Desvirgheitors
Desvirgheitors foi unha banda galega de punk rock nacida en Vigo en 1987. Tras varios cambios na formación, o grupo lanzou o seu único álbum de estudio, Desvirgheitors, en 1993, separándose pouco despois.[1][2][3]
Desvirgheitors | |
---|---|
Orixe | Vigo, Galicia |
Período | 1986 - 1993 |
Xénero(s) | punk rock |
Selo(s) discográfico(s) | Fobia |
Antigos membros | Xavi Vilar (voz) Julio (guitarra) Pili Dios (baixo) Miguel "Spi" (batería) Jose Antenas (guitarra) Julio (batería) Tano (guitarra) David (guitarra) Beni (guitarra) |
O grupo está considerado como un dos pioneiros do punk en Galicia,[1] sendo unha importante influencia para conxuntos posteriores como Skacha ou Keltoi!.[3]
Historia
editarDesvirgheitors naceu en Vigo no ano 1986. A súa formación orixinal estaba composta por Pili Dios (baixo), Miguel Spi (batería), Julio (guitarra) e Xavi Vilar (voz), e as súas influencias iniciais eran grupos de punk rock ou crossover thrash como UK Subs, Sex Pistols, The Exploited e Suicidal Tendencies.[1]
En 1987 (ou 1989 segundo outras fontes)[3][4] a banda publicou a súa primeira maqueta, un casete autotitulado de 11 temas gravados con Julián Hernández de Siniestro Total.[1][3][5]
En 1990 entrou na banda o guitarra Jose Antenas e marcharon o batería Miguel Spi e o guitarrista Julio, pasando Xavi a encargarse da batería e das voces. Pouco despois uniríanse a eles dous membros da banda viguesa Kruze de Kables, Julio (batería) e Tano (guitarra).[1][3]
En 1991 esta formación lanzou a segunda maqueta da banda, Demo 91. O casete, de 15 cancións e cunha tirada duns 500 exemplares, foi recoñecido polo fanzine de tirada nacional Reptil'Zine como a mellor maqueta de 1992.[3] Grazas ao éxito deste traballo Desvirgheitors pasaría a realizar concertos fóra de Galicia, tocando en Euscadi, Asturias e Madrid.[2]
Este éxito traduciuse tamén na gravación de dous temas para o recompilatorio do selo Discos Suicidas Deserción (1992), onde aparecerían xunto a importantes bandas estatais como Reincidentes, Andanada 7, Parabellum ou Spatek.[1][3] Antes da gravación das dúas cancións para o recompilatorio, “Los ricos también roban” e “Unha de guerra”, José Antenas deixou a banda e foi substituído por David á guitarra solista.[3]
Pouco despois marcharía o guitarrista rítmico, Tano, sendo substituído por Beni. Tras o cambio dos dous guitarristas o son do grupo comezou a achegarse ao hardcore punk e ao metal.[2][3] Con esta derradeira formación a banda gravou o seu único álbum de estudio, Desvirgheitors, publicado en 1993 polo selo madrileño Fobia.[3][1] Neste disco a banda cantaba case a metade dos seus temas en lingua galega e trátase tamén do primeiro exemplo de crossover thrash feito en Galicia.[6]
Tras o lanzamento do álbum realizarían unha xira por Galicia e Alemaña e pouco despois a banda disolveríase.[3][1]
Homenaxes
editarNo seu EP de 2001 Estado de sitio, o grupo vigués Skacha versionou o tema "Paraísos perdidos", aparecido na maqueta Demo 91.[7] De feito, a primeira maqueta de Skacha fora gravada no local de Desvirgheitors, e as dúas bandas ensaiaban unha preto da outra.[8]
No ano 2005 a banda de Lalín Tiro Na Testa incorporou no seu álbum Agüécate el Pelícano unha versión da canción "Polvo amargo", aparecida orixinalmente no Demo 91.[9]
A banda de oi! viguesa Keltoi! realizou unha versión de "La unidad", do Demo 91, para o seu álbum de 2010 A Nosa Cinza.[10]
No documental de Iago Santás Semente de berrar, estreado en decembro de 2021 e que repasa os últimos 40 anos "de ruído e rúa na Galiza", aparece a baixista de Desvirgheitors Pili Dios.[11]
O dúo vigués de black metal Dioivo versionou o tema “Unha de guerra”, coa colaboración de Pili Dios, para o recompilatorio Ferro e Pedra: Homenaxe ós Precursores, editado o día das letras de 2023 como tributo a bandas galegas das últimas décadas.[12][13]
Discografía
editarÁlbums
editarÁlbum | Ano | Selo | Notas |
---|---|---|---|
Desvirgheitors | 1987 | autoeditada | maqueta |
Demo 91 | 1991 | autoeditada | maqueta |
Desvirgheitors | 1993 | Fobia | álbum |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "Desvirgheitors - La Fonoteca" (en castelán). Consultado o 2023-11-06.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Desvirgheitors". GZmusica.com - Músicas da Galiza. Consultado o 2023-11-06.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 "Grupos Nacionales Nuevaola80: Desvirgheitors". Grupos Nacionales Nuevaola80. Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "Cando Desvirgheitors tirou beef a Bibiano e a Movida Viguesa nos 80". Rouco Son (en castelán). 2023-05-27. Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "Desvirgheitors (maqueta) - Desvirgheitors" (en castelán). 2020-10-30. Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "A historia do metal en galego: Capítulo I (1987-1994)". Rouco Son (en castelán). 2021-09-24. Consultado o 2023-11-06.
- ↑ Salgado, Daniel (2018-12-18). "O 'street punk' de Skacha volve aos escenarios sete anos despois". Nós Diario. Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "Non sei qué pasa en Vigo cos movementos musicais, habería que facer un estudo!". Vieiros. Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "Polvo Amargo (Desvirgheitors), by Tiro Na Testa". Tiro Na Testa (en inglés). Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "A nosa cinza, by Keltoi!". Keltoi! (en inglés). Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "[Trailer] Semente de Berrar". Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "Dez bandas lanzan un tributo ao rock galego das últimas catro décadas con motivo do Día das Letras". Rouco Son (en castelán). 2023-05-17. Consultado o 2023-11-06.
- ↑ "Dioivo - Unha de Guerra [con Pili de Desvirgheitors] (Ferro e Pedra: Homenaxe aos Precursores)". Consultado o 2023-11-06.