Fosildiaxénese
Nos estudos paleontolóxicos actuais, a Fosildiaxénese é o subsistema da Tafonomía que estuda os procesos da fosilización que operan tralo enterramento das entidades tafonómicas.
Historia do termo
editarO termo fosildiaxénese foi empregado na súa orixe para denotar os procesos de fosilización que teñen lugar despois do enterramento final dos restos orgánicos; e o termo Fosildiaxénese foi proposto para a disciplina que explora a historia posterior ó enterramento dos restos orgánicos. Na década dos sesenta do século XX, tras unha época de gran diversidade de planteamentos e obxectivos que multiplicaron as disciplinas científicas que dalgunha maneira se ocupaba dos procesos de alteración e enterramento das entidades biolóxicas, propúxose unha clasificación (defendida por Lawrence e logo amplamente empregada) que unificaba os diferentes estudos relativos á fosilización nunha sóa disciplina científica: a Tafonomía, integrada esta por dúas categorías subordinadas: a Bioestratinomía e a Fosildiaxénese.
Pero nesta clasificación modificáronse os significados orixinais dos termos: a fosildiaxénese foi inicialmente entendida como o estudo dos procesos experimentados polos restos e/ou sinais organóxenos mentres estiveron enterrados ou como a fase da fosilización posterior ó enterramento; en cambio, moitos autores entenden hoxe a fosildiaxénese coma unha fase da fosilización que comeza despois do enterramento final dos restos, como era o significado en orixe do termo.[1][2].
Os procesos fosildiaxenéticos
editarTrala descomposición, rotura e transporte, os restos acostuman sufrir enterramento. En ocasións, o material enterrado consérvase sen sufrir alteracións posteriores (p.ex: foraminíferos, grans de pole, dentes de tiburóns...), pero o normal é que unha vez enterrados, estes restos sufran alteracións coñecidas coma diaxénese. Por iso, os procesos fosildiaxenéticos poden considerarse coma os procesos diaxenéticos aplicados ós fósiles; lo cal nos da unha idea da evolución que sofre o resto durante todo o seu enterramento, e fai pensar nos fósiles coma entidades dinámicas, non estáticas.
Algúns procesos tafonómicos propiamente fosildiaxenéticos:
- Compactación e fracturación (por efecto da presión dos sedimentos supraiacentes ou por causas tectónicas).
- Disolución.
- Carbonatación.
- Recristalización.
- Silificación.
- Cementación.
- Remoción.
No momento en que os restos fósiles encóntranse moi próximos á superficie ou aflorando, aínda poden actuar outras forzas, preferentemente a meteorización atmosférica.
Cando estes procesos superan certos límites, prodúcese a desaparición do resto. A disolución total ou parcial dos restos pode ocorrer en calquera momento da fosildiaxénese; por tanto, pode establecerse unha escala de resistencia dos biomateriais á descomposición. Por exemplo, a presenza de biomoléculas como a quitina, celulosa ou lignina aumenta notablemente a resistencia á disolución do resto. Non obstante, ata os biomateriais máis resistentes, como as paredes celulares de moitos protistas e plantas, continúan a súa descomposición aínda que o proceso se relentice. [3]
A conservación a longo prazo do resto, rara vez conséguese só inhibindo a descomposición, aínda que pode atoparse algún caso en medios como o asfalto, o ámbar ou o xeo, xa que excepto en casos excepcionais, a descomposición continúa, de forma lenta. Polo tanto, para que o resto chegue a conservarse, debe actuar outro proceso, coñecido coma mineralización.
Procesos usuais de fosilización
editar- Cementación por permineralización ou adición: os esqueletos non son sólidos, polo tanto, cando un material esquelético é enterrado, os poros e canais que posúe, énchense de auga que contén minerais disoltos en forma de ións, e segundo cales sexan, e dependendo do pH, precipitarán uns minerais ou outros (normalmente calcita e sílice). Como resultado, refórzase o resto xa que taponan todos eses canais e poros, aínda que a súa morfoloxía e microestrutura non acostuma variar.
- Cementación por concreción: en ocasións, un resto orgánico enterrado pode actuar coma un núcleo arredor do cal cementan substancias formando un nódulo. Ó descompoñerse o organismo, libera substancias ó medio, coma por exemplo ións bicarbonato, que poden reaccionar con calcio e precipitar en forma de carbonato cálcico, formando así a concreción.
- Cementación de cavidades: o resto se descompón total ou parcialmente, pero deixando unha cavidade no substrato que se recheará con materiais que reconstruirán a súa forma orixinal. Isto coñécese coma Pseudomorfose.
- Recristalización: cando se enterra un resto coma unha cuncha, a medida que pasa o tempo, as presións de orixe xeolóxico van aumentando (peso de sedimentos, presións oroxénicas...). Como resultado, a configuración cristalina dos minerais que forman a cuncha varía pero sen modificar a súa composición (é a substitución dun mineral polo seu polimorfo, coma por exemplo aragonito por calcita, ambos formados por carbonato cálcico). Non obstante, a forma externa da cuncha permanece invariable a pesar de que a súa microestrutura foi destruída.
- Reemplazamento: é a substitución dun mineral por outro diferente que non sexa o seu polimorfo (modifícase a configuración cristalina e a composición química).
- Carbonificación: é un dos primeiros efectos diaxenéticos. Trátase do enriquecemento relativo en carbono dun resto por perda de volátiles; por efecto da presión e do aumento da temperatura perde hidróxeno, osíxeno e nitróxeno, e gaña carbono. Isto permite que se conserve unha impresión das partes brandas de certos fósiles (coma é o caso, por exemplo, da aleta caudal dalgúns fósiles de Ictiosauros).
- Distorsión: cando un resto é enterrado, vese sometido á presión litostática e ás forzas tectónicas. Isto provoca expansións, compresións, pregamento, degretamento... dos restos.
- Remoción (reelaboración, retraballamento): é o fenómeno de desenterramento dos restos e o seu posterior enterramento nun ambiente diferente ó inicial antes do seu definitivo afloramento ou desenterramento por acción antrópica. Ás veces ponse en evidencia ó aparecer un fósil propio dunha idade noutra máis moderna.
Notas
editar- ↑ Aguirre, Emiliano (1989). Paleontología. CSIC. Madrid
- ↑ Fernández-López, S. R. (2000). Temas de Tafonomía. Departamento de Pelontología, Universidad Complutense de Madrid. 167 pp.
- ↑ López-Martínez, N. & Truyols-Santonja, J. (1994). Paleontología. Conceptos y Métodos. Editorial Síntesis, Madrid, 334 pp.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Temas de Tafonomía (Xisto Fernández) Arquivado 28 de marzo de 2007 en Wayback Machine.
- Documento sobre Paleontoloxía