Amaterasu (kanji: 天照, katakana: アマテラス) é a deusa Shinto do Sol, a antecesora mítica da familia real do Xapón. O seu nome completo é Amaterasu-ō-mi-kami (天照大神, en galego "deusa gloriosa que brilla no ceo").

Amaterasu por Utagawa Kunisada

Amaterasu naceu do ollo do deus Izanagi cando estaba a se purificar nun río. Ela converteuse na gobernante do Takamagahara.

Kojiki, a primeira crónica sagrada xaponesa, recolle a lenda da súa creación e da súa relación cos outros deuses. Coñécese xeralmente a Amaterasu como unha muller, a pesar que o Kojiki non distingue o seu sexo (o xaponés antigo non tiña pronomes como el ou ela). Outros libros, como o Hotsuma Tsutae, descríbena como un home.

Amaterasu está considerada como a inventora do cultivo do arroz e do trigo, o uso de vermes da seda. O máis importante templo dedicado a Amaterasu está na en Ise, na illa de Honshu. O templo bótase abaixo e reconstrúese cada vinte anos. Nese templo está representado como un espello.

A súa festa é o 17 de xullo, celébrase con procesións nas rúas en todo Xapón. O 21 de decembro, o solsticio de inverno, celébrase a súa saída da cova, na que se agachara cando o seu irmán, Susanowo, deus do mar e das tormentas, baixou a terra e destruíu todas as colleitas de arroz de Amaterasu. Ata a fin da segunda guerra mundial, a familia real xaponesa proclamábase descendente de Amaterasu, e oficialmente o emperador estaba considerado unha divindade.