Harry Potter e o Cáliz de fogo

Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.

Harry Potter e o Cáliz de fogo é a cuarta novela da saga Harry Potter escrita por J. K. Rowling e que ten como protagonista a Harry Potter, un mozo meigo. O libro narra o acontecido durante o cuarto ano de Harry na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, lugar que serve de sede para a celebración do Torneo Tres Meigos que reúne os alumnos de tres escolas de maxia. Harry vese forzado a participar nesta perigosa competición; a novela culmina co regreso de Lord Voldemort.

Harry Potter e o Cáliz de fogo
Título orixinalHarry Potter and the Goblet of Fire
Autor/aJ. K. Rowling
CubertaGalicia Dolores Avedaño[1]
Giles Greenfield
OrixeReino Unido
LinguaInglés
ColecciónHarry Potter
Xénero(s)Fantasía
EditorialGalicia Galaxia
Bloomsbury
Data de pub.Galicia novembro de 2005
8 de xullo de 2000
FormatoCapa dura
PáxinasGalicia 640
ISBNISBN 978-84-8288-819-4
Precedido porHarry Potter e o preso de Azkaban
Seguido porHarry Potter e a Orde do Fénix
Premios
TraduciónEva Almazán
editar datos en Wikidata ]

O libro saíu á venda o 8 de xullo de 2000 publicado por Bloomsbury no Reino Unido e no mes de novembro de 2005 en Galicia pola Editorial Galaxia coa tradución de Eva Almazán. Ao ano seguinte da súa publicación orixinal gañou un Premio Hugo[2]. A versión cinematográfica do libro estreouse en 2005.

Sinopse

editar

Introdución

editar

Durante as tres novelas anteriores, o personaxe principal, Harry Potter, fixo fronte ás dificultades de medrar co reto engadido de ser un meigo famoso. Cando Harry era un bebé, Voldemort, o meigo escuro máis poderoso da historia, matara os pais de Harry pero desapareceu misteriosamente despois de intentar asasinar o cativo. Isto foi o que fixo a Harry gañar a súa fama. O neno púxose ao coidado dos seus tíos muggles, Vernon e Petunia.

Harry entra no mundo máxico con once anos, e ingresa na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Fai amizade con Ron Weasley e Hermione Granger e ten unha confrontación con Lord Voldemort, que intenta recuperar o seu poder. Coa volta ao colexio despois das vacacións de verán, algúns estudantes de Hogwarts sofren ataques despois de que a lendaria Cámara dos Segredos sexa aberta. Harry pon fin aos ataques matando ao basilisco agochado nesta gorida e frustrando outro intento de Lord Voldemort de gañar os seus poderes completos. Ao outro ano, Harry oe que é o obxectivo de Sirius Black, un asasino que escapou do cárcere de Azkaban. Malia as rigorosas medidas de seguridade presentes en Hogwarts, Black consegue dar con Harry ao final do ano, e Harry descobre que Black fora incriminado e era seu padriño.

Resumo

editar

O libro comeza cun soño que ten Harry sobre Frank Bryce, o gardián da mansión da familia Riddle. Frank escoita unha conversación entre un deformado Lord Voldemort e o seu servente, Peter Pettigrew. Cáchano espreitando e Harry ve no seu soño como Voldemort mata a Bryce. Antes da fin do verano, Harry, Hermione e a familia Weasley asisten á Copa do Mundo de Quidditch. Durante a celebración do evento aparecen os Devoradores da Morte e causan destrución. Porén, desaparecen cando ollan a Marca Escura no ceo.

Xa en Hogwarts, Albus Dumbledore anuncia durante a festa de benvida que o colexio será a sede do Torneo Tres Meigos, unha competición interescolar. Un estudante de cada un dos tres colexios máxicos sería elixido polo Cáliz de fogo para que competise en representación da súa escola. As outras dúas institucións máxicas, a Academia Beauxbatons e o Instituto Durmstrang, chegan cando van dous meses do curso escolar. Os campións escollidos polo Cáliz son Fleur Delacour para Beauxbatons, Viktor Krum para Durmstrang e Cedric Diggory para Hogwarts. Misteriosamente, o nome de Harry tamén sae elixido, malia que o cativo non se presentara ao Torneo.

O novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra é Alastor Ollotolo Moody, un antigo auror e amigo de Dumbledore. Nas clases, Ollotolo demostra os efectos dos tres Maleficios Imperdoables: o Maleficio Imperius, que permite controlar os actos da vítima; o Maleficio Cruciatus, que tortura a vítima; e o Maleficio Asasino, Avada Kedavra. Harry descobre que é a única persoa que se coñeza que sobrevivira ao maleficio letal.

Na primeira das tres probas do Torneo Tres Meigos, os campións teñen que coller un ovo de ouro protexido por un dragón. Harry consegue completar a tarefa seguindo os consellos de Rubeus Hagrid e Moody. A segunda proba consiste en recuperar algo importante que lle foi roubado a cada participante e foi agochado no lago de Hogwarts. Harry atopa os catro "obxectos importantes" dos campións: Ron, Hermione, Cho Chang e a irmá máis nova de Fleur, Gabrielle Delacour. Vese na obriga de rescatar a Gabrielle ademais de Ron cando se decata de que Fleur non chega, de modo que perde o reto.

Unha noite, Harry e Krum sorpréndense ao dar cun Barty Crouch, Sr. desguedellado saíndo do bosque, balbucindo cousas sen sentido e pedindo ver a Dumbledore. Harry vai pedir axuda, pero cando volve co director, atopan a Krum inconsciente e Crouch desapareceu. Harry descobre máis sobre os Crouch cando olla un dos recordos de Dumbledore mergullándose no pensadoiro. O recordo móstralle o xuízo de Barty Crouch, Jr., un Devorador da Morte, sentenciado ao cárcere de Azkaban por axudar a Bellatrix Lestrange a torturar a Frank e Alice Longbottom, os pais de Neville, ata a demencia.

A terceira e última proba desenvólvese dentro dun labirinto inzado de obstáculos máxicos. Harry e Cedric axúdanse mutuamente e atinxen o centro do labirinto, onde está a Copa do Torneo Tres Meigos. Ambos están de acordo en tocar a copa ao mesmo tempo, para gañaren os dous. A Copa resulta ser unha traslachave que os transporta ata un vello cemiterio en Little Hangleton, onde ven a Pettigrew e mais a un deformado Lord Voldemort. Pettigrew mata a Cedric e ata a Harry á lápida de Riddle. Logo emprega un óso da tumba do pai de Voldemort, unhas pingas do sangue de Harry e corta a súa propia man para completar un ritual máxico que confire a Lord Voldemort un novo corpo.

Voldemort chama aos Devoradores da Morte e revela que tiña un servente en Hogwarts que se asegurara de que Harry participase no Torneo, que o gañase e que fose levado ata ese camposanto. Harry intenta desarmar a Voldemort co Esconxuro Expelliarmus ao mesmo tempo que Voldemort emprega o Maleficio Asasino. Debido a que as variñas son xemelgas, ambos esconxuros chocan e entrelázanse, causando a aparición dun vínculo entre as variñas que mostra os "ecos" das vítimas máis recentes de Voldemort, entre os que están Frank Bryce, Cedric, Bertha Jorkins, James Potter e Lily Potter. Os ecos proporcionan protección a Harry, permitíndolle escapar co corpo de Cedric.

Harry volve aos xardíns de Hogwarts co cadáver de Cedric por medio da traslachave. Moody conduce a Harry ao seu despacho, onde revela que el é o servente de Voldemort. Moody intenta matar a Harry, pero Dumbledore, Severus Snape e Minerva McGonagall chegan de súpeto e conseguen detelo. Dumbledore administra Veritaserum, a apócema da verdade a Moody, e descobren que "Moody" era en realidade Barty Crouch, Jr., que escapara de Azkaban e empregara a Poción Polizume para suplantar ao verdadeiro Alastor Moody. Cando Cornelius Fudge, o Ministro de Maxia, chega a Hogwarts rexeita crer a Dumbledore e Harry cando din que Voldemort regresou.

Harry é coroado Campión do Torneo Tres Meigos e recibe unha recompensa de 1.000 galeóns. Días despois, Dumbledore anuncia o regreso de Voldemort durante a triste festa de despedida. Ao abandona o Expreso de Hogwarts na Estación de King's Cross, Harry dá o seu premio a Fred e George para que poidan crear unha tenda de trangalladas de broma.

Desenvolvemento

editar

Durante o proceso de escritura, este cuarto libro non tivo título definitivo; J. K. Rowling expresou a súa indecisión nunha entrevista para Entertainment Weekly: "Cambiei de idea dúas veces con respecto ao título. Fixérase público o título provisional. [...] Estiven dubidando [...]. Pero ao final preferín o Cáliz de fogo porque transmitía esa sensación de "copa do destino", que encaixaba co tema do libro."[3]

Rowling tamén admitiu que o cuarto libro fora o máis difícil de escribir, porque se decatou de que había un enorme burato na trama[4]. En particular, Rowling tivo problemas co noveno capítulo, "A Marca Escura", que reescribiu ata 13 veces[5].

A adaptación cinematográfica do libro estreouse en 2005. Da dirección encargouse Mike Newell, mentres que o guión foi obra de Steve Kloves.

  1. Dolores Avedaño foi a encarregada de realizar a portada para a versión en castelán, mais os seus debuxos usáronse tamén para as versións galegas e hispanoamericanas.
  2. "2001 Award Winners & Nominees". Worlds Without End. Consultado o 23 de xullo de 2009. 
  3. Jenson, Jeff (4 de agosto de 2000). Entertainment Weekly, ed. ""Rowling Thunder" transcript on Accio Quote!". Consultado o 3 de decembro de 2010. I changed my mind twice on what [the title] was. The working title had got out — Harry Potter and the Doomspell Tournament. Then I changed Doomspell to Triwizard Tournament. Then I was teetering between Goblet of Fire and Triwizard Tournament. In the end, I preferred Goblet of Fire because it's got that kind of cup of destiny feel about it, which is the theme of the book. 
  4. Jensen, Jeff (7 de setembro de 2000). Entertainment Weekly, ed. "'Fire' Storm". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2018. Consultado o 3 de decembro de 2010. 
  5. Accio Quote!, ed. (marzo de 2001). "Comic Relief live chat transcript". Consultado o 3 de decembro de 2010. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar