Un epítopo linear ou epítopo secuencial é un epítopo que é recoñecido por anticorpos pola súa secuencia linear de aminoácidos ou estrutura primaria. En contraste, a maioría dos anticorpos recoñecen un epítopo conformacional que ten unha forma tridimensional específica na súa estrutura proteica.

Recoñecemento de epítopos de modo linear. Nota: o mesmo segmento (coloreado) de proteína pode ser parte de máis dun epítopo.

Un antíxeno é calquera substancia que o sistema inmunitario pode recoñecer como alleo e que provoca unha resposta inmunitaria. Como os antíxenos son xeralmente proteínas que son demasiado grandes para unirse en conxunto a calquera receptor, só uns segmentos específicos que forman o antíxeno se unen a un anticorpo específico. Ditos segmentos denomínanse epítopos. Igualmente, só o parátopo do anticorpo toma contacto co epítopo.

As proteínas están formadas por aminoácidos. A secuencia linear de aminoácidos que compón unha proteína é a súa estrutura primaria. As proteinas non son normalmente de forma linear, senón que teñen unha estrutura tridimensional. Pero, cando un antíxeno é degradado nun lisosoma, orixina pequenos péptidos de forma linear, que son presentados na superficie da célula e que poden ser recoñecidos pola súa secuencia de aminoácidos, polo que se chaman epítopos lineares.[1]

Importancia

editar

Cando se realizan probas moleculares nas que se utilizan anticorpos, como o western blot ou de inmunohistoquímica e o ELISA, deben escollerse coidadosamente os anticorpos que recoñecen epítopos lineares e conformacionais.[2]

Por exemplo, se fervemos unha mostra de proteínas, tratámola con beta-mercaptoetanol e facemos unha SDS-PAGE para western blot, as proteínas quedan esencialmente desnaturalizadas e, por tanto, non poden adoptar as súas conformacións tridimensionais naturais. Por tanto, para inmunodetección elíxensde anticorpos que recoñecen epítopos lineares en vez de epítopos conformacionais. En contraste, en inmunohistoquímica, na que se conserva a estrutura da proteína, prefírese que os anticorpos recoñezan epítopos conformacionais.

  1. Goldsby, Richard; Kindt, TJ; Osborne, BA; Janis Kuby (2003). "Antigens (Chapter 3)". Immunology (Fifth ed.). New York: W. H. Freeman and Company. pp. 57–75. ISBN 0716749475. 
  2. "EMD - Calbiochem: Technical Tips/Immunochemical Applications". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2008. Consultado o 18 de xaneiro de 2019. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar