En Psicoloxía chámaselle efecto Stroop a un tipo de interferencia que se produce cando un estímulo proporciona de maneira simultánea dúas fontes de información contraditorias e a persoa tende de maneira automática a procesar a máis habitual. O seu nome débese a John Ridley Stroop que publicou en 1935 un artigo no que se describía o mesmo[1]. O efecto orixinal descrito por Stroop ocorre entre o significado das palabras e a cor na que están impresas, mais tamén se ten atopado con números ou outros estímulos non lingüísticos.[2]

Descrición editar

O efecto Stroop acontece cando o significado lingüístico dunha palabra que se ve interfire (por entrar en contradición) co significado semiótico visual. O exemplo habitualmente empregado é un test de velocidade. Se nos pedisen dicir de que cor está escrita a seguinte verba non habería maior problema:

COMPUTADOR

Neste caso a asociación cognitiva é neutra, xa que os ordenadores poden ser de varias cores (negro, branco, vermello, azul) e non hai ruído informativo. Aínda así existe un certo grao de interferencia: cando centramos a vista nunha transcrición, o noso cerebro executa automaticamente o acto de ler, e por iso tendemos á lectura antes que a calquera outra cousa. Se probamos a enunciar a cor da letra con que está escrito outro tipo de lexemas, pode darse o caso do exemplo:

VERDE

Agora hai un reforzamento do input lingüístico: o semema lingüístico asociado á escrita (lembremos que a escrita é un sistema de comunicación substitutorio, case sempre depende da lingua falada) é unha cor que coincide coa da letra. A velocidade de reacción do individuo testado non tén por que variar e mesmo pode aumentar. O caso contrario é moito máis significativo:

AMARELO

A velocidade de reacción do individuo diminúe e a nosa tendencia é a dicir que a palabra AMARELO está escrita en amarelo, cando en realidade está escrita en azul. A nosa atención é selectiva e podemos controlala segundo o que nos interese prestando voluntariamente máis concentración a determinados aspectos nun momento dado. Estas asociacións poden darse no nivel puramente denotativo (se se escriben nomes de cores), connotativo (se se escriben obxectos que teñen normalmente sempre a mesma cor: herba verde, ceo azul etc.) ou asociativo concreto (se a cultura do individuo establece relacións previas á realidade: rosa vermella) ou abstracto (verde esperanza, futuro negro). Con todo, a automaticidade da lectura inflúe noutras actividades cognitivas (a interpretación e a fala): se o texto estivese escrito en alfabeto ruso ou en alfabeto árabe, non habería tal grao de interferencia.

Exemplo editar

O valor da interferencia obsérvase máis considerablemente canta maior é a batería de lexemas seguidos utilizados. Para poder autoavaliarse, preséntase unha batería de exemplos nos cales debe dicirse oralmente o máis rápido posible en que cor están escritos:

AUGAMAR
ÁRBORE
VACA
ESGOTADO
INTERESE
FERRAMENTA
INTUITIVA
FIGA

AMARELO
AZUL
GRIS
LARANXA
VERMELLO
VERDE

Unha derivación independente da lectura deste efecto é o seguinte chiste-adiviña:

- ¿De que cor son os ovos fritidos? (E o interlocutor responderá branco)

- ¿De que cor son os papeis? (E o interlocutor responderá branco)

- ¿De que cor son os dentes? (E o interlocutor responderá branco)

- ¿De que cor son as neveiras? (E o interlocutor responderá branco)

- ¿Que beben as vacas? (E o interlocutor responderá leite, cando en realidade beben auga)

Este efecto psicolingüístico podería matizarse segundo o ambiente cultural, as asociacións e os universais lingüísticos debido ás conclusións tiradas polo estudo dos universais semánticos publicado por Berlín e Kay no ano 1969. Está por ver aínda como se dá o efecto Stroop en individuos bilingües en función do seu grao de competencia. Ademais, inflúen outros factores psicolingüísticos, como a sinestesia, que non é máis ca un efecto Stroop continuado e permanente.

Notas editar

  1. Stroop, J.R.(1935). Studies of interference in serial verbal reactions. Journal of Experimental Psychology, 18, 643–662.
  2. Bush, G., Frazier, J.A., Rauch, S.L. et al. (1999). Anterior cingulate cortex dysfunction in attention-deficit/hyperactivity disorder revealed by fMRI and the Counting Stroop. Biological Psychiatry, 45, 1542-1552.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar