Daxue

un dos Catro Libros do confucianismo

O Daxue (chinés tradicional: 大學; chinés simplificado: 大学; pinyin: Dàxué; Wade-Giles: Ta4-hsüeh2; lit. "A grande aprendizaxe") é un dos chamados Catro Libros (sishu 四書) do confucianismo, atribuído a un dos discípulos do propio Confucio, Zengzi.[1] O Daxue procede dun capítulo do Liji 禮記 ou Libro dos ritos, que formaba parte dos Cinco Clásicos (wujing 五經). Está composto por un texto principal moi breve, que recolle as ensinanzas de Confucio rexistradas por Zengzi, e mais dez capítulos de comentarios supostamente escritos por este último. Os ideais da obra atribúenselle a Confucio, mais o texto foi redactado por Zengzi tras o seu pasamento.

Daxue
Autor/aConfucio e Zengzi
LinguaChinés clásico
Xénero(s)texto relixioso
editar datos en Wikidata ]

Os chamados Catro Libros foron escolmados polo filósofo neoconfuciano Zhu Xi (1130-1200) durante a dinastía Song, como unha introdución aos principios do confucianismo. Os exames imperiais recollerían estas obras como parte esencial do seu currículo.

Composición e influencia

editar

Confucio, influenciado polas ideas de filósofos anteriores, compilou ou editou o Liji e mais o Chunqiu 春秋 ("Os anais de primaveras e outonos"), dous dos Cinco Clásicos. O seu discípulo, Zengzi, quen escribiu a introdución e os comentarios do Daxue, viviu entre o 505 e o 436 a.C.

O Daxue influenciou a moitos autores, adaptándose ás necesidades e crenzas do seu tempo. O erudito, poeta e funcionario imperial Li Ao (772-841) empregou o Daxue, contribuíndo á súa popularidade. Os irmáns Cheng, Cheng Yi (1033-1107) e Cheng Hao (1032-1085), empregaron o Daxue para desenvolver a súa filosofía. As ideas de ambos atoparon a oposición do goberno imperial, mais acadaron unha influencia posterior grazas a Zhu Xi.

Durante a dinastía Song do sur, Zhu Xi editou o Daxue e incluíuno entre os Catro Libros, xunto co Zhongyong, o Lunyu e o Mengzi. Zhu Xi tomou o Daxue dun capítulo do Liji ou Libro dos ritos.[2] Ademais, estableceu a ordenación actual en dez comentarios. Influído polo confucianismo dos irmáns Cheng, e tomando ideas do budismo chan e do daoísmo, Zhu Xi estableceu a súa propia concepción neoconfuciana.[3]

Tras as dinastías Song e Yuan, o Daxue converteuse en manual obrigatorio nas escolas e nos exames imperiais.[3] Tamén foi un texto influente en Corea e no Xapón.[4][5]

Porén, houbo tamén voces críticas coa obra, entre as que destacan Lu Xiangshan (1139-1192) e Wang Yangming (1472-1529), que se opoñían á súa preferencia do estudo sobre a acción. Wang Yangming rexeitou tamén os cambios feitos por Zhu Xi, recuperando a versión orixinal do Liji.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar