O Euita Rugby Club foi un club de rugby galego da cidade de Lugo que estivo activo entre o ano 1986 e 2003. Dende o ano 2003 o club pasou a denominarse Muralla Rugby Club.

EUITA R.C.
NomeEuita Rugby Club
Fundación1986 (Muralla RC dende 2003)
SedeLugo, Galiza Galicia
Estadio(s)Gregorio Pérez Rivera, Lugo Galicia
Casa
Fóra
Na rede
http://www.angelfire.com/super2/euita/historia.html

Historia

editar

En 1986 un grupo de estudantes do Campus de Lugo formou o equipo. Entre eles estaban os irmáns Antonio e Pablo Pedregal, coñecidos como Os Irmáns Moriarty, os cales foran estudar á por aquel entón Escuela Universitaria de Ingenieros Técnicos Agrícolas (EUITA). Antonio Pedregal e Pablo Pedregal foron respectivamente presidente e tesoureiro do Euita R.C. dende a súa fundación ata o ano 1994, ano no que finalizaron os seus estudos en Lugo.

Os comezos non foron doados, xa que se precisaban instalacións, material e sobre todo xogadores, mais o proxecto foise afianzando, e no ano 1988 o Euita Rugby Club afiliouse á Federación Galega de Rugby e comezou a súa participación nas competicións organizadas por dita federación.

Nestes comezos, o Euita incluso chegou disputar os seus partidos como local na vila das Pontes de García Rodríguez ante a falta dun campo axeitado. Logo foron varios os campos polos que pasou o Euita R.C.: Lombao (Estrada de Oviedo), Nadela, As Gándaras e finalmente, dende o ano 1999 o Euita R.C. xoga os seus partidos no Estadio G. Pérez Rivera.

Ao longo deses 18 anos de historia, o Euita R.C. competiu baixo diferentes denominacións: Euita R.C., Campus Lugo Rugby e CDU Lugo. Na tempada 2003-04, o club inicia un novo proxecto baixo o un novo nome, mais co espírito de sempre: Muralla Rugby Club.

A andaina do Euita R.C. na Liga Galega sufriu altibaixos, mais a teima dos membros do Euita ao longo dos anos deu os seus froitos e así, na década de 1090, o Euita R.C. acadou certa estabilidade, tanto como club, como a nivel deportivo nun equipo marcado polo continuo cambio de xogadores debido á condición de estudantes da meirande parte deles, feito que por outra banda constitúe unha parte sumamente importante do espírito do club, que se honra de ter tido xogadores de tódolos recunchos do mundo nas súas filas, e de ter un dos mellores ambientes do rugby galego no seu seo.

Esta evolución supuxo que na tempada 1998-99, o Campus Lugo Euita R.C. realizou a súa máis brillante campaña, que o levou ao triunfo final na Liga Galega de Rugby baixo a dirección de Víctor Rodríguez e Trostky, disputando os play-offs de ascenso á Liga Nacional fronte ao Belenos R.C. de Avilés, e caendo derrotado tras unha igualada eliminatoria a dobre partido.

Esa tempada tamén marcou un punto de inflexión na traxectoria do club, xa que supuxo a marcha de importantes xogadores con moitos anos no Euita nas súas costas.

Tamén nesa tempada, o Euita R.C. creou o Torneo do San Cidre, un torneo que ten como obxectivo iniciar á comunidade universitaria no rugby e así poder achegar novos xogadores ó equipo. O torneo, xa case unha tradición, celébrase cada ano durante as festas do San Cidre da Escola Politécnica Superior. Así pois, na tempada seguinte iniciouse unha nova etapa cun cadro de xogadores moi renovado e coa contribución de novos membros acadados co Torneo do San Cidre. Dende esa tempada ata a 2001-02, o equipo estivo adestrado por José M. González Chis, que logrou manter o equipo entre os primeiros postos da Primeira División da Liga Galega de Rugby.

Coa chegada da tempada 2002-03 chegaron moitos trocos ao Euita R.C., o máis importante deles o acordo coa USC para pasar a ser a sección de rugby do Club Deportivo da Universidade de Santiago de Compostela.

Nesta nova etapa tamén chegou ao club Antonio Vázquez, novo adestrador do equipo sénior masculino con experiencia como xogador na División de Honra con Oviedo R.C. e formado no Xabarín R.C..

A tempada 2002-03 supuxo unha crise no Euita R.C. co descenso por primeira vez na súa historia á Segunda División galega e a retirada das axudas da USC ao club.

Sen o apoio económico da USC a tempada 2003-04 supuxo un novo reto para o Euita, que con vistas a acadar un maior apoio institucional e calado na sociedade lucense, e tamén movido pola necesidade de atopar un patrocinador para afrontar os numerosos gastos que supón o funcionamento dun club de rugby, decidiuse que os equipos do Euita pasen a competir baixo a denominación de Muralla RC.

Ex xogadores do Euita R.C. en activo

editar
  •   Antonio González (Ourense Rugby)
  •   Toni Landeira (Muralla RC)
  •   Juan López (C.R.A.T. Coruña)
  •   Javier A. Parga (Vigo RC)
  •   Mariano Pereira (CR Tres Cantos)
  •   Luis García (CR Fendetestas)
  •   Javier Seijas (CR Fendetestas)
  •   Javier Díaz (CR Fendetestas)
  •   Tito Díaz (CR Fendetestas)
  •   Xosé Cendán (CR Fendetestas)
  •   Kiko López (CR Fendetestas)
  •   Paco Areán (CR Fendetestas)
  •   Toño Ferreiro (CR Fendetestas)
  •   Vili Roca (Muralla R.C.)
  •   David Pérez (Muralla R.C.)
  •   Dani Pereira (Muralla R.C.)
  •   Alfredo Pintor (Muralla R.C.)
  •   David Sobrino (Muralla R.C.)
  •   Rubén López (Muralla R.C.)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar