O río Xordán (en hebreo: נְהַר הַיַּרְדֵּן nehar hayarden; en árabe: نَهْر الْأُرْدُنّ nahr al-urdun) é unha corrente de auga que corre polo Oriente Próximo, na maior parte do seu curso entre terras dos estados de Israel e Xordania. É un río sen desembocadura en mar aberto, pois faino nun lago, o denominado mar Morto. A súa lonxitude é duns 360 km.

Xordán
Unha vista do Xordán
PaísIsrael, Siria, Xordania, Cisxordania
NacementoAltos do Golán
Lonxitude360 km
Conca17.300 km2
Caudal medio30 m3
DesembocaduraMar Morto

Nome editar

 
Mapa coa conca do Xordán

En hebreo denomínase: נהר הירדן nehar hayarden; en árabe: نهر الأردن nahr al-urdun. O nome hebreo parece significar "baixar; descender", o que concorda co seu traxecto, iniciado sobre arredor de 500 m o nivel do mar até case 400 m por baixo, un desnivel de arredor de 900 m.

A denominación árabe é o correlato da hebrea, porén popularmente é coñecido como Ax-Xariat Al-Kabir 'lugar para beber grande'.

Do río toman o seu nome Xordania e Cisxordania.

Curso editar

O Xordán fórmase da confluencia doutros tres ríos, na rexión do monte Hermón, na cara norte dos Altos do Golán: o Banyas, que ven de Occidente; o Dan, confluente central e o Hasbani, que é o ramal oriental. A dirección do río logo desa unión é decididamente norte-sur. A uns 70 km de percorrido, o Xordán atravesa o pequeno lago Hula (en árabe Bahr al-Hulah), lixeiramente por encima do nivel do mar, e desde aí, continua durante uns poucos quilómetros, até o mar de Tiberíades ou Xenezaret, do cal rexorde para seguir a depresión de Ghor, que é a continuación asiática do Gran Val do Rift africano, sempre en dirección norte-sur até desembocar na parte setentrional do mar Morto, despois de 360 km de curso[1], do cal é practicamente a súa maior fonte de alimentación hídrica. En case a maior parte do curso, a pouco de deixar atrás o lago Hula, o leito está por debaixo do nivel do mar, alcanzando a máxima profundidade no mar Morto, cuxo nivel, por mor do desecamento sufrido nos últimos anos, está nuns -400 m., que constitúe a maior depresión terrestre.

Afluentes editar

Á parte dos tres ríos que o orixinan, os tributarios principais do Xordán son:

  • Pola esquerda:
    • O Yarmuk, que é o máis importante dos seus afluentes,
    • O Jabbok, o segundo en importancia,
  • Pola dereita:
    • O Arnon (en árabe Wadi Mujib).

Problemas ambientais editar

En 1964, Israel puxo en servizo un encoro para extraer auga do Lago Tiberíades. No mesmo ano Xordania construíu unha canle para coller auga do río Yarmuk, o principal tributario do Xordán, e tamén Siria levantou presas neste mesmo río. En ambos dous casos para regadíos.

Na época contemporánea as augas da conca do Xordán, nunha proporción calculada en arredor do 70% ao 90%, son usadas para consumo humano, o que ten reducido o leito do río. Isto xunto coa elevada evaporación que sofre o mar Morto ten reducido o volume deste. As augas menos profundas deste lago desapareceron e no seu canto obsérvanse agora extensas placas de sal.

En setembro de 2006, o problema aumentou co aumento da contaminación. Tramos do Xordán foron acoutados só para usos bautismais. A maior contaminación obsérvase nos 105 km do tramo no val de Ghohr, o que media entre o mar de Tiberíades e o mar Morto. Os ecoloxistas afirman que a polución practicamente destruíu o ecosistema do río e reconstruílo pode levar décadas.[2] En 2007, a sección de Amigos da Terra en Oriente Próximo declarou o río Xordán como un dos 100 lugares máis danados do mundo, en boa medido debido á falta de cooperación entre Israel e os países árabes circunveciños.[3]

Notas editar

  1. As diversas fontes consultadas danlle ao Xordán unha lonxitude distinta; así dentro da Wikipedia o artigo en ingés outórgalle 251 km; en alemán dáselle 400 (e 175 en liña recta); en francés 360 etc; a vella enciclopedia Espasa asígnalle 215, pero di que a cifra se triplica ou cuadriplica "se se contan as súas inúmeras curvas"; mais o "Diccionario Enciclopédico Espasa, edición de 1998, dalle 320; a "Enciclopedia Universal Sopena", edición de 1963, dálle 260 km; pola súa parte a Encyclopaedia Britannica, Micropaedia, t. V, s.v., Jordan River, di que ten 360 km, cifra con a que nos quedamos dado o prestixio desta fonte
  2. Ramit Plushnick-Masti. "Raw Sewage Taints Sacred Jordan River". Associated Press. Consultado o 2007-04-10. 
  3. "Endangered Jordan",Dateline World Jewry, World Jewish Congress, setembro de 2007

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar