Golpe de Estado do 18 de brumario

O golpe de Estado do 18 de brumario do ano VIII en Francia fai referencia ao golpe de Estado dado nesa data do calendario republicano francés, correspondente ao 9 de novembro de 1799 do calendario gregoriano, que acabou co Directorio, última forma de goberno da Revolución francesa, e iniciou o Consulado con Napoleón Bonaparte como líder.

Golpe de Estado do 18 de brumario en Francia
Contexto do acontecemento
LugarFlag of France.svg Francia
Impulsores
  • Goberno previo
    Forma de gobernoDirectorio
    Goberno resultante
    GobernanteNapoleón Bonaparte
    Forma de gobernoConsulado
    Napoleón Bonaparte

    HistoriaEditar

    O día 18 de brumario do ano VIII (calendario republicano francés, equivalente ao 9 de novembro de 1799), Napoleón Bonaparte, retornado desde a campaña de Exipto e aproveitando a debilidade política do Directorio Executivo gobernante en Francia, deu un sorprendente golpe de Estado contando co apoio popular e do exército (sabedores das súas fazañas e capacidades nas diferentes campañas das Guerras Revolucionarias Francesas), xunto a algúns ideólogos da Revolución como Sieyès.

    Ese día foi convocado con carácter de urxencia o Consello de Anciáns para tratar unha presunta conspiración dos xacobinos contra o goberno. O Consello tomou o acordo de trasladarse a Saint-Cloud por motivos de seguridade, mais ao día seguinte Napoleón secuestrou a Asemblea co apoio do exército. Aproveitando as intrigas e a división de competencias entre os aparellos lexislativos e executivos do Estado, e recorrendo por suposto á coacción persoal, conseguiu que os deputados franceses nomeasen Cónsules provisionais a Sieyès, Roger Ducos e a el mesmo, creando o que se coñeceu como o triunvirato.

    De forma inmediata preparouse a reforma constitucional. Tomáronse medidas para asegurar a orde social no país, acompañando as medidas económicas co desterro dos xacobinos, á vez que Bonaparte aumentaba a súa popularidade grazas a estas medidas e ás súas continuas aparicións públicas, exercendo o papel de salvador da patria. A pesar de que a República contaba en teoría con tres cónsules, só Napoleón chegou a exercer o cargo grazas a un truco legal consistente en iniciar o goberno dos cónsules por orde alfabética (Bonaparte-Ducos-Sieyès).

    Este golpe de Estado, que en principio pretendía acabar coa corrupción do anterior goberno e favorecer os intereses da nova burguesía republicana, levouno a recibir o título de Emperador de Francia o 2 de decembro de 1804.

    Durante moito tempo, relacionouse esta data (18 de brumario) co concepto de golpe de Estado, tanto que en 1851, Karl Marx publicou a súa obra titulada Der 18te Brumaire des Louis Napoleon (O 18 de brumario de Luís Bonaparte), relacionando o momento histórico co concepto de cesarismo (véxase tamén Xulio César), aínda que considerando Marx que o devandito concepto non é aplicábel á realidade do seu tempo, debido ao diferente carácter das clases en pugna en comparación coas existentes durante o momento de Xulio César.[1]

    NotasEditar

    1. Karl Marx. El 18 Brumario de Luis Bonaparte, Prólogo del autor a la Segunda Edición de 186, páx. 5-7. Fundación Federico Engels, Madrid, 2003, 117 páxs, ISBN 84-932118-7-7

    Véxase taménEditar

    Ligazóns externasEditar