Ducado de Gaeta

(Redirección desde «Duque de Gaeta»)

O Ducado de Gaeta é o ducado que no Medioevo estaba á fronte da cidade tirrénica homónima.

Territorio do Ducado de Gaeta sobre o ano 1000.
O antigo campanario de Sant'Erasmo.

As orixes

editar

Nace nos primeiros anos século IX como a comunidade local; empezou a crecer como poder autónomo bizantino, en loita con longobardos e sarracenos.

As orixes do Ducado de Gaeta hai que buscalas nas da cidade mesma, nada poucos séculos antes, e na complexa situación política da área: Gaeta nace dos primeiros grupos de fuxitivos que, despois da guerra greco-gotica (535-553) e da conquista longobarda do Mezzogiorno (570), abandonaron as cidades costeiras romanas de Formia e, secundariamente, Minturno para buscar refuxio no promontorio de Gaeta, xerando o castrum Caietanum. Esta localización garantía unha maior protección, permitindo ao mesmo tempo mellores ligazóns, vía marítima, con Roma, Nápoles e Constantinopla.

No século VI o castrum foi medrando demograficamente mentres se despoboaban as cidades romanas. A orixe do Ducado tivo lugar nos primeiros decenios do século IX, cando a cidade adquiriu a autonomía de Constantinopla, á que estaba ligada despois do intento papal de a anexionar aos seus propios dominios. Realmente dependendo do poder central, a distancia coa capital de Oriente permitía unha independencia de feito. Os longobardos inicialmente non interferiron, tras dixaren libre do seu dominio parte da costa comprendida entre os montes Auruncos, o río Garigliano e o mar Tirreno.

No século IX pódese empezar a falar do inicio da documentación sobre Gaeta, parte de cuxo territorio constituía un dos grandes patrimonios en terreos da Igrexa, gobernado por un reitor que o administraba en interese do papado. A fonte principal para a historia de Gaeta durante o seu período ducal é o Codex diplomaticus cajetanus, unha escolma de documentos oficiais.

O título de hipata, testemuñado no século IX en referencia aos señores de Gaeta, ten orixe bizantina e correspóndese ao latino cónsul. En 778, Gaeta foi o cuartel xeral desde onde o patricio de Sicilia dirixiu a campaña contra os sarracenos que tentaban ocupar a Campania. Xa no 810 está testemuñada a presenza dunha frota gaetana. Nos mapas Gaeta é citada como castrum ata 867, cando medra a súa importancia como para ser denominada civitas. En Formia foi realizada unha domusculta polo papa Zacarías para conter o expansionismo gaetano. O Patrimonio Gaetano foi renomeado Patrimonium Traiectum, e o reitor tiña a súa sé no castrum Leopolis.

A república marítima de Gaeta

editar

Inicio da dinastía grega

editar

O primeiro cónsul de Gaeta, Constantino, co seu fillo Mariño asociado ao goberno, foi un cónsul bizantino, vasalo de André II de Nápoles. Constantino defendeu a cidade dos ataques dos piratas sarracenos e erixiu fortificacións, construíndo castelos.

Foi co duque Mariño I, no ano 875, cando Gaeta comeza a lexislar e a bater unha moeda propia soberana, cuñando o “follaro”; isto mostra que a cidade gozaba dunha independencia de feito. Comezou así o período da República marítima de Gaeta[1][2][3], que durou ata 1140, cando o ducado foi incluído no reino de Sicilia. O concepto de república marítima non é antigo, pois naceu coa historiografía oitocentista, que indicou con tal nome as cidade que gozaban dunha independencia de facto (como Amalfi e Gaeta) - ás veces transformada despois en independencia tamén xurídica (como por exemplo no caso de Venecia) - e que basaban a propia liberdade na navegación e no comercio mediterráneo.

Ascenso dos Docibilis

editar

Constantino de Gaeta foi sucedido, probabelmente mediante violencia, por Docibilis I, que instituíu unha dinastía e confirmou a independencia de feito de Gaeta.

 
A torre cadrada do Castelo de Itri, atribuído a Docibilis I.

A dinastía dos Docibilis empeñouse en facer progresar Gaeta mediante obras e alianzas. Uniron as forzas cos sarracenos contra os seus veciños cristiáns e co Papa contra os piratas musulmáns na batalla de Ostia. Dotouse dun impoñente palacio e aumentaron o prestixio e a riqueza da cidade. Os Docibilis rexeron Gaeta independente de Nápoles.

Gaeta nominalmente mantívose como territorio bizantino ata mediados do século X. Despois da súa participación na vitoriosa Batalla do Garigliano (915), Xoán I de Gaeta puido expandir o seu feudo ata o Garigliano e recibir o título de patricius por Bizancio, que concedeu á súa familia o título ducal.

Ao Ducado de Gaeta as fontes atribúenlle nove castra: Campello, Castro Argento (preto de Minturno), Fratte, Itri, Maranola, Sperlonga, Spigno, Suio e Vetera (hoxe totalmente desaparecido) e as cidades de Gaeta e Traetto.

Docibilis II (morto en 954) foi o primeiro que se puido adornar, no 933, co título de dux. O mesmo Docibilis porén subdividiu o territorio facendo ao seu segundoxénito Mariño duque de Fondi, pero a partición do territorio debilitou o poder da familia.

Declive dos Docibilis

editar

No 962, Gaeta someteuse a Pandulfo Testa de ferro, o longobardo príncipe de Capua. No 976, o ducado converteuse en vasalo de Odón II do Sacro Romano Imperio e do Papa, así a súa relación co Imperio de Oriente pasou á de Occidente.

Gaeta minguou en importancia a finais do século X – principios do XI. No 1012, unha sucesión a debilitou ulteriormente: Xoán IV morreu, deixando un fillo Xoán V, tido con Sichelgaita, irmá de Serxio IV de Nápoles. Xoán V, a súa avoa Emilia e os seus tíos León I e León II entraron en conflito polo poder. A situación resolveuse no 1025 cando Xoán V, protexido mentres tanto por Serxio de Nápoles, retomou o control do ducado coa axuda dos normandos. Isto irritou a Pandulfo IV de Capua que comezou a guerra e conquistou Gaeta no 1032.
A dinastía dos Docibilis non había recuperar nunca máis o seu ducado.

Dinastía longobarda

editar

Gaeta foi conquistada polos longobardos no 1032. No 1038, Pandulfo de Capua, convertido en Pandulfo I de Gaeta, foi deposto por Guaimaro IV de Salerno. Guaimaro non reinou persoalmente sobre o ducado por moito tempo, deixando o poder ao mercenario normando Rainulfo Drengot. Á morte de Rainulfo, porén, os de Gaeta elixiron como duque ao longobardo Atenulfo, Conde de Aquino.

So Atenulfo e o seu fillo, Atenulfo II, Gaeta permaneceu practicamente independente, pero Ricardo I, príncipe de Capua e o seu fillo Xordano tomaron posesión del no 1058 e de novo no 1062. No 1064, os longobardos foron expulsados e nace a dinastía normanda: Guillerme de Montreuil, tomou o seu posto e casou coa viúva do longobardo Atenulfo I, María, filla de Pandulfo I.

O papel político das mulleres no Ducado de Gaeta foi ben significativo.

Dinastía normanda

editar

A dinastía normanda comprendeu varios duques provenientes de varias familias de relevo local, sobre todo normandos, ata o 1140.

Do 1067 ou 1068 ao 1091, o poder foi mantido pola familia Ridello, a partir de Gofredo Ridello. No 1103, Guillerme de Blosseville conquistou a cidade. Dous anos máis tarde o ducado foi tomado por Ricardo II da familia normanda dos dell'Aquila.

No 1140 Gaeta foi anexionada ao reino de Sicilia á morte de Ricardo III que deixou as súas posesións a Roxerio II de Sicilia.

