Os dous espíritos, tamén chamados berdache, son nativos (amerindios) que desempeñan un dos moitos roles de xénero mixtos tradicionalmente encontrados entre moitas tribos indíxenas norteamericanas, pero tamén nalgúns pobos suramericanos e centroamericanos.

Detalle da Danza dos Berdache, por George Catlin.
Folla de Piñeiro, xefe berdache da tribo dos grow.

Denominación

editar

En toda a América do norte hai moitos termos axeitados para designar a eses individuos nas varias linguas indíxenas,[1] tales como tibasa (que significa "medio muller" en hopi-navaho), mixu'ga ("instruído pola lúa", en lingua omaha) ou panaro ("dous sexos").[2] O máis antigo dos empregados, berdache, é un termo xenérico empregado principalmente por antropólogos pero frecuentemente rexeitado polos amerindios por inapropiado e ofensivo. Isto pode deberse á súa etimoloxía pexorativa, ao ser un préstamo do francés bardache vía o español bardaxa ou bardaje/bardaja, vía o italiano bardasso ou berdasia, vía o árabe bardaj, que significa "rapaz mantido; prostituto", do persa bardaj.[3]

O actual termo "dous espíritos" foi acuñado en Winnipeg, Canadá, en 1990, durante a terceira conferencia intertribal anual de amerindios LGTB. É un calco da frase ojibwa niizh manidoowag (dous espíritos). Foi elixida para distanciar aos pobos amerindios dos non nativos, así como das palabras "berdache" e "gai".[4]

Características

editar

O termo fai referencia á coexistencia dun espírito masculino e outro feminino vivindo no mesmo corpo. Este termo foi acuñado polos homosexuais, bisexuais e transexuais americanos nativos de hoxe para referirse a si mesmos e para describir os papeis tradicionais que reivindican.

O que os estudosos denominan xenericamente diversidade de xénero dos nativos americanos foi unha institución fundamental na meirande parte dos pobos amerindios. En moitos dos grupos indios había e segue habendo homes e mulleres que combinan o traballo, o comportamento e a vestimenta propia de homes coa propia de mulleres. A meirande parte destas persoas son bioloxicamente homes que adoptan o papel feminino (é dicir, pasivo e penetrado) nas relacións sexuais, polo menos en contextos cerimoniais. Algúns historiadores discuten esta interpretación e consideran que os berdaches se diferenciaban doutros homes máis polo seu traballo e o seu papel relixioso que pola súa actividade sexual. Afirman tamén que as relacións sexuais entre un berdache e un home non se poden considerar relacións homosexuais, posto que os berdaches eran considerados en realidade un terceiro xénero, e non homes efeminados,[5] pero, do mesmo modo, a un berdache non lle está permitido formar parella con outro berdache.[6]

Algúns individuos dous espíritos eran educados no seu rol dende a infancia, sobre todo naqueles pobos que lle concedían prestixio a este papel, pero na meirande parte dos casos os dous espíritos escollían libremente este cambio, inspirados nalgún tipo de sinal sobrenatural, como un soño ou unha visión.[7]

Por volta de 1991, documentouse a presenza de individuos dous espíritos en máis de 130 tribos, en todas as rexións de América do Norte, en todas as culturas nativas.[8]

  1. GILLEY, B.J. (2006). Becoming Two-Spirit: Gay Identity and Social Acceptance in Indian Country. ISBN 0-8032-7126-3. 
  2. MARTÍN CASARES, A. (2006). Antropología del género: culturas, mitos y estereotipos sexuales. Universitat de València. ISBN 84-376-2318-9. (en castelán)
  3. WILLIAMS, W. (1986). The spirit and the flesh: Sexual diversity in American Indian cultures. Beacon Press, Boston. (en inglés)
  4. JACOBS, S.; THOMAS, W.; LANG, S. (Eds.) (1997). Two-spirit people: Native American gender identity, sexuality, and spirituality. University of Illinois Press. 
  5. WIESNER-HANKS, M.E. (2001). Cristianismo y sexualidad en la edad moderna: la regulación del deseo, la reforma de la práctica. Siglo XXI de España Editores. ISBN 84-323-1070-0. 
  6. BLEICHMAR, S. (2006). Paradojas de la sexualidad masculina. Editorial Paidós. ISBN 950-12-4251-X. (en castelán)
  7. FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, V.M. (2006). Una arqueología crítica: ciencia, ética y política en la construcción del pasado. Editorial Critica. ISBN 84-8432-711-6. (en castelán)
  8. ROSCOE, W. (1991). The Zuni Man-Woman. ISBN 0-8263-1253-5. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar