Eritroblasto

Os eritroblastos son células eritropoéticas que constitúen estados intermedios durante a maduración dos eritrocitos humanos na medula ósea, e que aínda conservan o núcleo. Moitas veces utilízase como sinónimo de eritroblasto o termo normoblasto, e outras veces resérvase normoblasto para designar unha das etapas de maduración (ortocromatófila). Cando o eritroblasto se desenvolve anormalmente adquire gran tamaño e denomínase megaloblasto, como pode ocorrer en casos de deficiencia de vitamina B12 (como na anemia perniciosa) ou de deficiencia de ácido fólico (nas anemias megaloblásticas).

Eritroblasto basófilo.
Eritroblasto policromatófilo.
Eritroblasto ortocromatófilo.

Durante a eritropoese, o primeiro eritroblasto presente en humanos (que provén do proeritroblasto) denomínase eritroblasto basófilo. Este eritroblasto é pequeno, duns 12 microns, e posúe un citoplasma basófilo debido á presenza de abundantes ribosomas encargados de sintetizar a hemoglobina (a proteína que transporta o oxíxeno). O eritroblasto basófilo capta ferritina do sangue por pinocitose para aumentar o seu contido en ferro.

Os eritroblasto basófilos dan lugar aos eritroblastos policromatófilos cando o seu contido de hemoglobina pasa a ser moi alto. Presentan variacións tintoriais. Isto ocorre porque esta proteína se sintetiza en cantidades crecentes e é ácidófila e enmascara a afinidade por tinguiduras básicas dos ribosomas. A súa cromatina está más condensada que en estados anteriores.

O seguinte estado eritroblástico é o eritroblasto ortocromático, eritroblasto ortocromatófilo ou normoblasto. Son de citoplasma acidófilo (eosinófilo) e teñen unha menor presenza de ribosomas, porque xa non se require unha síntese de hemoglobina activa.[1]

Posteriormente, continúa a eritropoese coa transformación do normoblasto en reticulocito (ao perder o núcleo), que madura a eritrocito e sae da medula ósea á circulación sanguínea. En vertebrados non mamíferos o eritrocito normalmente conserva o núcleo.

NotasEditar

  1. D. W. Fawcett. Bloom-Fawcett. Tratado de Histología. 11ª edición (1987). Interamericana-McGraw Hill. Páxina 276. ISBN 84-7605-361-4.
  • Paniagua, R.; Nistal, M.; Sesma, P.; Álvarez-Uría, M.; Fraile, B.; Anadón, R. y José Sáez, F. (2002). Citología e histología vegetal y animal. McGraw-Hill Interamericana de España, S.A.U. ISBN 84-486-0436-9. 
  • Randall, D.; Burggren, W. et French, K. (1998). Eckert Fisiología animal (4ª ed.). ISBN 84-486-0200-5. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar