Escola rural galega

centros educativos do medio rural

A escola rural galega é o conxunto de centros escolares de ensino infantil e primario situados no medio rural de Galicia. Debido ao reordenamento demográfico e á urbanización de boa parte da poboación galega, os espazos rurais víronse sometidos a considerables transformacións de natureza espacial, funcional, demográfica e socioeconómica.[1]

Descrición editar

Chamamos escolas rurais a aquelas que están situadas nun medio separado do centro dunha localidade, nun espazo xeográfico cunha reducida oferta de servizos públicos e limitados medios de acceso. Ademais, a escola rural é unha escola para a comunidade e debe ser considerada como un ben cultural comunitario, na cal a relación co alumnado e as familias resulta máis fácil (CMRP, 1998).[2]

Sendo un pouco máis precisos, podemos dicir que a definición operativa incorpora á modalidade rural as escolas situadas a máis de 1 quilómetro do bordo do mosaico principal da localidade e cuxa área de influencia de 1 000 metros estea composta de parcelas rurais, zonas naturais (montaña, bañado, leito de ríos) ou vilas illadas.

Para que poidamos clasificar as escolas rurais nesta categoría deben cumprir tamén co criterio pedagóxico de ter habilitación legal para implantar sistemas alternativos de organización institucional, co fin de asegurar a traxectoria do seu alumnado, así como con modelos de organizacións de escolas nucleadas ou agrupadas.

Organización e funcionamento editar

A Lei vixente no ensino é a Lei Orgánica de Mellora de Calidade Educativa, que modifica a Lei Orgánica de Educación de 2006.

Até hai varias décadas a escola unitaria foi o prototipo dunha escola rural galega. Esta escola, ademais de ter unha función escolar adecuada, baseada no ensino-aprendizaxe, tamén desenvolveu un gran traballo socio-comunitario e cultural. Nas décadas de 1970 e 1980 leváronse a cabo concentracións escolares que contribuíron con elementos de mellora, pero tamén privaron ao medio rural do seu foco principal de dinamización e da importancia de coñecer o contorno inmediato.

O illamento de escolas unitarias implicaba a necesidade de xerar alternativas que paliasen certas deficiencias, pero as continuas propostas de encontros e intercambios de ideas establecían unha fonte constante de motivación e relación social. Estas escolas rurais consideran o neno e o pobo como protagonistas activos do seu contorno territorial educativo e das formacións que se poden compartir.

Por outra banda, as escolas concentradas poñen fin, en Galicia e en moitas partes da península, a experiencias educativas baseadas na pedagoxía Freinet, o multiculturalismo, a educación ambiental, a relación directa e activa entre a escola e a familia e o papel relevante da cultura popular e do medio (Universidade de Vigo, 2000)[3].

As chamadas escolas unitarias imparten docencia ao alumnado de Infantil, Primaria e 1º e 2º da ESO. Ademais poden agruparse nos chamados Centro Rural Agrupado, aínda que non todas o están.

Os máis comúns son os chamados CEIP, destinados a nenos de 3 a 12 anos, onde se imparte Educación Infantil e Educación Primaria. Cabe destacar o gran número de CEIP que se atopan en Galicia. Por outra banda atopamos os IES, que van destinados a nenos de 12 a 16 anos.

No rural, ademais do papel que desenvolve calquera equipo directivo dun centro, existen esixencias propias, polo que as horas de dedicación a este labor son moitas máis.

Cabe destacar que os membros da dirección dos CRA non poden exercer de mestres, xa que precisan de tempo para estar presentes en cada unha das localidades pertencentes ao agrupamento e para establecer relacións co concello, ANPA...

Existen grandes dificultades para manter o profesorado un longo prazo de tempo, debido ás características dos centros, polo que é necesario buscar formas de incentivar o profesorado tales como melloras económicas ou de puntuación.

Nestes centros é preciso contar con equipos de apoio externo. Poden ser orientadores e psicólogos terapéuticos, para tratar os casos necesarios; médicos, para mellorar a alimentación, hixiene ou a prevención de enfermidades; ou traballadores sociais, debido ás deficiencias existentes e que deben ser tratadas en colaboración cos centros educativos.

Respecto ao tipo de xornada, a máis adecuada é a xornada continua, xa que dota de tempo para realizar actividades extraescolares, e de máis facilidades de asistencia para as zonas de difícil acceso, aínda que a xornada partida tamén ten as súas vantaxes e inconvenientes.

Na xornada continua, a conciliación coa familia é maior nos casos nos que os pais non traballen pola tarde, pero hai que ter en conta que, se os pais traballan pola tarde, sería máis adecuada a xornada partida. É un feito que en ningún caso mellorou o rendemento escolar do alumnado considerablemente atendendo a un tipo de xornada ou a outra.

En canto ao horario lectivo, no caso dos profesorado, é, ademais do período lectivo, unha hora de atención ás familias, tres para reunións, e unha hora semanal para excursións.

No caso do alumnado, a xornada debe estar comprendida entre as 9 e as 14 h, con posibilidade de pequenas modificacións (as da xornada continua).

Con relación ao presuposto, o ensino rural debería ter, ademais dos gastos ordinarios de funcionamento, os correspondentes ao número de unidades coas que conte o centro. Dado que actualmente a lexislación permite aos centros educativos obter ingresos propios, sería oportuno que os centros do medio rural se acollesen a convocatorias e subvencións[4].

Tipoloxías editar

Os modelos educativos nas escolas rurais son:

  1. Escolas completas: ofrecen polo menos unha aula para cada ano escolar. Teñen un gran grupo de profesores, recursos materiais e persoais suficientes e adoitan ser centros máis estables.
  2. Centros incompletos: non teñen unha unidade para cada ano escolar, só teñen unha parte da educación primaria e implica a agrupación de alumnos de diferentes etapas de desenvolvemento e incluso agrupacións entre distintos estadios.
  3. Escolas unitarias: teñen só un profesor que atende a unha única unidade, que acolle estudantes moi heteroxéneos, desde nenos ata estudantes de secundaria.
  4. Escolas urbanas ou suburbanas: os alumnos proceden da propia cidade.
  5. Centros comarcais: ofrecen os seus servizos a estudantes de diferentes lugares que se transportan diariamente ao centro habitualmente situado na capital da comarca.
  6. Escolas rurais: adoitan ser centros unitarios que responden ás necesidades dos nenos rurais. Podemos distinguir entre: escolas cíclicas ou graduadas, escolas unitarias e escolas agrupadas.
  7. Modalidades especiais: proxectos que respondan ás necesidades doutras etapas educativas non escolarizadas (etapa 0-3), como o proxecto galego Preescolar na casa ou as Escolas do Fogar que responden ás circunstancias específicas dos estudantes das zonas rurais con características concretas que impiden o transporte dos nenos de forma diaria.
  8. Outros servizos de apoio educativo: centros rurais de innovación educativa (CRIE), centros de recursos (CR), programa de redución do absentismo escolar temporal en Andalucía (PRAETA) e centros de profesores (CP).[5]

Con respecto á Educación infantil, a pesar da non obrigatoriedade, comprende as idades de 0-6. E no tocante á Educación primaria, de 6 a 12 anos, é unha etapa considerada imprescindible para o desenvolvemento do neno. Debido a dificultades de acceso, existen centros de Educación secundaria obrigatoria unidos a centros de Primaria ou ben independentes.

As administracións educativas, cumprindo coa obrigación de garantir unha educación, programan unha oferta educativa das ensinanzas gratuítas así como unha garantía da calidade de ensinanza pública e unha adecuada escolarización do alumnado.

A Lei Orgánica da Participación, Avaliación e Goberno dos Centros docentes (1995) trata a constitución dos colexios rurais agrupados en canto á autorización das unidades de Educación Infantil ou de Educación Primaria, de forma que entre elas constitúan un Colexio Rural Agrupado cuxo ámbito de actuación se estendería a varias localidades.

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bustos, A. (2009): "A escola rural española nun contexto de transformación". Revista de Educación, nº 350, páx. 449-461. Recuperado de: http://www.revistaeducacion.educacion.es/re350/re350_19.pdf Arquivado 22 de xaneiro de 2022 en Wayback Machine.
  • Dapía, M. e Cid, X. (2000): Da escola rural á educación social. Vigo: Universidade de Vigo.
  • Mesa Rural de Educación no Rural (2006): A Educación no Rural en Galiza. A Coruña: Edicios do Castro.
  • MGER (2006). A Educación no Rural en Galicia MGER. Sada: Do Castro.
  • Pérez, M. (2001): Organización e funcionamento dos centros educativos rurais. Recuperado de: http://enxarxats.intersindical.org/escolarural/ORG_FUNCI_ER.pdf
  • Segovia, Ángel (2011): "Os colexios rurais agrupados, outro modelo de educación rural en Galicia". Revista Galega do Ensino, 62.
  • Universidade de Vigo. (2000). 25 anos de pedagoxía Freinet en Galicia. Da escola rural á educación social. Ourense: Gutenberg.