Furancho
Un furancho[1], tamén chamado loureiro,[2] é un local de tempada (entre febreiro e maio), xeralmente habilitado nunha adega particular, onde se venden os excedentes do viño que o propietario elabora para o seu consumo particular, xunto coas tapas que lle sirvan de acompañamento.
Historia e características
editarCo paso do tempo, os furanchos foron diversificando os produtos que vendían con produtos a base de porco (xamón, chourizo, zorza, raxo) e, nalgún caso, tamén de pratos cociñados de todo tipo, ata rematar por realizar unha actividade similar á dos bares e restaurantes, pero sen estaren sometidos á normativa aplicable a estes establecementos.
A partir dos anos 2000-2005 comezaron a ser denunciados polos propietarios doutros negocios hostaleiros, que vían na súa actividade unha competencia desleal non regulada. Este conflito deu lugar á publicación no 2008 da normativa autonómica que buscaba defini-las características que deben reunir e as actividades que podían desenvolver:
- Defínense os furanchos como aquelas adegas que teñen como actividade principal a de subministrar mediante prezo o viño excedente do consumo propio que procede dos seus viñedos.
- Identificaranse ó público mediante a exhibición, nun lugar visible, dunha placa identificativa coa clasificación de furancho. Esta placa pode ir acompañada do tradicional ramallo de loureiro [3].
- Deberán contar coa autorización de apertura expedida polo concello, para un período determinado que dependerá da declaración previa de produción anual na Consellería do Medio Rural. O período de apertura non poderá ser superior a 3 meses e estará comprendido, con carácter xeral, entre o 1º de decembro e o 30 de xuño.
- Non poderán servir viño embotellado, senón que este ten que proceder directamente do barril. As comidas que sirvan deberán proceder de establecementos autorizados e estar perfectamente etiquetadas e documentadas, e en ningún caso serán sometidos a elaboración ou transformación no propio furancho.
- Os servizos ofertados e os seus prezos deberán estar expostos nun lugar visible e de modo lexible.
A Lei de Turismo de Galicia de 2011 estableceu que os furanchos, que non se consideran establecementos de restauración, tiñan que ter unha regulación propia que se recolleu no decreto 215/2012.
O termo furancho foi recollido por vez primeira por Eladio Rodríguez co significado de "Taberna, tienda de vinos de escasa importancia". Franco Grande matizou esta definición no senso de "Lugar o casa particular donde se vende vino nuevo". Ningún dos lexicógrafos compendiados no Diccionario de diccionarios dá este significado para a voz loureiro.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para furancho.
- ↑ DECRETO 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia
- ↑ A presenza deste ramallo de loureiro á porta da casa deu lugar ó refrán: Taberna vella non precisa na porta ramalleira (Eladio Rodríguez González, s. v. taberna.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- DECRETO 215/2012, do 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia (corrección)
- Orde do 23 de setembro de 2008 pola que se desenvolve o Decreto 116/2008, do 8 de maio, polo que se establece a ordenación dos establecementos de restauración denominados furanchos en Galicia..
- SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
Ligazóns externas
editar- Páxina web sobre os furanchos do país
- Guía de furanchos, casas de comidas e demais tabernas tradicionais galegas, para o móbil
- Furanchos and adegas: exploring symmetry through wine cultures in Galicia and Alentejo, Pablo Alonso González e Eva Parga Dans. Cultural Geographies.