Firn ou neve firn (do dialecto suízo-alemán: 'do ano pasado') é unha neve parcialmente compactada, un tipo de neve que quedou de invernos pasados e recristalizou ata formar unha substancia máis densa que a neve fresca. É xeo que se encontra nun estado intermedio entre a neve e o xeo glacial. O firn ten o aspecto do azucre húmido, posúe unha dureza que fai que sexa moi difícil de traballar cunha pa. En xeral, a súa densidade está entre 0,4 g/cm³ e 0,83 g/cm³,[1] e a miúdo pode encontrarse debaixo da neve que se acumula no circo dun glaciar.

Toma de mostras na superficie dun glaciar. A densidade do firn aumenta a medida que se descende das capas de neve superficial cara ao xeo glacial azul.
Campo de firn na superficie do Säuleck, Hohe Tauern.

As folerpas de neve que caen quedan comprimidas polo peso da masa de neve que caeu posteriormente e as cubriu. Os cristais individuais que posúen unha temperatura próxima á de fusión son semilíquidos, permitindo que se deslicen sobre os seus planos cristalinos e enchan os espazos entre eles, aumentando así a densidade do xeo. Onde os cristais se tocan estes quedan pegados entre si, empurrando o aire cara á superficie ou atrapándoo en burbullas.

Durante os meses de verán, a metamorfose dos cristais pode ocorrir máis rapidamente debido ao percolado da auga entre os cristais. Cara ao final do verán o resultado é que se formou firn.

A altitude mínima á cal se acumula firn nun glaciar chámase límite do firn, liña do firn ou liña de neve.

Notas editar

  1. Cuffey and Paterson (2010), The Physics of Glaciers 4th Edition

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar