Frieira (medicina)
Unha frieira[1] é unha inflamación da pel producida pola exposición prolongada e repetida ó frío ou á humidade.
O fundamento biolóxico do fenómeno é a constrición dos capilares nas áreas superficiais do corpo, que serve para regular e evitar unha excesiva perda de calor corporal. Cando a constrición dura demasiado tempo por mor da exposición prolongada, a falta do rego sanguíneo produce danos nos tecidos.
Adoita afectar a un reducido número de partes do corpo, especialmente os pés, as mans, o nariz e as orellas. A inflamación pode causar dor ou proído. Cando cesa a exposión ó frío, a inflamación remite sen necesidade de tratamento nunha ou dúas semanas. Naqueles casos máis difíciles de tratar emprégase a nifedipina.
A xeito de prevención, é necesario protexer as partes máis vulnerábeis do frío e a humidade. Tamén se aconsella a realización de actividade física, pois este mal é máis común en persoas sedentarias. A práctica de deportes aeróbicos axuda a eliminalas, xa que a frieira ten orixe nos problemas circulatorios.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para frieira.