Estanque da Gruta

extensión de auga no Parque do Pasatempo, Betanzos

Coordenadas: 43°16′40″N 8°13′10″O / 43.277738532748, -8.219504853283

O Estanque da Gruta é unha extensión de auga de orixe artificial situada no Parque do Pasatempo, na vila de Betanzos, que forma parte do conxunto da Gruta da Recoleta.

O Estanque da Gruta no ano 2015.
Relevo dun hipopótamo no Estanque da Gruta.

Características

editar

O estanque, situado baixo a Gruta da Recoleta, conta con dúas zonas diferenciadas por unha pequena ponte. Por un lado a do relevo da suposta Boca de Hades, que permite entrever o interior das covas deste primeiro nivel; e un segundo conformado con relevos de animais (oso polar, rinoceronte, hipopótamo, dromedario...). Nesta segunda parte, pegado ás escaleiras que permiten descender ata el, atopamos un par de zocas e o relevo do nome do lugar "Estanque de la Gruta".

O propio estanque contaba con saltos de auga similares aos do Estanque do Retiro, para facilitar o acceso pola boca do animal mariño -ou Boca de Hades ou do Inferno- que permitiría o acceso ás grotas desta terraza.

Nos bordes do Estanque da Gruta tamén atopamos a palabra PASATIEMPO creada con cantos rodados e o número 1893, en referencia ao suposto inicio das obras do parque, creado con pletinas metálicas.

Simboloxía

editar

Nesta parte do Pasatempo podemos apreciar dúas das características principais do xardín: a mestura da visión pedagóxica e enciclopédica do parque, cos relevos dos animais, e a visión iniciática do Pasatempo, pois a propia Boca do Inferno funcionaría como inicio desa viaxe transfomadora que comeza ao entrar pola boca do animal mariño, á semellanza do que acontece na Biblia con Jonás, para sair posteriormente na seguinte terraza do Pasatempo.

Derrubamento

editar

En febreiro de 2017 desprendéronse uns seis metros do mural do estanque na parte que dá ao exterior do recinto, o que obrigou a curtar o paso polo lugar, xa que o derrubo afectou ás lousas do paso peonil. A causa do desprendemento serían as filtracións de auga ao muro de cachotaría, aínda que se sinalou que o derrubo non supuña un dano irreparable grazas á catalogación realizada por arquitectos e especialistas en restauración como Xan Casabella, Xosé Díaz Vieites, Mari Carmen Pérez, Marcelo Aguirre e José Crespí, o que faría posible a reprodución detallada do muro. O daquela concelleiro de obras de Betanzos, Antonio Vázquez, deu prioridade á recuperación e saneamento do estanque, así como da consolidación do terreo, deixando a parte estética pendente.[1]

  1. Vázquez, Dolores; Silva, Toni (16 de febreiro de 2017). "El Pasatiempo pierde seis metros del mural del estanque". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de xullo de 2024. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Cabaano Vázquez, Ignacio; Pato Iglesias, Mª Luz; Soussa Jiménez, Xosé (1992). «El Pasatiempo». O capricho dun indiano (2ª ed.). O Castro, Sada: Edicións do Castro. ISBN 84-7492-509-6. 
  • Arcay Barral, Ángel; DUO SUÁREZ, Yosune; SOUTO SANTÉ, José (2020). El Parque del Pasatiempo de Betanzos. Betanzos. ISBN 9788409260812. 
  • Arcay Barral, Ángel (2019). "Que é o Parque do Pasatempo? Arte, capricho e iniciación". Anuario Brigantino (42): 319–368. ISSN 1130-7625.