Hórreo tipo Cedeira

O hórreo tipo Cedeira é unha tipoloxía de hórreo galego que se estende nunha área que abrangue a zona costeira entre as rías de Ferrol e Ortigueira, delimitada polo sueste por unha liña máis ou menos recta que une Xuvia e Meira. Convive con outras tipoloxías.[1]

Características editar

Morfolóxicas editar

Ten planta rectangular oblonga, é alto e ás veces moi alto. A suspensión está constituída sempre por un celeiro. A cámara está formada por persianas, que están ordenadas en series verticais separadas por estreitas franxas de muro cego.

O tellado é a catro augas. Non ten, polo tanto, pinches sobre os penais, e o seu beiril é continuo e horizontal, pouco saínte. A pendente das vertentes é moi acusada. Non é frecuente o uso de elementos terminais, e cando os hai trátase de pezas encurvadas e terminadas en punta, que chaman cornixas, colocadas nos ángulos e nas arestas. A que vai no medio do cumio pode ser dobre e levar entre as dúas pólas unha pequena cruz. O acceso á cámara é exterior, non existindo comunicación entre esta e o celeiro. Faise a través dunha porta, aberta normalmente nun dos costais. Adoita ir centrada, pero nos hórreos máis grandes pode ir unha en cada extremo, colocadas de forma simétrica.

Non se atopan moitas variacións formais dentro do tipo, a non ser diferenzas na lonxitude e na altura. En casos excepcionais pode chegar a ter tres plantas.

Construtivas editar

O celeiro é de fábrica de ladrillo ou de morteiro de cemento. O teito do celeiro, que fai de chan da cámara, é de morteiro tamén. As persianas que conforman as paredes da cámara está composta de pequenas pezas de xisto ou de cerámica, todas de igual dimensión, chamadas chanquilóns. Estas pezas déixanse na súa cor natural, mentres que o celeiro e as xambas e esquinais revócanse e encálanse.

O tellado é de lousa de xisto. Os elementos terminais son de cerámica.

Notas editar

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 8485728009.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Martínez Rodríguez, I. El Hórreo Gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1999. ISBN 8489748640.