FC Torpedo Moscova

club de fútbol de Rusia
(Redirección desde «FC Torpedo de Moscova»)

O Fútbol Club Torpedo Moscova (en ruso: Футбо́льный клуб "Торпедо" Москва), é un club de fútbol ruso con sede en Moscova, que milita na Liga Premier de Rusia. Fundado en 1924, é historicamente un dos grandes clubs de Moscova e tivo o seu período de maior éxito durante a época soviética, coroándose campión de tres ligas soviéticas e de seis Copas da URSS. O seu último grande éxito foi o triunfo na primeira edición da Copa de Rusia, que conquistou en 1993. Mantívose durante case sete décadas na máxima categoría do fútbol do país (primeiro da URSS e logo de Rusia), ata que sufriu o primeiro descenso da súa historia en 2006. Dende entón militou maioritariamente na segunda e terceira divisións de Rusia.

Torpedo Moscova
NomeФутбо́льный клуб "Торпедо" Москва
Fundación17 de agosto de 1924 (99 anos)
EstadioLuzhniki,
Moscova, Rusia
Inauguración31 de xullo de 1956
Capacidade81.000
Propietario OOO «Kontsern Rossium» (75,51%)
AO «Elgera» (24,49 %)
Presidente Ilia Gerkus
Adestrador Nikolai Cavitsev
LigaLiga Premier
2021/22
Na rede
http://www.fc-tm.ru
Facebook: FC-Torpedo-Moscow Instagram: torpedolife Telegram: torpedomoscow_fc VK: club64198898 Youtube: UCFxv6t60VC-9i8e-6ynCPZQ Editar o valor em Wikidata
Titular
Alternativo

As súas cores son o branco e o negro, aínda que o club tamén se asocia habitualmente co verde.

Historia editar

O Torpedo Moscova foi fundado en 1924 en Moscova, no seo da fábrica de automóbiles AMO, tomando como base o xa existente Proletarskaya Kuznitsa.[1] Militou na Liga de Moscova ata 1936 cando se converteu nun dos membros fundadores da Liga 'B' soviética e cambiou o seu nome a Torpedo Moscova. En 1938 ascendeu á Liga 'A', a máxima categoría do fútbol soviético. 

En 1945 rematou a liga en terceiro lugar, por detrás doutros dous clubs moscovitas, o Dinamo e o CSKA, e ao ano seguinte o seu dianteiro Oleksandr Ponomarev coroouse como máximo goleador do campionato, no que o Torpedo acabou cuarto. Continuou ocupando as posicións altas da táboa nos seguintes anos, no que pasaron polo equipo xogadores como Iurii Chaiko, Antonin Sochnev, Anatolii Akimov ou o vasco Agustín Gómez. En 1947 o Torpedo, adestrado por Viktor Maslov, técnico que dirixiu o club durante varias etapas en catro décadas diferentes, acadou por primeira vez na súa historia a final da Copa da Unión Soviética, onde caeu derrotado ante o Spartak Moscova. Dous anos despois chegou de novo á final, desta vez ante o Dinamo de Moscova, e venceu por 2-1, con goles de Nechaev e Ponomarev. Este último levantou como capitán o primeiro trofeo oficial da historia do club.

Agustín Gómez foi o capitán do equipo na segunda final de Copa conquistada polo Torpedo, en 1952, na que derrotou ao Spartak por 1-0. Durante os seguintes anos chegaron ao equipo destacados futbolistas como Valentin Ivanov, Eduard Streltsov, Leonid Ostrovskii, Slava Metreveli ou Gennadii Gusarov, todos eles internacionais antes ou despois coa selección soviética. O Torpedo proclamouse entón subcampión da liga soviética en 1957, por detrás do Dinamo Moscova e ao ano seguinte chegou a unha nova final da Copa da URSS, caendo ante o Spartak de Moscova.

En 1960 o equipo de Maslov conquistou unha nova Copa e tamén o seu primeiro título de liga, por diante do Dynamo de Kíiv, segundo. As posicións invertéronse na seguinte campaña de liga, co equipo ucraíno primeiro e o ruso segundo, e con Gusarov como máximo goleador do torneo. En 1964 o Torpedo e o Dinamo Tbilisi empataron a 46 puntos na primeira posición da liga, sendo necesario un partido de desempate para decidir o campión. Disputado nun campo neutral en Tashkent, adiantouse o Torpedo cun gol de Vladimir Shcherbakov, pero a vitoria acabou sendo para o club xeorxiano despois de que este empatase e forzase unha prórroga, na que o resultado final foi de 4-1. Voronin foi elixido mellor xogador do campionato.

En 1965 o Torpedo, liderado polos goles de Streltsov, gañou o seu segundo título de liga e na seguinte tempada converteuse no primeiro club soviético en disputar a Copa de Europa, caendo en primeira rolda contra o Inter de Milán de Helenio Herrera.

