Herdanza xenética
A herdanza xenética é a transmisión a través do material xenético contido no núcleo celular, das características anatómicas, fisiolóxicas ou doutro tipo, dun ser vivo aos seus descendentes. O ser vivo resultante terá características dun ou dos dous pais.
A herdanza consiste na transmisión á súa descendencia dos caracteres dos ascendentes. O conxunto de todos os caracteres transmisibles, que veñen fixados nos xenes, recibe o nome de xenotipo e a súa manifestación exterior no aspecto do individuo o de fenotipo.
Para que os xenes se transmitan aos descendentes é necesaria unha reprodución idéntica que dea lugar a unha réplica de cada un deles; este fenómeno ten lugar na meiose.
As variacións que se producen no xenotipo dun individuo dunha determinada especie denomínanse variacións xenotípicas. Estas variacións xenotípicas xorden por cambios ou mutacións (espontáneas ou inducidas por axentes mutaxénicos) que poden ocorrer no ADN. As mutacións que se producen nos xenes das células sexuais poden transmitirse dunha xeración a outra. As variacións xenotípicas entre os individuos dunha mesma especie teñen como consecuencia a existencia de fenotipos diferentes. Algunhas mutacións producen enfermidades, tales como a fenilcetonuria, galactosemia, anemia drepanocítica, síndrome de Down, síndrome de Turner, entre outras. Ata o momento non se puido curar unha enfermidade xenética, pero para algunhas patoloxías estase investigando esta posibilidade mediante a terapia xénica.
O esencial da herdanza queda establecido na denominada teoría cromosómica da herdanza, tamén coñecida como teoría cromosómica de Sutton e Bovery:
- Os xenes están situados nos cromosomas.
- Os xenes están dispostos linealmente nos cromosomas.
- A recombinación dos xenes correspóndese co intercambio de segmentos cromosómicos (Crossing over).
A transferencia horizontal de xenes é factor de confusión potencial cando se infere unha árbore filoxenética baseado na secuencia dun xene. Por exemplo, dadas dúas bacterias lonxanamente relacionadas que intercambiaron un xene, unha árbore filoxenética que inclúa a ambas as especies mostraría que están estreitamente relacionadas posto que o xene é o mesmo, ata se moitos doutros xenes tivesen unha diverxencia substancial. Por este motivo, ás veces é ideal usar outras informacións para inferir filoxenias máis robustas, como a presenza ou ausencia de xenes ou a súa ordenación, ou, máis frecuentemente, incluír o abanico de xenes máis amplo posible.
Críticas á definición de herdanza como herdanza xenética
editarA Teoría dos sistemas de desenvolvemento (DST) oponse á definición de herdanza como transmisión de xenes e aplica o concepto a calquera recurso que se atope en xeracións sucesivas e que contribúa a explicar por que cada xeración parécese á que lle precede. Estes recursos inclúen factores celulares e factores externos como a gravidade ou a luz solar. A DST utiliza, xa que logo, o concepto de herdanza para explicar a estabilidade da forma biolóxica dunha xeración a outra.