Abrir o menú principal

Devorador da Morte

No mundo de ficción da serie Harry Potter, os Devoradores da Morte constitúen un grupo de meigos e meigas, liderados polo Señor Escuro, Lord Voldemort, principal antagonista dos libros, que procuran a purificación da comunidade máxica mediante a eliminación dos nacidos de muggles. Tamén pretender crear unha nova orde a través do Ministerio de Maxia e causar medo na comunidade asasinando oficiais importantes e outros inimigos, entre os que están os membros da Orde do Fénix.

Devoradores da Morte
Asociación de Harry Potter
Death eater.jpg
Aspecto dos Devoradores da Morte
en Harry Potter e o Cáliz de fogo.
Cuartel xeral Casa dos Riddle [HP4]
Mansión Malfoy [HP7]
Líder(es) Lord Voldemort
Intencións Preservación da pureza de sangue, control do mundo máxico e dominación da xente máxica sobre os muggles
Inimigos Harry Potter, Orde do Fénix, Exército de Dumbledore, Ministerio de Maxia, muggles
Primeira aparición Termo empregado por vez primeira en Harry Potter e o Cáliz de fogo; algúns membros apareceron nas tres primeiras novelas.

Os Devoradores da Morte recoñécense pola Marca Escura que teñen no antebrazo, un sinal creado por Lord Voldemort para convocalo a el de xeito inmediato, ou ao revés. Adoitan vestir con máscara e unha túnica negra con carapucha. A primeira aparición dos Devoradores da Morte como grupo é na novela Harry Potter e o Cáliz de fogo, aínda que varios membros, como Lucius Malfoy, Peter Pettigrew e Severus Snape, xa saíran por separado nalgún dos libros anteriores.

HistoriaEditar

Formación e caídaEditar

A constitución dos Devoradores da Morte sitúase vinte anos antes dos acontecementos dos libros. Torturaban e mataban muggles e aqueles que se opoñían a eles ou crían que podían ter información que axudase a impedir o seu ascenso ao poder. Logo de dez anos da formación dos Devoradores da Morte, unha adiviña, Sybill Trelawney, fixo unha profecía que predicía a chegada de alguén que tería o poder suficiente para derrotar a Voldemort para sempre. A profecía tamén aseguraba que o Señor Escuro ía marcalo coma ao seu igual. Non obstante, esta podía referirse a dous cativos diferentes, Harry Potter ou Neville Longbottom; finalmente, Voldemort elixiu a Harry, que era mestizo coma el, dado que a súa nai era unha meiga nacida de muggle, ao contrario que Neville, que proviña dunha longa linaxe de meigos de vello.

Unha noite, Voldemort asasinou a James e Lily Potter, pero cando foi matar ao seu rival, o esconxuro mortal rebotou en Harry e deulle a el, debido ao sacrificio que a nai de Harry fixera para salvar o seu fillo. Non obstante, o meigo escuro non morreu, tan só perdeu o corpo e quedou debilitado. Coa desaparición de Voldemort, o Ministerio de Maxia conseguiu atrapar e meter no cárcere máxico de Azkaban a algúns dos Devoradores da Morte. Outros, pola contra, puideron eludir a xustiza.

RexurdimentoEditar

En Harry Potter e o Cáliz de fogo, Voldemort consegue recuperar os seus poderes e o seu corpo grazas ás intervencións de Peter Pettigrew e Barty Crouch Jr., quen levara a cabo a sabotaxe do Torneo Tres Meigos para capturar a Harry Potter. Voldemort convoca os seus seguidores para que se poñan ao seu servizo de novo. Agás aqueles que morreron, estaban no cárcere ou tiñan medo de volver, a maioría retornan ás ordes de Voldemort, que intentaría gañar o poder unha segunda vez.

En Harry Potter e a Orde do Fénix, o Ministro de Maxia, Cornelius Fudge, rexeita crer que Voldemort regresara e conclúe que todo é unha mentira artellada por Albus Dumbledore para roubarlle o seu posto. Esta actitud permite aos Devoradores da Morte actuar en segredo sen atopar oposición. Entrementres, os Devoradores da Morte presos poden escapar de Azkaban e recrutar os dementores á causa. Voldemort envia un grupo deles, con Lucius Malfoy á fronte, ao Departamento de Misterios para recuperar a profecía, que descoñecía en parte. A batalla mantida no interior do Ministerio serve para que Fudge admita a volta dos meigos escuros.

Ao final de Harry Potter e o misterio do príncipe, os Devoradores da Morte atacan Hogwarts, asasinando a Dumbledore e ferindo a moitos dos que defendían a escola. Na última novela, Harry Potter e as reliquias da morte, Voldemort logra facerse co control do Ministerio e volve atacar Hogwarts. Nesta batalla morren máis de 50 persoas, incluído o propio Voldemort, que supón a fin dos Devoradores da Morte.

IdeoloxíaEditar

A ideoloxía dos Devoradores da Morte é unha supremacía racial derivada da práctica de maxia negra, esconxuros ilegais e perigosos. Este grupo cre que os meigos son a nobreza da natureza e polo tanto deben someter os outros seres e razas, que consideran inferiores. Na comunidade máxica, só aqueles nacidos de pais meigos son dignos dos poderes máxicos e realizan unha categorización segundo a pureza de sangue: meigos de vello, mestizos e fillos de lameiro. Os Devoradores da Morte non só procuran a restauración do dominio dos meigos de vello sobre a comunidade máxica, senón tamén o sometemento da comunidade muggle. En realidade, a idea de pureza de sangue é un concepto erróneo: o propio Voldemort é mestizo.

 
Tatuaxe da Marca Escura que levan os Devoradores da Morte no antebrazo.

Diversos estudosos e a mesma autora teñen sinalado en varias ocasións as correspondencias existentes entre a orde dos Devoradores da Morte e movementos como o nazismo[1][2][3]. J. K. Rowling admitiu que o mundo da Segunda Guerra Mundial tivo moitas influencias na súa escritura e, en especial, na configuración dun vilán que, como Hitler ou Stalin, estaba obsesionado coa idea do destino[1][2]. Neste sentido, Richard Adams analizou o parecido entre Voldemort e Hitler afirmando que o período comprendido entre a desaparición do meigo e a súa resurrección remite ao período histórico que vai desde a derrota de Alemaña na Primeira Guerra Mundial e o asinado do Tratado de Versalles ata o ascenso do nazismo[3]. Ademais, moitos Devoradores da Morte renegaron da súa afiliación tras a primera caída do seu amo ao igual que aconteceu con nazis nos Xuízos de Nuremberg logo da Segunda Guerra Mundial[4]. Na última novela, o auxe do poder do Señor Escuro tradúcese tamén na dominación do organismo estatal e dos medios de comunicación, difundindo unha política adversa cara aos muggles e os considerados por eles non-puros.

A lealtade que mostran algúns Devoradores da Morte a Lord Voldemort é só por medo ou respecto cara a el. Rowling comentou o caso de Peter Pettigrew, no cal é evidente o tipo de persoa débil na procura de alguén que como Voldemort tivese o poder suficiente para protexelo[1]; outros, como Bellatrix Lestrange, prestan obediencia por simple devoción. O respecto que moios sentían polo meigo escuro é por admiración dos poderosos actos de maxia negra e polo poder que este prometía. Cómpre destacar tamén que non todos os Devoradores da Morte están dispostos a dar a vida polo seu amo. Moitos deles actúan polas posibles represalia que o Señor Escuro puidera ter contra eles. Tamén queda claro ao longo das novelas que Voldemort nunca intentara reunir un grupo de amigos, senón de serventes. Segundo Rowling, o único ser ao que valora é a súa serpe Nagini[5].

Marca EscuraEditar

A Marca Escura é o símbolo de Voldemort e os Devoradores da Morte. Ten forma de caveira cunha serpe saíndo da boca no lugar da lingua. A Marca pode ser ou ben a tatuaxe que levan os vasalos de Voldemort nos seus antebrazos esquerdos ou ben o sinal que disparan ao ceo para deixar pegada do crime que alí cometeron. A primeira aparición da Marca Escura é n’o Cáliz de fogo. A Marca do antebrazo serve como unha conexión entre Voldemort e os Devoradores da Morte. Ao tocala coa variña, permite convocar ao Señor Escuro ou, ao revés, que este os convoque a eles.

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 The Leaky Cauldron, ed. (18 de novembro de 2007). "New Interview with J.K. Rowling for Release of Dutch Edition of 'Deathly Hallows'" (en inglés). Consultado o 27 de febreiro de 2009. 
  2. 2,0 2,1 HarryLatino (ed.). "Rowling entrevistada por XL Semanal" (en castelán). HarryLatino.com. Consultado o 28 de febreiro de 2009. 
  3. 3,0 3,1 Adams, Rihard (2001). The Voice of the Turtle, ed. "Harry Potter and the closest conservative" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2008. Consultado o 1 de marzo de 2009. 
  4. Cosforums.com, ed. (27 de abril de 2007). "Voldemort, OOTP, the MoM, and how it..." (en inglés). Consultado o 1 de marzo de 2009. 
  5. HarryLatino, ed. (30 de xullo de 2007). "Cobertura del chat con J. K. Rowling" (en castelán). Consultado o 27 de febreiro de 2009.