David Ausubel

psicólogo estadounidense

David Paul Ausubel, nado en Nova York o 25 de outubro de 1918 e finado o 9 de xullo de 2008, foi un psicólogo e pedagogo estadounidense, unha das personalidades máis importantes do construtivismo.

David Ausubel
Nome completoDavid Paul Ausubel
Nacemento25 de outubro de 1918
Lugar de nacementoNova York
Falecemento9 de xullo de 2008
Lugar de falecementoNova York
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterUniversidade de Pensilvania e Teachers College
Ocupaciónpsicólogo
PremiosAPA Division 15 Career Achievement Award
Na rede
Find a Grave: 41151663 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Estudou na Universidade de Nova York,[Cómpre referencia] e foi seguidor da obra de Jean Piaget. Unha das súas maiores achegas ao campo da aprendizaxe e a psicoloxía foi o desenvolvemento desde 1960 dos organizadores de avance.

Na década de 1970 as propostas de Jerome Bruner sobre a aprendizaxe por descubrimento estaban tomando forza. Ausubel considerou que non debía ser presentada como oposto á aprendizaxe por exposición (recepción), pois esta pode ser igual de eficaz, se se cumpren certas características. Así, a aprendizaxe escolar pode acadar unha aprendizaxe significativa ou memorística e repetitiva. Coa aprendizaxe significativa os novos coñecementos incorpóranse de forma substantiva na estrutura cognitiva, ao relacionar os novos coñecementos cos anteriormente adquiridos; pero tamén é necesario que o alumnado se interese por aprender o que se lle está a mostrar.

A aprendizaxe significativa produce unha retención máis duradeira da información, e facilita a adquisición de novos coñecementos relacionados cos anteriormente adquiridos de forma significativa, pois ao estar claros na estrutura cognitiva facilítase a retención do novo contido. A nova información ao ser relacionada coa anterior, é gardada na memoria a longo prazo. É unha aprendizaxe activa, pois depende da asimilación das actividades de aprendizaxe, e persoal, xa que a súa significación depende dos propios recursos cognitivos.

Teoría psicopedagóxica editar

Ausubel diferenza dous tipos de aprendizaxes: a referida ao modo en que se adquire o coñecemento, e a relativa á forma en que o coñecemento é subsecuentemente incorporado na estrutura de coñecementos ou estrutura cognitiva.

Ausubel rexeitaba o suposto piagetiano de que só se entende o que se descobre, pois tamén pode entenderse o que se recibe. Unha aprendizaxe é significativa cando pode relacionarse, de modo non arbitrario e substancial (non ao pé da letra) co que xa se sabe. Son necesarias dúas condicións: o material de aprendizaxe debe posuír un significado en si mesmo as súas diversas partes deben estar relacionadas con certa lóxica), e debe ser potencialmente significativo para a aprendizaxe (debe posuír na súa estrutura de coñecemento ideas coas que se poida relacionar o material). Para lograr a aprendizaxe dun novo concepto cómpre tender unha ponte cognitiva entre ese novo concepto e algunha idea de carácter máis xeral xa presente. A esta ponte cognitiva chámalle organizador previo, consistente nunha ou varías ideas xerais que se presentan antes que os propios materiais de aprendizaxe para facilitar a súa asimilación.

Aprendizaxe significativa por recepción editar

Para que a aprendizaxe sexa significativa por recepción, Ausubel definiu varios parámetros, como as características pedagóxicas do profesorado, o papel do alumnado e as súas características, as características e o tipo de material de apoio, a organización do proceso no tempo, as características do currículo escolar, o papel da avaliación no proceso, e os aspectos motivacionais.

Obra editar

  • The use of advance organizers in the learning and retention of meaningful verbal material (1960). Journal of Educational Psychology, 51, 267-272.
  • The Psychology of Meaningful Verbal Learning (1963). Nova York: Grune & Stratton.
  • In defense of advance organizers: A reply to the critics (1978). Review of Educational Research, 48, 251-257.
  • Educational Psychology: A Cognitive View (1978, xunto a H. Hanesian). Nova York: Holt, Rinehart & Winston.