Epinicio
Na Grecia Clásica, o epinicio (ἐπίνικοι / epinikoi, "sobre a vitoria") era un canto coral destinado á celebración dos vencedores en xogos deportivos. Era acompañado en xeral pola cítara e/ou polo aulos e era de extensión maior que as composicións de lírica monódica. Existían dous tipos:
- de ofrecemento
- compúñao o poeta no lugar da vitoria, glorificaba ao vencedor e era curto;
- formal
- Solicitáballo o vencedor ao poeta e cantábase certo tempo despois de rematada a competición. Era extenso e louvaba ao aristócrata ou tirano da cidade da que era orixinario o vencedor. Cantábase entre os seus concidadáns e tentaba reflectir a excelencia da súa estirpe.
A estrutura básica consistía en grupos de tres estrofas e as partes eran máis ou menos as seguintes:
- invocación dirixida a unha divindade ou á cidade do vencedor;
- eloxio do vencedor;
- relato mítico relacionado coa festa, coa familia ou coa cidade do vencedor, no que se proclama a raigame da súa liñaxe;
- "gnómica", comentarios e consellos morais de carácter xeral, frecuentemente inspirados polo mito e que reiteran a doutriña tradicional.
Segundo a tradición, o epinicio foi "inventado" por Simónides de Ceos. Os compositores máis célebres foron Píndaro e Baquílides. Eurípides compuxo un para Alcibiades.