A familia nuclear é a familia convivente formada polos membros dun único núcleo familiar, o grupo formado polos membros dunha parella e/ou os seus fillos. As definicións máis amplas consideran nun núcleo familiar tanto aos grupos formados por dous adultos emparellados, con ou sen fillos, como aos formados por un adulto cun ou varios fillos.[1] Algunhas definicións máis restritivas redúcena aos casos nos que están presentes os dous proxenitores.

Unha persoa non pode pertencer a dous núcleos familiares á vez. Se os fillos forman parte doutro núcleo (se están casados ou se teñen fillos) non forman parte do núcleo inicial, con independencia de que convivan ou non.

De acordo co Dicionario Cambrigde, o termo data de 1947, e por tanto é relativamente novo, aínda que as estruturas sociais que designa non o sexan.[2][3] O cambio das estruturas familiares extensas ás nucleares en moitas sociedades non occidentais obedece en moitas ocasións á difusión dos valores e civilización occidentais.

Variacións no emprego do termo editar

Na súa acepción máis común, o termo familia nuclear refírese a un grupo doméstico conformado por un pai, unha nai e os seus fillos biolóxicos. George Murdock ben describía a familia nestes termos:

A familia é un grupo social caracterizado por unha residencia común, a cooperación económica e a reprodución. Contén adultos de ambos sexos, os cales manteñen unha relación sexual socialmente aprobada. Tamén inclúe un ou máis fillos, propios ou adoptados, dos adultos que cohabitan sexualmente.

Nalgunhas ocasións, emprégase o termo para describir os fogares monoparentais e aquelas familias nas cales os pais non constitúen unha parella conxugal.

Diferenzas coa familia extensa editar

Ao redor do mundo, as normas sobre a estrutura familiar son diferentes. As representacións acerca do que constitúe unha familia cambian de acordo coa cultura, a mobilidade, a saúde, a tradición. En moitas sociedades, a necesidade de ser apoiado socialmente é un feito moi común, especialmente naqueles sitios onde os custos económicos para a formación dun patrimonio son moi elevados. Neses contextos, a familia nuclear vólvese un obstáculo máis que unha oportunidade, e por iso xorden formas familiares distintas, como aquela que en Occidente se chama familia estendida.

Cambios na formación da familia nuclear editar

A antropoloxía e a socioloxía estudan as familias e a súa conformación, tentando definir as diferenzas entre os tipos delas. Con todo, mentres que a antropoloxía historicamente foi máis receptiva á análise de todos os tipos de familia existentes, a socioloxía poucas veces contempla á familia nuclear como unha estrutura. Bittman pregúntase por que os sociólogos promoven a idea de familia nuclear cando "moi poucas sociedades mostran un apego a ese tipo de familia".

O descenso da familia nuclear é orixinado, segundo a hipótese do mesmo Bittman, por:[4]

  • O relativo aumento da idade media ao momento de casar nas sociedades industrializadas.
  • A caída na taxa de fertilidade e o retardo dos primeiros nacementos nas novas parellas.
  • O patrón histórico da fertilidade inestable: vai dun boom a unha depresión, dependendo doutros factores socio-económicos e culturais.
  • O envellecemento da poboación e a tendencia ao incremento da esperanza de vida.
  • O aumento da taxa de divorcios e de persoas que non desexan contraer matrimonio.

A pesar diso, en países como Estados Unidos, a familia nuclear aparece como a estrutura máis estendida con respecto a outras alternativas. Nese país, as familias nucleares representan o 73% dos fogares con nenos, de acordo co censo do ano 2000.[5]

Divorcio temporal editar

O aumento no número de familias monoparentais nas sociedades occidentais representa un desafío para os defensores da familia nuclear. O divorcio deu lugar a novas formas de estabelecer relacións parentais entre cónxuxes, así como entre estes e os seus fillos. Whitehead (1996) describe estas familias pos nucleares como estruturas "rotas na medida en que o lazo marital foi roto."[6]

As rupturas de parella, así como as familias monoparentais, aumentan o risco de pobreza. O aumento da ocupación feminina e a maior inmigración tamén inciden no risco de exclusión social, segundo a comparecencia da conselleira de Benestar Social i Familia da Xeneralidade de Cataluña no Parlamento de Cataluña.[7]

Notas editar

  1. INE-España (2000). "Definicións censais básicas" (PDF). Censo de poboación 2001. Consultado o 18 de xuño de 2013. 
  2. Greif, Avner (2005). "Family Structure, Institutions, and Growth: The Origin and Implications of Western Corporatism" Arquivado 29 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
  3. Ontario Consultants on Religious Tolerance (2006). "Types of marriages in the Bible, and today" Arquivado 12 de xullo de 2017 en Wayback Machine.
  4. Ibid., Bittman (1997)
  5. Blankenhorn, David (2002). "The Reappearing Nuclear Family".
  6. Whitehead (1996).
  7. "Les ruptures de parella disparen el risc de pobresa a Catalunya". Qué! Barcelona, 9 de novembro de 2005, p. 6

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar