Tomás (peixe)

(Redirección desde «Epigonus telescopus»)

O Tomás ou boca negra (Epigonus telescopus, Risso 1810) é un peixe mariño da familia dos epigónidos (Epigonidae), da orde dos Perciformes.

Epigonus telescopus, antes Pomatomus telescopus (The naturalist's library. Ichthyology, vol. I, 1835)

Morfoloxía editar

Ten un corpo alongado e cilíndrico (sen a compresión lateral habitual na maioría dos peixes), cuberto de escamas grandes. Pode medir ata 75 cm, pero o habitual é que teña uns 50-55 cm de lonxitude. Os ollos son grandes, ó que lle debe o nome popular de bulls-eye ou big-eye, en Inglaterra.

A cor é marrón escuro ou negro violáceo, iridescente en vida. Tamén é negro o interior da boca (e de aí o nome galego de boca negra)

Dúas aletas dorsais separadas, con 7-8 radios espiñosos e 9-11 brandos. Na anal, 2 espiñas e 9 radios brandos.

Hábitat e bioloxía editar

Habita nos océanos temperados do Atlántico (Europa, África, América) e mais Australia, a profundidades de entre 75 e 1.200 metros (usualmente entre 300 e 800 m).

Interese pesqueiro e comercial editar

Péscase con artes de palangre a gran profundidade, na costa norte galega.

A carne é branca, compacta e saborosa e pode cociñarse ó forno, cocido, en salpicón etc.

Nota editar

Os nomes de Tomás e boca negra proceden da DX de Formación Pesqueira (1999). Ríos Panisse non recolleu esta especie na costa galega, e só constatou o nome de Tomás para outro peixe diferente: a piarda ou pión (Argentina sphyraena), en Miño, A Coruña, Corme e Laxe.

Outra fonte que recolle o nome de Tomás para un peixe foi Aníbal Otero, e localízao en Marín. A descrición que dá: "de color negruzco y de ojos grandes, que relumbra por la noche" fainos pensar que se trate do Epigonus, pola cor negra e a iridescencia da pel, aínda que o tamaño dos ollos é grande tanto nesta especie como na Argentina.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.

Ligazóns externas editar