Comercio

editar

Na época do seu máximo esplendor, a república de Gaeta mantiña comercio coas máis importantes cidades italianas, as naves chegaban ata Constantinopla e a Siria e tiña numerosos consulados en Berberia (actuais Libia, Tunisia, Alxeria e Marrocos). Ata finais da independencia continuou a comerciar con aceite e gran con Roma, Corneto, con Sicilia e co Sardeña.

Trazo característico da arte gaetana no período do ducado foi a mestura de elementos de tradicións artísticas diversas, principalmente bizantinos, islámicos e románicos[4].

Lista de soberanos de Gaeta

editar

A seguinte é unha lista dos hipatos, patricios, cónsules e duques que gobernaron o territorio do Ducado de Gaeta. Moitas das datas son incertas e mesmo é ambiguo o exercicio do poder dalgúns deles.

Dinastía Grega

editar
 
Gaeta medieval vista desde o mar.

Duques

editar

Dinastía longobarda

editar

Duques

editar

No 1041 Guaimaro confiou o control directo e o seu título de duque ao Conde de Aversa. No 1058 Gaeta foi anexionada ao condado de Aversa e polo tanto ao principado de Capua.

Dinastía normanda

editar

Duques e cónsules

editar

Vasalos do principado de Capua. Os príncipes Ricardo I de Capua e o seu fillo Xordano I usaron os títulos de duque e cónsul desde 1058 o primeiro, desde o 1062 o segundo.

No 1140 Gaeta foi anexionada ao reino de Sicilia por Roxerio II.

  1. Ver a páxina
  2. Guía vermella do Touring Club Italiano, volume Lazio, capítulo relativo a Gaeta. O libro é consultábel en Internet na páxina Lazio: (non compresa Roma e Dintorni) - Google Libri
  3. Salvatore Aurigemma, Angelo de Santis, Gaeta, Formia, Minturno, Istituto poligrafico dello Stato, Libreria dello Stato, 1964
  4. M.T. Gigliozzi, Enciclopedia Treccani- Enciclopedia dell' Arte Medievale (1995), na voz "Gaeta"(V. a páxina http://www.treccani.it/enciclopedia/gaeta_(Enciclopedia-dell'-Arte-Medievale)/) Arquivado 29 de marzo de 2016 en Wayback Machine.; v. Tamén a páxina http://viaggi.michelin.it/web/destinazione/Italia-Italia_Centro_Sud-Gaeta/sito-Duomo-Piazza_Duomo Arquivado 30 de setembro de 2013 en Wayback Machine.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Salvatore Riciniello, Codice Diplomatico Gaetano, vol. I: Carte 1-65 Anni 830-963, La Poligrafica: Gaeta 1987.
  • Salvatore Aurigemma, Angelo de Santis, Gaeta, Formia, Minturno, Istituto Poligrafico dello Stato, Libreria dello Stato, 1964
  • Patricia Skinner, Family Power in Southern Italy: The Duchy of Gaeta and its Neighbours, 850-1139, Cambridge University Press: Cambridge 1995.
  • Mariano Dell'Omo, Insediamenti monastici a Gaeta e nell'attuale diocesi, (Archivio storico di Montecassino. Studi e documenti sul Lazio meridionale, 5), Montecassino 1995.
  • Mariano Dell'Omo, O monachesimo nel ducato di Gaeta (sec. IX/XII), in Pio IX a Gaeta (25 novembre 1848 - 4 settembre 1849) (Atti del Convegno di studio per i 150 anni dell'avvenimento e dell'elevazione della diocesi di Gaeta ad arcidiocesi, 13 dicembre 1998-24 ottobre 1999), a cura di Luigi Cardi, Marina de Minturno 2003, pp. 263–277.
  • Ferdinand Chalandon, Histoire de la domination normande en Italie et en Sicile, París 1907. Ed. it: Storia della dominazione normanna in Italia ed in Sicilia, trad. de Alberto Tamburrini, Cassino 2008. ISBN 978-88-86810-38-8

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar