Epéndima

(Redirección desde «Epéndimo»)

O canal ependimario é o canal central que se encontra no interior da medula espiñal, revestido de epitelio ependimario e cheo de líquido cefalorraquídeo, que conecta cos ventrículos cerebrais.

Sección do canal central da medula espiñal no que se mostran células ependimais e neurogliais.
Fotomicrografía dunha sección de células ependimais con tinguidura de hematoxilina a 400 aumentos.
Sección da medula espiñal a nivel cervical.
Substancia gris da medula espiñal. O círculo da parte central é a sección do canal ependimario.

O epéndima[1] é a membrana epitelial que reviste o canal ependimario da medula espiñal e sistema ventricular do interior do encéfalo. O epéndima forma parte da neuroglía do sistema nervioso central. Está implicado na produción do líquido cefalorraquídeo.

Canal ependimario

editar

O canal ependimario é o canal central da medula espiñal cheo de líquido cefalorraquídeo que percorre toda a lonxitude da medula espiñal. Este canal comunícase co cuarto ventrículo cerebral na rexión do óbex cerebral. Este canal no adulto representa os restos da cavidade central do tubo neural embrionario.

Xeralmente o canal vaise ocluíndo coa idade.[2] Unha doenza chamada siringomielía pode tamén causar a oclusión do canal ependimario, especialmente a nivel da zona cervical ou torácica, o cal dana fibras da materia branca que cruzan na comisura branca anterior, o que produce perda de temperatura, dor, e cambios na sensación táctil nas zonas contralaterais dos niveis afectados.

Células ependimarias

editar

O epéndima está formado fundamentalmente de células ependimarias ou ependimais. Son células que forman un epitelio cuboidal simple ciliado. A súa superficie apical está cuberta por unha capa de ciios, que cos seus movementos fan circular o líquido cefalorraquídeo do sistema nervioso central. Ademais, as superficies apicais están cubertas de microvilli, o que facilita a absorción de líquido cefalorraquídeo. As células ependimarias son un tipo especializado de células de glía. No epéndima que reviste os ventrículos cerebrais existe unha poboación especializada de células ependimais, que xunto cos capilares do plexo coroide, producen o líquido cefalorraquídeo.

As células ependimais teñen moitas unións celulares do tipo unión hermética ou zonula occludens, que forman unha barreira que controla o paso do fluído a través do epitelio e os intercambios entre o líquido e o tecido nervioso.

O ependimoma é un tumor de células ependimarias.

Tanicitos

editar

Os tanicitos son un tipo especial de células ependimarias localizadas no piso do terceiro ventrículo cerebral, que forman procesos que se estenden profundamente no hipotálamo. É posible que a súa función sexa transferir sinais químicos desde o líquido cefalorraquídeo ao sistema nervioso central. O termo tanicito vén do grego tanus, que significa alongado.[3]

Células nai

editar

Jonas Frisén e os seus colegas do Instituto Karolinska de Estocolmo atoparon evidencias de que as células ependimais actúan como células reservorio no prosencéfalo, que poden ser activadas despois dun accidente cerebrovascular e funcionar tanto in vivo coma in vitro como células nai ou troncais da medula espiñal.[4][5] Nun estudo observouse que as células ependimais que revisten o ventrículo lateral poden ser unha fonte de células para transplantalas á cóclea para tratar a perda de audición.[6]

  1. "Epéndima". Real Academia Galega. Consultado o 13 de setembro de 2016. 
  2. Yasui K, Hashizume Y, Yoshida M, Kameyama T, Sobue G (1999). "Age-related morphologic changes of the central canal of the human spinal cord". Acta Neuropathol. 97 (3): 253–9. PMID 10090672. doi:10.1007/s004010050982. 
  3. Rodriguez E. M., Blázquez J. L., Pastor F. E., Peláez B., Pena P., Peruzzo B., and Amat P. (2005). Hypothalmic Tanycytes: A Key Component of Brain-Endocrine Interaction. International Review of Cytology, Vol. 247 89-164.
  4. Johansson CB, Momma S, Clarke DL, Risling M, Lendahl U, Frisen J (1999). "Identification of a neural stem cell in the adult mammalian central nervous system". Cell 96 (1): 25–34. PMID 9989494. doi:10.1016/S0092-8674(00)80956-3. 
  5. Carlén M, Meletis K, Göritz C, Darsalia V, Evergren E, Tanigaki K, Amendola M, Barnabé-Heider F, Yeung MS, Naldini L, Honjo T, Kokaia Z, Shupliakov O, Cassidy RM, Lindvall O, Frisén J. (2009). "Forebrain ependymal cells are Notch-dependent and generate neuroblasts and astrocytes after stroke.". Nature Neuroscience 12 (3): 259–267. PMID 19234458. doi:10.1038/nn.2268. 
  6. "Brain cell hope for hearing loss". BBC News. 2008-12-09. Consultado o 2008-12-09. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar