Euxipio

historiador cristián e santo

Euxipio de África ou o Africano, en latín orixinal Eugyppius Africanus, nado ao redor de 465 e finado en Nápoles despois do 533, foi un historiador cristián e santo da Igrexa Católica cuxa festividade se ceeébra o 15 de xaneiro.

Euxipio
Nacemento460
Falecemento533
Lugar de falecementoNápoles
Ocupaciónhagiographer e escritor
Coñecido porLife of St. Severinus
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Probabelmente non naceu en Nápoles, senón que proviña dunha familia da Nórica superior ou da Retia ulterior. Foi algúns anos discípulo de Severino de Nórico (ca. 410 - 482), de quen escribiu unha biografía que é considerada polos expertos modelo de escritura haxiográfica. Trala morte deste, adoitouse soster que trasladou as súas reliquias a Nápoles (488), pero o certo é que fundou primeiro un mausoleo á súa memoria e logo un mosteiro no lugar que ocupaba unha antiga vila do século I en Lucullanum Castellum, a actual Pizzofalcone, preto de Nápoles, sendo nomeado abade da devandita comunidade. Durante a súa estancia en Nápoles compilou para unha matrona romana, unha tal Proba, se cadra a filla de Símaco, unha antoloxía de obras de Agostiño de Hipona moi extensa (máis de mil folios): Excerpta ex operibus Sancti Augustini, e escribiu outras dúas obras moi estimadas, a devandita Vita Sancti Severini ou "Vida de San Severino", composta ao redor do ano 511 e que pode consultarse actualmente no volume LXII da Patrologia Latina de Jacques Paul Migne, e unha regra monástica, a regra dita de Euxipio. Estas tres obras, máis unha serie de cartas dirixidas a eminentes contemporáneos seus (Casiodoro, Dionisio o Exiguo, Fulxencio de Ruspe) fan del un autor fundamental na literatura cristiá do século VI. Especialmente importante é a Vita non só polos datos que ofrece sobre a evanxelización, senón sobre a xeografía e as etnias do confín oriental do Imperio Romano de Occidente no período inmediatamente precedente ao seu fin.

Obras editar

  • Eugippii Vita Sancti Severini.
  • Eugippii Excerpta ex operibus Sancti Augustini.
  • Eugippii regula.