprinus pennsylvanicus chega ao corpo antes, cando está fresco ou tamén cando xa moi descomposto (empezano a descomposición ou avanzada a descomposición). Debido á súa importancia en entomoloxía forense están a realizarse continuamente investigacións sobre o seu ciclo de vida e desenvolvemento, frecuencia en localizacións específicas e distribución xeográfica.

Un estudo recente realizado na Universidade Hacettepe de Ancara, Turquía. Corenta especies de Coleoptera, incluíndo os histéridos, foron estudados en doce carcasas de porco durante un período dun ano. Estudouse a distribución dos escaravellos e o seu momento de colonización nos diversos estados de descomposición ao longo do ano.[11]

Subfamilias editar

Velaquí unha lista de subfamilias de Histeridae segundo Encyclopedia of Life:

Xéneros e especies seleccionadas editar

A Histeridae é unha familia grande e diversa. Hai aproximadamente 3 900 especies e uns 330 xéneros. Esta é unha lista non exhaustiva:[12]

Xéneros Especies Imaxes
Abraeomorphus Abraeomorphus atomarius
Abraeus
Atholus Atholus rothkirchi
Aeletes
Acritus  
Bacanius
Carcinops Carcinops pumilio
Geomysaprinus Geomysaprinus goffi
Hololepta  
Hister  
Neopachylopus Neopachylopus sulcifrons
Platylomalus Platylomalus gardineri
Pachylister
Plaesius Plaesius javanus
Paromalus Paromalus lautus  
Saprinus

Notas editar

  1. Dictionary of word roots and combining forms compiled from the Greek, Latin, and other languages, with special reference to biological terms and scientific names. Mountain View, Calif: Mayfield Pub. Co., 1988.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Peter W. Kovarik and Michael S. Caterino, "Histeridae", in Ross H. Arnett, Jr. and Michael C. Thomas, American Beetles (CRC Press, 2001), vol. 1
  3. "Beetle - MSN Encarta." MSN Encarta : Online Encyclopedia, Dictionary, Atlas, and Homework. 07 Apr. 2009 <http://encarta.msn.com/encnet/refpages/RefArticle.aspx?refid=761555773&pn=2 Arquivado 29 de marzo de 2006 en Wayback Machine.>. 2009-10-31.
  4. 4,0 4,1 Mazur, Slawomir. "Ecology and Habitats of Histeridae." 13 Mar. 2009 <http://www.museum.hokudai.ac.jp/exhibition/kikaku03/6sympoMazur.html Arquivado 03 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.>.
  5. Davies, A. "Family Histeridae." Checklist of beetles of Canada and Alaska. Canadian National Collection of Insects, Arachnids and Nematodes. 11 Mar. 2009 <http://www.canacoll.org/Coleo/Checklist/PDF%20files/HISTERIDAE.pdf Arquivado 04 de agosto de 2018 en Wayback Machine.>.
  6. "Hister beetles - Family Histeridae." Decomposition: Hister Beetles. 2003. Australian Museum. 11 Mar. 2009 <http://www.deathonline.net/decomposition/corpse_fauna/beetles/hister.htm>.
  7. Arnett, R. H. 1968. Histeridae. In: The Beetles of the United States (A manual for identification). The American Entomological Institute, Ann Arbor, xii + 1112 pp.
  8. Gillott, C. 1995. The Remaining Endopterygote Orders. In: Entomology. Plenum Press, New York, xviii + 798 pp.
  9. M. R. Fakoorziba, M. Assareh, D. Keshavarzi, A. Soltani, M. D. Moemenbellah-Fard e M. Zarenezhad. Saprinus planiusculus (Motschulsky‚ 1849) (Coleoptera: Histeridae), a beetle species of forensic importance in Khuzetan Province, Iran. Egyptian Journal of Forensic Sciences 20177:11. https://doi.org/10.1186/s41935-017-0004-z [1]
  10. Fuller, John. "What do bugs have to do with forensic science?" How Stuff Works? University of Georgia. 21 Mar. 2009 <http://science.howstuffworks.com/forensic-entomology2.htm>.
  11. Özdemir, Senem, and Osman Sert. "Determination of Coleoptera fauna on carcasses in Ankara province, Turkey." Forensic Science International 183 (2009): 24-32.
  12. Myers, P., R. Espinosa, and C. S. Parr. "Family Histeridae." Animal Diversity Web. 1998. University of Michigan Museum of Zoology. 22 Mar. 2009 <http://animaldiversity.ummz.umich.edu/site/accounts/classification/Histeridae.html>.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Bibliografía editar