De Havilland Heron

O de Havilland DH.114 Heron foi un pequeno avión de pasaxeiros catrimotor británico que voou por vez primeira o 10 de maio de 1950. Desenvolveuse a partir do bimotor de Havilland Dove, cunha fuselaxe alongada e dous motores máis. Deseñouse como un monoplano de á baixa convencional resistente con tren de triciclo que podía ser usado en rutas rexionais e de proximidade. Fabricáronse un total de 149 aparellos[1] e exportouse a uns 30 países. O Heron posteriormente foi a base para varias conversións, como o Riley Turbo Skyliner e os Saunders ST-27 e ST-28.

de Havilland Heron
Tipopasaxeiros
Fabricantede Havilland
Primeiro voo10 de maio de 1950
Introducido1950
Principais usuariosGaruda Indonesian Airways
Unidades construídas149
VariantesSaunders ST-27

Deseño e desenvolvemento editar

Nas últimas etapas da segunda guerra mundial, o fabricante aeronáutico de Havilland comezou o desenvolvemento dun novo avión bimotor de pasaxeiros pequeno, o DH 104 Dove, destinado a substituír o anterior Dragon Rapide e que pronto resultou ser un éxito. Como desenvolvemento adicional, a empresa basicamente ampliou o Dove; alongouse a fuselaxe para conseguir espazo para máis pasaxeiros ou carga, e incrementouse a envergadura para instalar dous motores máis. O Heron tiña unha construción totalmente metálica, e foi presentada como un deseño convencional; a aeronave resultante podería usar moitas das pezas deseñadas orixinalmente para o Dove, simplificando así a loxística das compañías aéreas que usaban os dous tipos.

Fíxose énfase na robusta simplicidade para producir un avión económico para rutas de etapas curtas a medias en áreas illadas e remotas que non posuían aeroportos modernos. O Heron foi deseñado cun tren de aterraxe fixo e motores Gipsy Queen 30, que carecían de engrenaxes e sobrealimentadores potencialmente pouco fiables.

O prototipo Heron, co rexistro G-ALZL, realizou o seu primeiro voo con Geoffrey Pike nos controis o 10 de maio de 1950.[2] O avión non estaba pintado nese momento, e despois de 100 horas de probas presentouse ao público o 8 de setembro de 1950 no Salón Aeronáutico de Farnborough, aínda brillando no seu estado de metal pulido. En novembro, o prototipo recibiu o seu certificado formal de aeronavegabilidade británico e voou a Khartún e Nairobi para probas tropicais.

O prototipo foi entón pintado e equipado como demostrador da compañía, e foi probado pola British European Airways en 1951 nas súas rutas escocesas. Tras a conclusión exitosa das probas do prototipo como avión rexional, comezou a produción en serie do Heron. As primeiras entregas foron para NAC, a New Zealand National Airways Corporation (máis tarde parte de Air New Zealand).

O prezo básico dun novo Heron en 1960 era de 60 000 libras esterlinas, sen contar a radio.[3]

Notas editar

  1. "De Havilland DH114 Heron". BAE Systems (en inglés). Consultado o 2020-12-04. 
  2. Jackson, A.J. British Civil Aircraft Since 1919, Volume 2. London: Putnam & Company, 1973. ISBN 0-370-10010-7
  3. "D.H.I 14 Heron 1 and 2". Flight Global. Archived from the original on 12 de maio de 2013. Consultado o 4 de abril de 2024.