Coordenadas: 51°30′12″N 0°07′39″O / 51.503333333333, -0.1275

Downing Street é a famosa rúa no centro de Londres que contén os edificios que foron, durante douscentos anos, as residencias oficiais dos dous principais ministros Británicos, o Primeiro Lord do Tesouro un cargo ostentado polo Primeiro Ministro do Reino Unido, e o Ministro de Facenda (Chancellor of the Exchequer). A dirección máis famosa en Downing Street é o 10 Downing Street, a residencia oficial do Primeiro Lord do Tesouro e, polo tanto na actualidade, a residencia do Primeiro Ministro, xa que ámbolos dous roles foron ocupados pola mesma persoa. Como resultado, esta "Downing Street" ou "Número 10" é normalmente empregado como abreviatura para o Primeiro Ministro ou o seu cargo, mentres que "Número 11" é así mesmo un termo para o Ministro de Facenda ou o seu cargo.

Downing Street

Downing Street está localizada en Whitehall no centro de Londres, a poucos minutos andando dos Cámaras do Parlamento do Reino Unido e no bordo do terreo do Palacio de Buckingham. A rúa foi construída e chamada así por Sir George Downing (1632-1689). Downing foi un soldado e diplomático que serviu durante o mandato de Oliver Cromwell e Carlos II de Inglaterra. Polo servizo prestado ao Rei, foi recompensado cuns terreos contiguos ao St. James's Park, sobre os que agora se atopa a rúa Downing Street. Tanto o Primeiro Ministro, o Ministro de Facenda como o Oficial Disciplinario teñen a súa residencia actual en casas dun lado da rúa. Todas as casas do outro lado foron substituídas polo enorme edificio do Ministerio de Asuntos Exteriores no século XIX. Nas décadas de 1950 e 1960, fixéronse plans para demoler tanto o Ministerio de Asuntos Exteriores como o resto de Downing Street e construír "algo máis moderno". Con todo os plans nunca se efectuaron, abandonándose a idea desde entón.

Quen vive onde editar

10 Downing Street é a residencia oficial do Primeiro Lord do Tesouro, polo tanto a residencia do Primeiro Ministro Británico, xa que na actualidade, ámbolos dous cargos ocúpaos a mesma persoa.

11 Downing Street é a casa do Ministro de Facenda.

9 Downing Street foi nomeada no 2001 e é a entrada de Downing Street ao Departamento do Consello Privado e actualmente aloxa a oficina do Oficial Disciplinario.

12 Downing Street, anteriormente a oficina do Oficial Disciplinario, actualmente aloxa o Departamento de prensa do Primeiro Ministro, a Unidade de comunicacións estratéxicas e a Unidade de información e investigación.

Ao longo da historia destas casas, os ministros viviron por acordo en calquera dos lugares que pensaron necesario. Nalgunhas ocasións o Número 11 foi ocupado polo deputado nominal do Primeiro Ministro (tomasen ou non o título)-isto foi particularmente común en gobernos de coalición. Ás veces algún ministro decidiu usar o piso en Downing Street só para ocasións especiais e vivir noutro lugar.

Durante o seu período no cargo que se iniciou en 1881, William Gladstone reclamou a residencia dos números 10, 11 e 12 para el e a súa familia. Isto era razoable porque era á vez Ministro de Facenda e Primeiro Ministro.

 
As portas á entrada de Downing Street

Logo das Eleccións Xerais de 1997 nas que o Partido Laborista tomou o poder, realizouse un cambio. Ao ser Tony Blair unha persoa casada con tres nenos este decidiu mudar a súa familia ao nº 11 da rúa moito máis espazoso que a residencia oficial, mentres que o seu homólogo, Gordon Brown, quen estaba solteiro no momento no que aceptou o seu posto mudouse ao nº 10 máis pequeno. A pesar disto, o Número 10 continuou sendo a residencia oficial do primeiro ministro e contiña os departamentos do primeiro ministro. Isto era a segunda vez que acontecía. Stafford Northcote viviu no Número 10 unha vez, mentres que o Primeiro Ministro viviu entón no Número 11. Neste caso, o evento produciuse precisamente pola razón oposta - por entón, o Número 10 era o apartamento máis espazoso e o Señor Stafford tiña unha familia máis numerosa.

As Portas de Downing Street editar

En 1989 erixíronse unhas portas grandes, negras e metálicas á entrada de Downing Street para protexer ao Primeiro Ministro (por entón Margaret Thatcher) de ataques terroristas, particularmente do IRA Provisional. Anteriormente permitíase ao público andar por Downing Street e pasar polo Número 10, como un atallo ao St. James's Park.