Hetty Green
Henrietta Howland Robinson, nada en New Bedford (Massachusetts) o 21 de novembro de 1834 e finada en Nova York o 3 de xullo de 1916, máis coñecida como Hetty Green e alcumada «A bruxa de Wall Street», foi unha empresaria estadounidense.[1] Foi unha vez a muller máis rica de América durante a idade dourada. A pesar da súa gran fortuna, Green era extremadamente avara; vestía e vivía case como unha esmoleira e mesmo foi incluída no libro Guinness dos récords como a máis avara do mundo.[2]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 21 de novembro de 1834 New Bedford, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 3 de xullo de 1916 (81 anos) Nova York, Estados Unidos de América |
Causa da morte | ictus |
Lugar de sepultura | Vermont |
Residencia | New Bedford (pt) Londres Manhattan Nova York Nova Jersey |
Relixión | Sociedade Relixiosa dos Amigos |
Actividade | |
Ocupación | financeiro |
Familia | |
Fillos | Edward Howland Robinson Green, Sylvia Wilks |
Pais | Edward Mott Robinson e Abbigale "Abby" Slocum Robinson |
Green acumulou a súa fortuna como financeira, principalmente traballando no sector inmobiliario, os ferrocarrís e nos préstamos, nunha época en que o negocio estaba dominado na súa maioría por homes.[3] Despois da súa morte, The New York Times declarou que "foi o feito de que a Sra. Green era unha muller o que converteu a súa carreira nun tema de curiosidade, comentarios e asombro interminables".
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarHenrietta "Hetty" Howland Robinson naceu en 1834 en New Bedford, Massachusetts, filla máis vella de Edward Mott Robinson e Abby Howland. Hetty tamén tivo un irmán máis novo que morreu na infancia.[4] A familia Robinson era unha das máis ricas da cidade, involucrada no negocio baleeiro e o comercio coa China.[5]
Á idade de dous anos, Hetty foi enviada a vivir co seu avó materno, Gideon Howland, e a súa tía, Sylvia Ann. Hetty lía as cotizacións da bolsa e os informes comerciais do seu avó, ademais de aprender algúns dos seus métodos comerciais. Debido á influencia do seu avó e do seu pai, e posiblemente debido a que a súa nai estaba constantemente enferma, sempre estivo moi unida ao seu pai e para a idade de seis anos lía documentos financeiros, mentres que polas noites lía as noticias.
Á idade de dez anos, ingresou ao internado Eliza Wing School en Sandwich, Massachusetts. Cando tiña trece anos, Hetty converteuse na contadora familiar e acompañaba o seu pai ás casas de cálculo, aos almacéns e a visitar comerciantes de produtos básicos e corretores de bolsa. O seu pai converteuse no xefe da empresa baleeira Isaac Howland trala morte do seu avó, e Hetty comezou a emular as prácticas comerciais do seu pai. Hetty aprendeu a ler libros de contabilidade e a comerciar con produtos. Aos quince anos, inscribiuse en dúas sesións de verán na Friends Academy. Debutou na sociedade de New Bedford en 1854, antes de mudarse a Nova York para vivir cun primo da súa nai, Henry Grinnell. Con todo, non pasou moito tempo antes de que Hetty regresase a New Bedford, alternando entre a casa do seu pai e a da súa tía. Alí, ao perseguir os intereses do seu pai, non só gañou o seu eloxio, senón que tamén compartiu o seu pracer de gañar diñeiro.[6]
A súa nai morreu o 21 de febreiro de 1860, á idade de 51 anos, e o seu patrimonio de cen mil dólares foi para o seu esposo, agás unha casa de 8000 dólares (equivalente a 223 000 dólares de 2018) que herdou Hetty.
Matrimonio
editarHetty casou aos 33 anos con Edward Green, un membro dunha adiñeirada familia de Vermont, o 11 de xullo de 1867. A parella casou e mudouse a Manhattan, despois mudáronse a Londres e viviron no hotel Langham onde naceron os seus fillos Edward Howland Robinson Green (22 de agosto de 1868 – 8 de xuño de 1936) e Harriet Sylvia Ann Howland Green Wilks (7 de xaneiro de 1871 - 5 de febreiro de 1951).
Posteriormente regresaron a Vermont, cidade natal do seu esposo. Alí comezaron os seus problemas tanto no ámbito político como no social. Despois, en 1885 o seu esposo arruinouse e Hetty decidiu separarse. En 1902, Edward enfermou do corazón e reconciliouse con Hetty, que a axudou como enfermeira. Ese mesmo ano, o 19 de marzo Edward morreu e foi enterrado en Bellows Falls, no cemiterio da igrexa Immanuel.
Hetty criou os seus dous fillos soa. Vivía en pequenas habitacións de míseros hoteis para pagar baixos impostos. Empregaba o mesmo vestido para non gastar en roupa e lavábao só na parte que daba ao piso para aforrar xabón. A comida era da peor do mercado e viaxaba sen escoltas. Nunha ocasión, o seu fillo Edward sufriu unha ferida no xeonllo e levouno a unha clínica de caridade. Para desgraza de Edward, o médico recoñeceu a Hetty e esixiu que a muller pagase a consulta. Hetty negouse a facelo e atendeuno persoalmente. Dous anos despois, a perna infectouse e tivo que ser amputada debido á gangrena.
Cando tiña 81 anos, Hetty sufriu unha apoplexía e o seu fillo Edward Howland, contratou enfermeiras que vestían con roupas comúns para que a súa nai non se dese conta. Na súa vellez, comezou a sufrir dunha hernia, mais negouse a someterse a unha operación, xa que custaba 150 dólares. Sufriu moitos golpes e tivo que depender dunha cadeira de rodas.
Morte
editarHetty Green faleceu aos 81 anos en Nova York. Morreu de apoplexía cando discutía cunha criada. Foi sepultada xunto ao seu esposo.
Trala morte de Hetty Green, o seu único fillo varón herdou parte da fortuna da súa nai e converteuse nun millonario extravagante que malgastaba diñeiro en festas, xoiaría, iates e diamantes.
A súa filla Sylvia morreu en 1951. Deixou un patrimonio de ao redor de 200 millóns de dólares que legou a organizacións de beneficencia, escolas, igrexas e hospitais.
Notas
editar- ↑ "Hetty Green "the Witch of Wallstreet"" (PDF). Consultado o 21 de agosto de 2014.
- ↑ Pérez, Nieves. "Riqueza vs. avaricia: recordamos a Hetty Green, "la bruja de Wall Street"" (en castelán). Consultado o 21 de agosto de 2018.
- ↑ Rosenblum, Constance (19 de decembro de 2004). "'Hetty': Scrooge in Hoboken". Consultado o 21 de xullo de 2007.
- ↑ Leavitt, Judith A. (1985). American Women Managers and Administrators: A Selective Biographical Dictionary of Twentieth-century Leaders in Business, Education, and Government. Greenwood Publishing Group. p. 93. ISBN 0-313-23748-4.
- ↑ Slack, Charles (2004). Hetty: The Genius and Madness of America's First Female Tycoon. New York. Ecco.
- ↑ Wallach, Janet (2012). The Richest Woman in America: Hetty Green in the Gilded Age. New York. p. 9-21,37,45. ISBN 9780307474575.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hetty Green |
Bibliografía
editar- Caplan, Sheri J. Petticoats and Pinstripes: Portraits of Women in Wall Street's History. Praeger, 2013. ISBN 978-1-4408-0265-2.
- Ford, Carol. "Hetty Green, A Character Study". National Magazine, setembro de 1905.
- Lewis, Arthur H. The Day They Shook the Plum Tree. Nova York: Harcourt Brace. (1963); Buccaneer Books, Cutchogue, NY (1990) ISBN 0-89966-600-0.
- Leila Schneps e Coralie Colmez, Math on trial. How numbers get used and abused in the courtroom, Basic Books, 2013. ISBN 978-0-465-03292-1. (Ninth chapter: "Math error number 9: choosing a wrong model. The case of Hetty Green: a battle of wills").
- Slack, Charles. Hetty: The Genius and Madness of America's First Female Tycoon. Nova York: Ecco (2004). ISBN 0-06-054256-X.
- Wallach, Janet (25 de setembro de 2012). The Richest Woman in America: Hetty Green in the Gilded Age. Knopf Doubleday Publishing Group. ISBN 978-0-385-53198-6. Consultado o 3 de setembro de 2013.
Ligazóns externas
editar- A more generous profile: "Shrewdness and Gumption"
- Wealthy eccentrics, Hetty Green, CNNMoney.com
- WallStreetCosmos.Com: Hetty Green, Witch or Wizard? Arquivado 22 de agosto de 2007 en Wayback Machine.