Desertores é unha banda de rock de Vigo formada no ano 1987 por Humberto Heredia (guitarra, trompeta e voces), Juan Díaz (baixo e voces), Valerio Araújo (voces) e Miguel González (batería).[1] O grupo publicou unha maqueta de tres temas e dous álbums de estudio, El Desertor (1991) e El Vicio de la Carne (1993), antes de disolverse en 1996.[1] En xaneiro de 2017 Desertores reuniuse coa formación clásica agás Miguel González, substituído por Paco Araujo, realizando concertos dende entón.[2]

Desertores
OrixeVigo, Galicia Galicia
Período1987 - 1996
2017 - presente
Xénero(s)rock
Selo(s) discográfico(s)Zafiro, CFE, CK Produccións
MembrosHumberto Díaz
Juan Díaz
Valerio Araújo
Paco Araujo
Antigos membrosMiguel González
Cholo Soto
Ángel González

Historia

editar

Desertores formouse en Vigo no ano 1987 con músicos que xa tiñan experiencia noutras bandas. A súa formación inicial estaba composta polo vocalista Valerio Araújo (Clepsidra e Valores en Alza), o guitarrista Humberto Heredia (Mauser, Costa Oeste, Os Resentidos e Bombeiros Voluntarios), o baixista Juan Díaz (Averno e Costa Oeste) e o batería Ángel González (Mauser, Costa Oeste e Siniestro Total). Ángel González foi substituído por Miguel González na batería, posto que tamén ocupou Cholo Soto (Rockis Molokis, L'Uomo, Lazos, X-Film e Semen Up).[2]

Ao pouco tempo a banda gravou unha maqueta de tres temas, “No te volveré a buscar”, “El pulpo” e “No soy un degenerado”, e en 1989 fichou polo selo Zafiro.[1] O grupo estivo a piques de cambiar de nome polo de Los 4 Desertores, pero finalmente lanzarían o seu álbum de estrea, El Desertor, co nome de Desertores en 1991 a través do selo Compañía Fonográfica Española (CFE).[2]

O álbum gravouse no estudio Planta Sónica de Vigo e todos os temas agás un, unha versión de “Get off my cloud” dos Rolling Stones, teñen letras da poetisa Xela Arias.[2] O disco foi producido por Sergio Castro e nel participan, ademais do propio Castro gravando guitarras e teclados, Jorge Beltrán de Moncho e Mailo Sapoconchos gravando saxos e gaitas, Andrés Lamas coa harmónic), Jorge Barros co órgano,e Isabel Ventura e Luisa Carvalho aportando voces.[1] A banda editou tres sinxelos do álbum, "El pulpo", "Sal de mi nube" e "Que me dejes en paz".[2]

No ano 1993 Desertores lanzaron a través do selo CK Produccións o seu segundo álbum, El Vicio de la Carne, coa produción de José Taboas. O grupo finalmente disolveríase en 1996.[2]

En xaneiro de 2017[2] a banda regresou aos escenarios para realizar un acústico na tenda de disco Elepé de Vigo,[3] cunha formación composta por Humberto Heredia, Juan Díaz, Valerio Araújo e Paco Araujo,[4] e leva tocando dende entón.[3]

Discografía

editar

Álbums

editar
Álbum Ano Selo
El Desertor 1991 CFE
El Vicio de la Carne 1993 CK Produccións
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Biografía de Desertores - La Fonoteca". lafonoteca.net (en castelán). Consultado o 2021-01-17. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Grupos Nacionales Nuevaola80: Desertores (2)". Grupos Nacionales Nuevaola80. Consultado o 2021-01-17. 
  3. 3,0 3,1 Atlántico (2018-03-16). "Desertores que no desertan". Atlántico (en castelán). Consultado o 2021-01-18. 
  4. "Desertores - Oficial". es-es.facebook.com (en castelán). Consultado o 2021-01-18. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar