Ein Gedi
Ein Gedi (en hebreo עין גדי) é un oasis situado en Israel na ribeira oeste do mar Morto, preto de Masada e das covas de Qumrán. A aridez e a calor extremos prevalecen nesta rexión desértica durante a maior parte do ano. Os mananciais perennes de auga potable (ein significa "manancial") que flúen desde os altos riscos do deserto de Xudea fixeron posibles o asentamento e a agricultura desde tempos antigos.
Etimoloxía
editarEin Gedi menciónase en moitas fontes históricas e aparece varias veces en escrituras bíblicas, por exemplo, no Cantar dos Cantares (en hebreo שִׁיר הַשִּׁירִים, Shir Hashirim): "Ramo de flores de alheña nas viñas de En-gadi é o meu amado para min." [1]. David ocultouse de Saúl nas súas covas: "Cando Saúl volveu de perseguir aos filisteos, avisáronlle: «David está no deserto de En-gadi»." [2]
Historia
editarDescubríronse abundantes achados nas escavacións arqueolóxicas realizadas a partir de 1960, que permitiron esbozar a longa historia deste singular sitio.
Un kibutz, fundado en 1956, está situado a un quilómetro do oasis. Ofrece varias atraccións turísticas e aproveita os patróns locais do tempo e da abundancia de auga natural para cultivar produtos fóra de estación. Antes da fundación do kibutz, a área de Ein Gedi non fora habitada permanentemente desde hai 500 anos.
Parque Nacional Ein Gedi
editarO Parque Nacional de Ein Gedi foi creado en 1971[3] e é unha das reservas naturais máis importantes de Israel. O parque sitúase na fronteira este do deserto de Xudea, na costa do mar Morto, e cobre unha área de 6.250 acres (25 km²).
No Parque Nacional Ein Gedi flúen dous torrentes con auga pura ao longo de todo o ano, Nahal David (arroio de David) e Nachal Arugot (arroio de Arugot). Os torrentes de Shulamit e de Ein Gedi tamén flúen na reserva. Xuntos, os mananciais xeran aproximadamente tres millóns de metros cúbicos de auga por ano, gran parte da cal se utiliza para a agricultura ou se embotella para o consumo directo.
O parque é un santuario natural para moitos tipos de especies vexetais e animais. A vexetación inclúe plantas e árbores de rexións tropicais, desérticas, mediterráneas e de estepas, tales como acacias, azufaifos e álamos. Existen moitas especies diferentes de aves residentes, ás que se engaden máis de 200 especies durante os períodos da migración na rexión.
Notas
editar- ↑ "Cantares 1:14". Consultado o 12 de febreiro de 2107.
- ↑ "I Samuel, 24:1". Consultado o 12 de febreiro de 2017.
- ↑ "List of National Parks and Nature Reserves" (PDF) (en hebreo). Israel Nature and Parks Authority. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de outubro de 2009. Consultado o 2010-09-27.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ein Gedi |