Hermetismo (literatura)

O hermetismo foi un movemento poético e de crítica literaria en Italia na primeira metade do século XX. Os seus membros máis importantes foron Giuseppe Ungaretti, Dino Campana, Mario Luzi e os premios Nobel Eugenio Montale e Salvatore Quasimodo.

Orixe do nome editar

A súa denominación procede do ensaio La poesia ermetica (1936) de Francesco Flora, en que caracterizaba unha vontade de escuridade e a utilización profusa de analoxías que permitían burlar a censura do fascismo. En 1938 Carlo Bo publicou o ensaio "Letteratura come vita" na revista Il Frontespizio, que recollía as bases teóricas e metodolóxicas da poesía hermética.

O nome deriva, á súa vez, de Hermes Trismegisto, figura lendaria entre os séculos II e III d.C., quen fundou unha mística pagá supostamente herdada da escrita xeróglifa exipcia e inscrita no Corpus hermeticum. Porén, ten relación tamén con Hermes, deus grego do alén e o incerto. A poesía hermética deriva do simbolismo (especialmente de Stéphane Mallarmé) e do decadentismo e ten influencias da poesía pura de Paul Valéry[1] e do surrealismo europeo. Fenómeno radicado esencialmente en Florencia, tivo como órgano oficial a revista Campo di Marte, dirixida por Alfonso Gatto e Vasco Pratolini.

Características editar

Aínda que no inicio o termo "hermetismo" nacera cunha intención crítica e polémica, acabou por describir unha poesía destinada a un público reducido e concibida, en parte, como unha revelación. O movemento xurdiu na década de 1920 e consolidouse entre 1935 e 1940. A súa popularidade baseábase na escuridade da súa expresión, a cal permitía burlar a censura do réxime fascista e exorcizar a estupidez da linguaxe triunfalista oficial. Os seus membros sentían repugnancia e angustia ante un mundo demasiado glorificado e optimista para ser real.

Na loita contra esa linguaxe falsa sentían a necesidade de inventar unha nova, liberadora. Buscábaa, por exemplo, Dino Campana con Canti orfici (1914). Campana pérdese na "noite de feira da pérfida Babel" e, de feito, acabou internado nun hospital psiquiátrico, onde finou. Ungaretti escribía tamén que "os vellos mestres parecen esgotados e xa soan a falsos... O poeta moderno recolle a palabra en situación de crise, faina sufrir con el, proba a súa intensidade e ízaa na noite". Porén, as preocupacións formais non estaban exentas do horror que lles produciron as dúas Guerras Mundiais, o fascismo e a colaboración con Hitler.

O helenista siciliano Salvatore Quasimodo, Premio Nobel, constituíu o autor máis definido do movemento. Cultivou unha poesía ao principio aristocrática e perfeccionista que imitaba os modelos da lírica grega arcaica que traducía. Porén, a partir de 1946, trala segunda guerra mundial, encheuse de indignación para reflectir os valores que debían ser reinstaurados nun mundo xa liberado do veleno.[2][3][4]

Quasimodo expuxo na obra Oboe sommerso (1932) os principais trazos formais desta lírica:

  • A linguaxe evocadora con analoxías escuras mediante a asociación de ideas por xustaposición
  • O uso de substantivos absolutos sen artigo
  • Os plurais indeterminados
  • As imaxes oníricas

No hermetismo, o texto sae do cotián e faise atemporal, sen teimar en propósitos prácticos.

O distanciamento da realidade leva a unha poesía concibida como intuición, comunicábel só mediante analoxías. Poetas como Giuseppe Ungaretti ou Eugenio Montale buscaban a pureza orixinal da palabra, en oposición á énfase retórica de Gabriele D'Annunzio ou á temática convencional de Giovanni Pascoli. Continuaban, porén, a experiencia simbolista francesa de Mallarmé e Valéry, e buscaban reasignarlle á mensaxe poética unha carga expresiva absoluta que a afastase do aspecto soamente comunicativo da linguaxe co fin de lograr unha impresión sentimental directa.

Buscaban facer da palabra no poema un momento puro e absoluto en que culminasen as tensións existenciais e cognoscitivas individuais co sentido da vida, cos valores relixiosos máis ou menos acentuados.[5][6]

Notas editar

  1. Margarita Garbisu, "Purismo español y Hermetismo italiano, coincidencias y divergencias en Jorge Guillén y Giuseppe Ungaretti", en Academia https://www.academia.edu/3650422/Purismo_espa%C3%B1ol_y_Hermetismo_italiano_coincidencias_y_divergencias_en_Jorge_Guill%C3%A9n_y_Giuseppe_Ungaretti
  2. Léon Thoorens, "Las voces del silencio", en Panorama de las literaturas Daimon. Italia y Alemania. Madrid: Daimon, 1970, p. 136-137
  3. Poéticas del Hermetismo, en Poéticas http://poeticas.es/?tag=hermetismo
  4. Eugenio Montale, "Hablemos de hermetismo", en Primato, ano I, núm. 7, (1 de xuño de 1940), p. 78. https://ginebramagnolia.wordpress.com/2013/03/14/hablemos-de-hermetismo-eugenio-montale/
  5. http://www.treccani.it/enciclopedia/ermetismo/
  6. Reflexiones sobre el Hermetismo de Cesare Pavese https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/298613.pdf