En 1968 conquistou unha nova Copa soviética ante o Pakhtakor Tashkent e gañou a quinta en 1972, ano no que colgou as botas o histórico Viktor Shustikov, o futbolista con máis partidos na historia do club. En 1976, con Ivanov no banco, o Torpedo fíxose co seu terceiro e último campionato de liga, cunha destacada defensa formada por Krulog, Zhupikov, Buturlakin e Prigoda. Ivanov armou un potente equipo na década de 1980 e comezos da de 1990, conseguindo dous terceiros postos na liga soviética e disputando cinco finais da Copa da URSS, das cales gañou a de 1986. En 1991 o Torpedo acadou os cuartos de final da Copa da UEFA, sendo eliminado na quenda de penaltis polo Brøndby dinamarqués.

Trala disolución da Unión Soviética, o equipo proclamouse en 1993 campión da primeira edición da Copa de Rusia, vencendo na quenda de penaltis da final ao CSKA. Foi o seu derradeiro título oficial.

En 1996, o propietario do club, a fábrica de automóbiles ZiL, vendeu a entidade, que se trasladou do antigo estadio Torpedo ao Luzhniki. Entre 1999 e 2002, con Vitalii Shevchenko no banco, o equipo volveu aos postos altos da clasificación, rematando a liga rusa entre os catro primeiros clasificados durante catro anos seguidos.

Con todo, o club pasou nos seguintes anos por problemas económicos e no 2006 descendeu por primeira vez na súa historia. Dúas tempadas despois caeu unha nova división. A principios de 2009 especulouse cunha fusión co Torpedo-RG, pero esta frustrouse e por un problema de inscrición acabou sendo descendido ao fútbol afeccionado.[2][3] Posteriormente conseguiu dous ascensos consecutivos ata acadar en 2011 a Primeira División, segunda categoría do fútbol ruso.

En 2014 o Torpedo rematou terceiro, clasificándose así para a promoción de ascenso, onde conseguiu regresar á máxima categoría despois de derrotar ao Krylia Sovetov de Samara.[4] Con todo, acabou descendendo de novo ao remate da tempada seguinte e caendo un total de dúas categorías por problemas económicos.[5]

En 2017, o club foi adquirido polo multimillonario Roman Avdeev e cinco anos despois conseguiu regresar á Liga Premier.[6][7]

Denominacións editar

  • AMO (1930–1932) - propiedade da fábrica automobilística Avtomobilnoe Moskovskoe Obshchestvo (AMO).
  • ZIS (1933–1936) - despois de que a fábrica cambiase o seu nome por Zavod Imeni Stalina (ZIS).
  • Torpedo Moscova (1936-xullo de 1996).
  • Torpedo-Luzhniki (agosto de 1996 - 1998) - cando pasou a ser propiedade da corporación Luzhniki.
  • Torpedo Moscova (1998-presente).

Palmarés editar

Xogadores editar

Máis partidos editar

# Nome Período Partidos
1   Viktor Shustikov 1958–72 427
2   Sergei Prigoda 1976–88 325
3   Aleksandr Polukarov 1980–91 319
4   Vladimir Yurin 1970–80 304
5   Valentín Ivanov 1953–66 286
6   Sergei Petrenko 1974–85 276
7   Leonid Pakhomov 1967–76 261
8   Vasili Zhupikov 1977–85 255
9   Viktor Kruglov 1975–81, 1984–86 231
10   Vladimir Buturlakin 1970, 1972–80 226

Máximos goleadores editar

# Nome Período Goles
1   Valentín Ivanov 1953–66 124
2   Eduard Streltsov 1954–58, 1965–70 100
3   Oleksandr Ponomarov 1945–50 83
4   Gennadi Gusarov 1957–62 67
5   Georgiy Zharkov 1939–40, 1945–51 63
6   Piotr Petrov 1938–40, 1945–49 54
7   Igor Semshov 1998–2005 54
8   Yuri Savichev 1985–90 47
9   Nikolai Vasilyev 1976–85 45
10   Oleg Sergeev 1958–66 43

Notas editar

  1. "НАМ 90 ЛЕТ!!! (ВИДЕО)" (en ruso). 17 de agosto de 2014. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2014. Consultado o 30 de agosto de 2022. 
  2. "Соглашение по "Торпедо" достигнуто. Осталось его оформить и подписать" (en ruso). 18 de marzo de 2009. Consultado o 30 de agosto de 2022. 
  3. "ПФЛ подтвердила объединение "Торпедо"" (en ruso). 19 de marzo de 2009. Consultado o 30 de agosto de 2022. 
  4. "«Торпедо» вернулось в премьер-лигу спустя 8 лет" (en ruso). 22 de maio de 2014. Consultado o 30 de agosto de 2022. 
  5. "«Торпедо» не выступит в следующем сезоне ФНЛ" (en ruso). 23 de xuño de 2015. Arquivado dende o orixinal o 4 de xullo de 2015. Consultado o 30 de agosto de 2022. 
  6. "«Торпедо» меняет владельца и президента" (en ruso). 6 de outubro de 2017. Consultado o 30 de agosto de 2022. 
  7. Telingater, Grigorii (21 de maio de 2022). "Вы могли забыть, но вообще-то «Торпедо» — легендарный клуб. Что с ним было последние годы" (en ruso). Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2022. Consultado o 30 de agosto de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar