O higrómetro é un aparello empregado para a medición do grao de humidade do aire, entendida esta como a medida do vapor de auga presente nun gas, ou a cantidade de auga contida noutros medios como o chan ou as plantas. Isto realízase por medio de sensores que perciben e indican a súa variación.

Higrómetro e barómetro colocados para unha medición.

Historia

editar

Os primeiros higrómetros estaban constituídos por sensores de tipo mecánico, baseados na resposta de certos elementos sensibles ás variacións da humidade atmosférica (como o cabelo humano), algúns dos cales aínda se atopan en uso.

Constitución

editar

Este aparello está formado por dous eléctrodos enrolados en espiral entre os cales hai un tecido impregnado de cloruro de litio acuoso. De se aplicar a estes eléctrodos unha tensión alterna, o tecido quéntase pola corrente que circula a través del, e evapórase unha parte do contido de auga. A causa do secado aumenta a resistencia entre os eléctrodos e diminúe a cantidade de calor xerada. A unha temperatura definida establécese un equilibrio entre a evaporación por quecemento do tecido e a absorción de auga da humidade ambiental polo cloruro de litio, que é un material moi higroscópico (absorbente da humidade). Esta temperatura de equilibrio representa unha medida da humidade absoluta e é detectada por un termómetro de resistencia situado no interior do humidostato. As indicacións do termómetro envíanse a un dispositivo amplificador e de aquí, a un dispositivo de mando. Como o termómetro de resistencia se alimenta con corrente continua, débese prever tamén un dispositivo convertedor alterna-continua.

Tipos e características

editar
 
Psicrómetro de Asmann de circulación forzada.

Existen diferentes modelos de higrómetros que se clasifican segundo os seus compoñentes, método de medir e características:

  • Psicrómetro: empregado para determinar a humidade atmosférica mediante a diferenciación da súa temperatura coa humidade e a súa temperatura ordinaria.
  • Higrómetro de punto de rexío: tamén coñecido como higrómetro de condensación, calcula a humidade atmosférica ó determinar o seu punto de rexío. O punto de rexío dunha masa de aire obtense mediante a observación da temperatura á que se embaza unha superficie puída, como consecuencia do depósito de rexío, ó ir arrefriando artificialmente e de forma paulatina dita superficie.
  • Higrómetro de feixe de cabelos: presenta como elemento sensible unha corda de cabelos que se retorce coa humidade do ambiente e despraza unha agulla basculante que indica a proporción de humidade, aínda que sen chegar a coñecer a súa porcentaxe.
  • Higrómetro de absorción: a humidade determínase pola absorción de vapor de auga mediante substancias químicas higroscópicas que absorben e exhalan a humidade do medio.
  • Higrómetro eléctrico: posúe un elemento sensible cunhas propiedades eléctricas que varían segundo a humidade atmosférica. En moitos procesos de fabricación (fábricas de tabaco, almacéns de secadoiros etc) é mester coñecer o contido de humidade no aire, para conseguir as condicións óptimas de almacenamento de fabricación. Os aparellos destinados a medir a humidade dun local chámanse humidostatos.

Higrómetros hoxe

editar

Nos nosos días xa se usan para estas medicións substancias que son quen de mudar de cor por efecto da humidade, por exemplo o cloruro de cobalto, que se mostra nun ton rosado en presenza de aire húmido e azul en tempo seco.